DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa recalca que a cidade reúne as “condicións idóneas”

A UVigo aposta por Ourense para albergar a Agencia Estatal de Supervisión de Inteligencia Artificial

A Universidade de Vigo participa na candidatura liderada por Amtega para traer a Galicia este órgano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 08/09/2022

A Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2022 prevé o impulso dunha lei para a creación da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial, que deberá ser aprobada este ano. A axencia é un dos organismos de nova creación que poden ser radicados nunha localización diferente a Madrid, de acordo co Real Decreto 209/2022. No marco da candidatura galega para albergar esta axencia que se está a preparar, a Universidade de Vigo aposta pola cidade de Ourense por reunir “as condicións idóneas” para acollela.

Unha proposta "potente"

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, pronunciouse sobre esta candidatura este xoves tras reunirse co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, para abordar esta mesma cuestión e en declaracións aos medios de comunicación antes da celebración da constitución e primeira sesión deste curso académico do Consello de Campus de Ourense. O responsable académico lembrou que se está a traballar nunha candidatura galega para albergar esta axencia, candidatura liderada pola Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) por encargo da Xunta de Galicia e na que participan, entre outras entidades, as tres universidades galegas. No marco desta candidatura, dixo o reitor, “nun momento determinado abriuse a porta a que as universidades propuxésemos unha sede” e a proposta da UVigo foi Ourense.

“Nós, como Universidade, apoiamos que esta axencia estea en Ourense, non temos ningunha dúbida de que é o sitio axeitado para poñela”, recalcou Manuel Reigosa. Nesta cidade, afirmou, “danse as condicións idóneas” tendo en conta a filosofía de descentralización que busca o goberno do estado. Así, apuntou aspectos como que está ben comunicada por AVE, que é unha cidade de tamaño medio, con calidade de vida e prezos asequibles e que afronta o reto demográfico da agora chamada “España baleirada”. A estas características xerais da cidade o responsable académico engadiu a baza de que a axencia disporía do edificio de La Molinera, “un edificio ao que xa se pode entrar a traballar, un edificio moi acaído e axeitado para o traballo que se ten que facer dentro da axencia”. Neste senso, indicou que o primeiro que fixo cando ofreceron ás universidades a posibilidade de facer propostas de cidades para a candidatura galega, “foi pedirlle ao alcalde de Ourense La Molinera e concedéunola inmediatamente". Xa desde o ámbito universitario, o reitor puxo en valor o feito de que no campus de Ourense está a Escola Superior de Enxeñaría Informática e agora as titulacións de grao e mestrado de Intelixencia Artificial, ademais de “grandes profesionais”. A todos estes factores engadiu o apoio político a esta candidatura, en referencia ao respaldo xa manifestado tanto polo alcalde da cidade como polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. A elección de Ourense para a candidatura galega que finalmente se presente e para albergar a axencia, comentou Reigosa, “sería boa para a cidade” pero tamén “encaixaría perfectamente co que está pedindo o ministerio”.
 
Sobre os seguintes pasos a seguir, o reitor indicou que a previsión é que ao longo deste mes o Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital dirá cales son as claves para a escolla da sede. Respecto á elección da cidade que finalmente irá na candidatura galega, sinalou que “entendo que a decisión se tomará unha vez se fagan públicos todos os criterios que vai utilizar o estado nesa elección”. Para a elaboración da candidatura galega e a proposta concreta de Ourense de ser a elixida, Reigosa adiantou a posta a disposición da institución académica da Xunta de Galicia, da Deputación e do Concello de Ourense para a elaboración da documentación precisa “porque pensamos que esta proposta é moi importante para todo o sur de Galicia”. Amosando o seu “máximo respecto para as demais cidades de Galicia que tamén queren competir por ser esta axencia”, o reitor subliñou que a proposta de Ourense “é unha proposta potente” e “ao final do que se trata é de que Galicia presente unha candidatura que gañe a outras comunidades autónomas”.

Apoio do Concello de Ourense

Antes do Consello de Campus de Ourense, Manuel Reigosa, acompañado de Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, e de Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da UVigo, reuniuse co alcalde de Ourense na casa do concello. Na xuntanza, Gonzalo Pérez Jácome trasladoulle a vontade do concello ourensán de apostar pola cidade como sede desta futura Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial, promovendo “unha declaración institucional, que quere consensuar con todos os grupos políticos tanto no Concello como na Deputación, para trasladarlle ao goberno do estado a demanda unánime de todos os grupos de que Ourense sexa a sede desta nova entidade”. O alcalde destacou que “Ourense está moi ben posicionada, porque o Concello, sempre en coordinación coa Universidade de Vigo, ofreceu ademais o espazo de La Molinera como sede da nova entidade”.

Ampliación do campus

Na súa visita a Ourense, o reitor tamén se referiu aos retos de futuro que afronta o seu campus. Este curso académico, dixo, “hai retos moi importantes desde o punto de vista das novas titulacións que se están empezando a impartir e que tiveron un éxito extraordinario, tanto Relacións Internacionais como Intelixencia Artificial”. Neste senso Reigosa indicou que “nós contabamos con que ían ser titulacións moi demandadas pero desbordaron todas as previsións e ademais non afectaron ao resto das titulacións”. Grazas a estas incorporacións, engadiu, “temos un campus máis completo, máis potente e con máis alumnado” polo que recalcou como este curso académico preséntase dun xeito “ilusionante”.

Entre estes retos, o reitor tamén explicou que “empezamos a programar o campus de futuro, o que ten que ver tamén coa ordenación dos seus espazos”, referíndose tanto ás parcelas das que xa dispoñe o campus de Ourense para construír como “algunha posible ampliación que agora mesmo estamos a traballar coas institucións públicas”. Destacando o apoio amosado ata o de agora por estas institucións, o responsable académico dixo que é “moi optimista en canto que poidamos programar ese desenvolvemento urbanístico do futuro campus, contando ademais con que a Xunta de Galicia nos vai a conceder cartos adicionais, fóra do plan de financiamento, e que polo tanto calquera obra que fagamos non vai a afectar ao funcionamento ordinario da institución”.

Nesta reordenación dos espazos, a UVigo márcase varias etapas. A primeira, detallou o seu responsable, é a construción do edificio que albergará a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo na parcela do campus situada ao carón da escola infantil. “Estamos nestes momentos xa cos trámites do concurso arquitectónico”, dixo. Unha vez que estea este edificio, afirmou Reigosa, “poderemos pensar na reordenación global do campus para non andar sempre pondo parches”. O horizonte co que traballa a institución académica “é ter esa programación de futuro para as titulacións que están, para as que están agora poñéndose en marcha e para as que poidamos conseguir máis adiante”. Sobre as seguintes etapas, o reitor lembrou que “o presidente da Deputación de Ourense dixo que estaría disposto a axudarnos para contar con algunha parcela nos terreos de diante da residencia universitaria”. Esta opción, “unha operación complexa e que inclúe a moitos actores”, dixo Reigosa, podería permitir facer un acceso desde o campus norte ao campus sur a través desta parcela. “Podería ser unha opción pero hai moitas outras opcións dentro de Ourense que nos permitirían esa ampliación futura”, afirmou o reitor.