DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Empregouse a estación terrea de atlanTTic para a recollida de datos

A UVigo apoia a operación do satélite OPS-SAT da ESA na súa fase final

Participaron nesta misión experimental empresas e universidades de todo o mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • TIC
  • Investigación
DUVI 11/06/2024

A misión experimental OPS-SAT CubeSat da Axencia Espacial Europea, ESA, chegou o seu fin durante a noite do 22 ao 23 de maio de 2024. Lanzado o 18 de decembro de 2019, OPS-SAT tiña a tarefa de abrir o mundo das operacións de naves espaciais a un público o máis amplo posible, permitíndolle a empresas e universidades de todo o mundo probar nun escenario controlado as súas innovacións en materia de operacións satelitais, reducindo significativamente o risco inherente a misións de maior envergadura.

Desde a Universidade de Vigo o persoal investigador do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, tamén prestou apoio a esta operación e fíxoo proporcionándolle un importante soporte para a reentrada atmosférica deste satélite. Ao igual que outros centros de seguimento a nivel internacional, empregouse a estación terrea de atlanTTic, que previamente prestou servizo a satélites propios como Lume-1, Serpers, Humsat-D e Xatcobeo, para a descarga de datos de OPS-SAT nos seus últimos meses de servizo, recollendo un total de 406 paquetes de información nesta última campaña.

Recollida global de datos

A pesar do seu tamaño compacto, comparable ao de unha peza de equipaxe de man, OPS-SAT segue sendo un satélite funcional equipado cun transmisor de radio UHF accesible pola comunidade global de radioafeccionados. Isto permitiu que durante as etapas finais de reentrada na atmosfera continuara transmitindo datos de telemetría en tempo real esenciais para calibrar modelos atmosféricos e de propagación en altitudes baixas, onde ata agora se recolleu pouca información.

En relación a isto, tanto Benjamín Bastida, da Oficina de Desfeitos Espaciais da ESA, como David Evans, xerente do Laboratorio Espacial OPS-SAT da ESA, subliñaron a importancia destes datos para mellorar as predicións do tempo e lugar de reentradas atmosféricas, xa non só facendo uso de estacións terreñas en Alemaña e a Universidade de Roma, senón da propia colaboración da comunidade de radioafeccionados para recoller datos globais durante esta fase final.