Nunha sesión extraordinaria de Consello de Goberno celebrada este martes
A UVigo aproba unha nova normativa de recoñecemento de créditos pola participación do alumnado en actividades universitarias
Non poderán superar o 10% do total de créditos do plan de estudos
A Universidade de Vigo conta dende hoxe martes cunha nova Normativa de recoñecemento de créditos nas titulacións oficiais de grao pola participación estudantil en actividades universitarias. O Consello de Goberno, nunha sesión extraordinaria, deu o visto bo por asentimento a este novo regulamento que busca, segundo explicaba o reitor, Manuel Reigosa, adaptar o marco legal da UVigo ao Real Decreto 822/2021 e, ao mesmo tempo, “promover e incrementar a participación do estudantado en actividades organizadas pola UVigo ou por outras universidades, co fin de mellorar a vida universitaria e contribuír ao desenvolvemento persoal e á formación integral do alumnado, de xeito complementario á súa formación académica”.
Así o explicaba na sesión a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, que lembraba que, ata agora, a institución olívica contaba cun Regulamento de recoñecemento de créditos por realizar actividades universitarias culturais, deportivas, de representación estudantil, solidarias e de cooperación
aprobado en 2016. Coa aprobación do Real Decreto 822/202, cómpre adaptar a normativa da UVigo, xa que o novo RD amplía o abano de iniciativas susceptibles de ter recoñecemento de créditos e establece un máximo do 10% de créditos dentro do plan de estudos. Ademais, engadía a vicerreitora, a Ley Orgánica 2/2023 do Sistema Universitario, establece, a maiores das actividades anteriores, que poden ser obxecto de recoñecemento académico “mentoría, aprendizaxe-servizo, ciencia cidadá, asociacionismo universitario e creación de novas iniciativas sociais e empresariais”. Polo tanto, “para adaptar o noso regulamento, proponse esta nova normativa, que derroga o anterior regulamento e na que se inclúen as novidades do RD e da Lei”.
Principais cambios
A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidad detallou na sesión os principais cambios que inclúe a nova normativa. Por exemplo, no que se refire ao número máximo de créditos a recoñecer establécese o máximo do 10% dos créditos do título, como recolle o RD, pero sempre limitado á optatividade do titulo ou ao que se recolla na memoria”. Outra modificación está relacionada coas horas de formación que se recoñecen, que no regulamento vixente ata agora era de 30 horas/1ECTS e pasa a ser de 25horas/ECTS.
No que se refire ás actividades obxecto de recoñecemento, mantéñense as culturais, deportivas, solidarias e de cooperación e de representación estudantil (aumentando neste último caso os créditos de 1 a 2 por curso académico). Os idiomas, destacaba a vicerreitora, tamén estaban recoñecidos no anterior regulamento a través de cursos do Centro de Linguas ou da Escola Oficial de Idiomas; agora, a nova normativa esixirá certificados de idiomas recoñecidos por ACLES e segundo o nivel do estudante. Ademais, amplíanse as actividades susceptibles de ser recoñecidas con créditos que poden estar relacionadas co asociacionismo, a mentoría e as iniciativas de carácter docente. Tamén se engade un procedemento específico de recoñecemento por programas ou conxunto de actividades organizados institucionalmente por vicerreitorías, unidades ou áreas da universidade.
Neste punto interveu o profesor Álvaro López Mira, quen solicitou que o recoñecemento de créditos por representación estudantil tivese en conta a periodicidade das reunións destes órganos, “porque non é o mesmo participar no Consello de Goberno, no Claustro ou no Consello Social ou nunha Xunta de Titulación. Aínda que a normativa se aprobou por asentimento, o Consello de Goberno comprometeuse a estudar esta solicitude para que o recoñecemento vaia en consonancia co tempo de dedicación total do alumnado a estes órganos.
Nesta sesión do Consello de Goberno tamén se aprobaron dúas transferencias de crédito de 10.000€ e de 40.000€ respectivamente na Facultade de Educación e Traballo Social e outra na Vicerreitoría do campus de Ourense.
