O reitor mantivo unha xuntanza co presidente da Asociación galaico-árabe Jenin
A UVigo ampliará as súas estratexias de acollida de alumnado e profesorado palestino
A través de máis axudas a refuxiados, convenios con universidades e bolsas KA171
A Universidade de Vigo seguirá a traballar para ampliar a súa rede de colaboración con Palestina. Tras unha reunión mantida entre o reitor, Manuel Reigosa, con Sami Ashour, presidente da Asociación galaico-árabe Jenin (Comunidade Palestina en Galicia), a institución académica acordou estender as súas estratexias de cooperación para tratar de acoller máis alumnado e profesorado procedente deste país. Na xuntanza estivo presente tamén a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, así como dúas representantes da asociación UVigo por Palestina: Margarita Vázquez González, do Departamento de Química Física e investigadora do CINBIO, e Mamer Santos García, PAS.
A reunión coa Asociación galaico-árabe Jenin chega xusto nun dos intres máis esperanzadores tras 15 meses de conflito e 47.000 mortos: o inicio do alto o fogo que entrou en vigor este domingo. Para a vicerreitora “é un raio de luz” e, se mantén no tempo, “permitirá comezar a fase de avaliación do desastre e da planificación da restauración”, xa que como trasladaban os representantes da Comunidade Palestina en Galicia, “hai máis estruturas derruídas que en pé”. Neste sentido e respecto da conversa mantida con Sami Ashour, a vicerreitora de Extensión Universitaria subliñaba que aínda que todos “sabemos que a situación é desoladora, cando unha persoa está directamente implicada e che fala da súa familia, amizades e describe o seu día a día, resulta demoledora”.
Estudar na UVigo durante a reconstrución
O motivo da xuntanza, proposta pola asociación Jenin, era abordar posibles colaboracións con universidades palestinas para facilitar as estadías en Galicia de estudantes, profesorado e persoal investigador nos próximos meses e anos. A vicerreitora Susana Reboreda lembra que o alumnado universitario palestino leva ano e medio sen acudir á universidade e o que se busca é “que durante a reconstrución poidan retomar os estudos e que este baleiro non se converta en tres anos”.
Entre os principais acordos acadados na xuntanza, a UVigo comprometeuse a ampliar o número de axudas ás persoas refuxiadas e a súa cobertura; avaliar a posibilidade de incluír aloxamento nestas axudas; elaborar e asinar acordos bilaterais coas universidades de Gaza, que servirían para acoller estudantes das universidades socias durante o tempo da reconstrución para que regresen despois ás súas universidades para graduarse; e finalmente, tentar solicitar o número máximo de bolsas KA171 para financiar mobilidades de estudantes e profesores das universidades de Gaza.
Inicialmente, estudantado de mestrado e doutoramento
Como explicaba o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, na xuntanza, o obxectivo é que se oferten posibilidades factibles e compatibles coas pautas administrativas permitindo que os estudos realizados teñan un recoñecemento unha vez que regresen ao seu país. Para estudos de mestrado e de doutoramento, o proceso é máis doado, “no primeiro caso pola propia duración do título e no segundo polas posibilidades de mobilidade que outorga a investigación”, detalla Susana Reboreda. Para estudantes de grao serán precisos convenios bilaterais e neste proceso involucrarase a Vicerreitora de Internacionalización. Outra posible vía de colaboración son os convenios Erasmus K171 e neste sentido, Reboreda avanza que xa se “mantiveron contactos con universidades palestinas”.
Outra das liñas de traballo será “o reforzo das bolsas que convocamos para persoas refuxiadas. Nos campus de Ourense e Vigo facilitarase aloxamento nas residencias universitarias e tentarase incrementar a contía económica”. As estadías serán semestrais ou anuais e o obxectivo e que estas medidas entren en funcionamento o vindeiro curso, se é posible cumprimentar todos os trámites.