A Unidade de Diversidade organiza unha xornada de asesoramento e cribado
A UVigo aposta polo fomento da saúde sexual na comunidade universitaria
A actividade terá lugar este xoves no Edificio de Ferro
Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Saúde Sexual este 4 de setembro, a Universidade de Vigo, a través da súa Unidade de Diversidade e en colaboración coa entidade Apoyo Positivo, organiza este xoves no campus de Ourense unha nova xornada de asesoramento e cribado das infeccións de transmisión sexual (ITS).
A actividade terá lugar o 10 de setembro, na entrada do Edificio de Ferro, en horario de 11.00 a 15.00 horas, e estará dirixida a toda a comunidade universitaria interesada. O principal obxectivo da campaña é informar, asesorar e concienciar sobre a importancia da saúde sexual e das prácticas sexuais seguras, promovendo especialmente o uso do preservativo como medida eficaz de prevención nas relacións sexuais. Así mesmo, ofrecerase a realización da proba rápida do VIH en fluído oral, de forma anónima e confidencial. Esta proba constitúe unha primeira aproximación diagnóstica, que deberá ser posteriormente confirmada mediante probas de laboratorio no caso de obter un resultado reactivo. Esta xornada de setembro dá continuidade a outras de igual formato realizadas ao longo do pasado curso académico en diferentes campus da UVigo, repetíndose a iniciativa pola boa acollida que tiveron entre a comunidade universitaria.
A relevancia deste tipo de actividades, sinalan desde a súa organización, radica en que unha porcentaxe significativa das persoas que viven co VIH descoñece a súa situación serolóxica. “O diagnóstico precoz permite acceder de maneira temperá aos tratamentos dispoñibles, mellorando notablemente o prognóstico e a calidade de vida das persoas afectadas. Ademais, contribúe a reducir a transmisión involuntaria do virus a outras persoas”, comentan.
O Día Mundial da Saúde Sexual celébrase anualmente promovido desde o ano 2010 pola Asociación Mundial para a Saúde Sexual co obxectivo de concienciar á poboación sobre a importancia dos dereitos sexuais, a diversidade, o pracer e o benestar integral. O lema escollido neste 2026 é Cada corpo e busca visibilizar que os dereitos, a xustiza, a saúde e o pracer sexual pertencen a todas as persoas sen excepción nin discriminación.
Próxima cita, o Día Mundial da Sida
Tamén no ámbito da educación sexual, este cuadrimestre a Unidade de Diversidade sumarase ás actividades organizadas co Día Mundial da Sida (o 1 de decembro) e da solidariedade coas persoas afectadas polo VIH, desenvolvendo diferentes actividades nos tres campus da Universidade de Vigo. A programación arrancará o día 20 de outubro, no campus de Pontevedra; seguirá o 26 de novembro no de Ourense e rematará o 23 de novembro no campus de Vigo.
