DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes celébrase OnEJob 2020, o evento co que se reempraza á Finde.U

A UVigo aposta tamén pola virtualidade nas feiras de emprego universitario

Inscribíronse 1900 persoas e participan máis 50 empresas que ofrecen 1500 postos de traballo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/10/2020

A Universidade de Vigo levaba tempo apostando pola modalidade virtual nas feiras de emprego, unha opción que ata o de agora se combinaba co formato presencial, pero a situación sanitaria provocada pola covid-19 obrigou este ano a renunciar á parte presencial e centrar todos os esforzos na versión dixital. O resultado é OnEJob 2020, a Feira Europea de Emprego para graduados/as en liña, o evento co que a institución académica viguesa reempraza á Finde.U, a tradicional feira de emprego universitario que viñan coorganizando desde hai anos as universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro. A nova feira prolongarase ao longo de todo o día de hoxe martes e nela están a participar preto de 1900 persoas inscritas que, a través deste encontro,  poden  acceder a 270 ofertas de emprego, que se traducen en 1500 oportunidades de traballo, dado que algunhas destas ofertas ofrecen varios postos vacantes.

“A situación sanitaria actual non recomenda o formato presencial. Non obstante, as estatísticas alcanzadas na modalidade virtual auguran que este formato veu para quedarse e, a pesares de non contar co choque de mans entre persoas candidatas e recrutadores, a virtualidade fai posible unha simulación de achegamento entre ambos perfís”, subliña Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, ao tempo que explica que xunto á Universidade de Vigo participaron na organización do encontro a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e o EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, xunto coa Xunta de Galicia e o IEFP/EURES Portugal. 

Elevada porcentaxe de participantes de España e Portugal

En total rexistráronse nesta primeira edición da OnEJob 2020 1894 persoas, das cales 395 proceden de España e o resto están repartidas entre Portugal, con cifras similares ás de España, Italia e outros países da Unión Europea. “Na Finde.U virtual celebrada en abril de 2019 o número de participantes españois foi un 15% máis baixo”, salientou Álvarez, quen valora como “moi positivo” este incremento na participación española no evento, unha participación que, segundo explica, pode acadar cifras aínda mellores xa que o prazo de inscrición está aberto ata o venres, pois ata ese día as persoas rexistradas poderán pórse en contacto coas empresas que están a participar na feira.

Enfermaría e enxeñaría, os perfís máis demandados

OnEJob 2020 conta con postos virtuais de máis de 50 empresas de todos os sectores, desde o farmacéutico ata a automoción, pasando polas principais consultarías internacionais, entidades bancarias ou firmas relacionadas co coidado de persoas dependentes. Respecto aos tipos de perfís que máis se demandan destacan os profesionais da enfermaría e a enxeñaría en todas as súas especialidades, así como aquelas persoas que teñan amplo dominio de diferentes idiomas, incluíndo o inglés, o francés, o español, o portugués, o alemán ou o ruso.

Múltiples actividades de elevado interese para quen busca emprego

Se ben as empresas deixarán as súas “portas abertas” ás dúbidas dos participantes ata o vindeiro venres, o evento organízase nesta primeira edición nun único día. Ao longo de toda a xornada de hoxe martes as persoas rexistradas poderán entregar o seu CV de xeito virtual ás ofertas de emprego que máis lle interesen, así como participar e ver en vivo as charlas e mesas redondas organizadas de maneira paralela, toda unha axenda de eventos de gran relevancia para as persoas que buscan emprego.

A axenda para este martes inclúe a participación no programa de numerosos integrantes da comunidade universitaria viguesa. Por parte do alumnado contouse coa participación do alumno Erasmus Prácticas Cristian Bolaño que compartiu co público asistente a súa experiencia como beneficiario deste programa e, xa pola tarde, intervirá o recen nomeado embaixador do programa EU Careers Isaías Basilio de Souza, estudante do Grao en Dereito, quen, ás 17.00 horas, dará unha charla sobre as oportunidades de emprego na Unión Europea. En canto ao profesorado, participarán, entre outros, a propia directora da Área de Emprego, Maruxa Álvarez, que moderará unha mesa redonda sobre emprendemento na que intervirá o tamén profesor da UVigo Pablo Cabanelas, que contará a súa experiencia como investigador principal do proxecto MoBAE, financiado por Interreg PocTep. Ademais, os docentes asociados Reyes Fernández, Ángeles Pariente e Javier Álvarez Prego participan como poñentes nalgún dos vídeos pregravados sobre ferramentas de empregabilidade.