213 elixen o campus de Vigo, 57 o de Pontevedra e 53 o de Ourense
A UVigo avanza na súa internacionalización coa chegada de 323 estudantes de 34 países
A estes haberá que sumar os que se incorporen no segundo cuadrimestre
A Universidade de Vigo segue, ano tras ano, apostando pola internacionalización en todas as súas vertentes, dende a captación de talento docente e investigador ata proxectos de I+D e programas de mobilidade. De feito, estes días estanse incorporando ás aulas dos tres campus máis de trescentos mozos e mozas procedentes doutros países tanto da Unión Europea como do resto do mundo.
A pasada semana tiveron lugar os actos de benvida para este alumnado de intercambio, uns eventos nos que puideron coñecer os servizos e áreas da UVigo así como as actividades culturais e académicas nas que van poder participar durante os meses que dure a súa estadía na UVigo. En total, son 323 estudantes procedentes de 34 países, dos cales 213 elixiron escolas e facultades do campus de Vigo, 87 optaron por centros de Pontevedra e 53 polo campus de Ourense. Deles, 278 optaron por unha mobilidade dun cuadrimestre de duración e 45 quedarán todo o curso. A partir de xaneiro uniránselles os estudantes que optaron por unha estadía no segundo cuadrimestre.
Estas cifras melloran as de anos anteriores, xa que no curso 2024/2025 en setembro se incorporaban á UVigo 312 estudantes e no curso 2023/2024 o facían 289. Deste xeito, a institución olívica vai, paseniñamente, achegándose ás cifras de mobilidade previas á pandemia.
Informe mobilidade curso 2025/2026 primeiro cuadrimestre e curso completo
O perfil: maioritariamente mozas procedentes de Italia ou Polonia
Como vén sendo habitual, entre o alumnado estranxeiro as mozas son maioría, 194 fronte a 128 mozos, amais dunha persoa que non especifica o seu xénero. Analizando a procedencia, Italia con 67 e Polonia con 51 continúan sendo os países maioritarios, seguidos por Alemaña, de onde proceden 39 estudantes e Francia, país de orixe doutros 35. Cabe subliñar tamén a importante presenza de estudantes mexicanos grazas aos convenios bilaterais, e turcos, a través do Erasmus+ 171 para mobilidades non europeas.
O programa Erasmus+ segue tamén a ser o maior provedor de mobilidades, xa que a través del chegan á UVigo 238 alumnos e alumnas. A estes súmanse 63 que chegan con convenios bilaterais e outros 19 a cargo do programa Erasmus+ 171, así como tres máis procedentes de Reino Unido e Estados Unidos a través do programa ISEP.
“Grazas por escoller a UVigo”
Nos actos de benvida que tiveron lugar a pasada semana, mozos e mozas foron recibidos en Ourense polo vicerreitor do campus, Francisco Javier Rodríguez Rajo; en Pontevedra pola vicerreitora Eva Mª Lantarón e en Vigo polo reitor da Universidade, Manuel Reigosa e a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo. O reitor agradeceulles a todos e todas o teren elixido a Universidade de Vigo, “unha institución nova da que agardamos que vos convertades, no futuro, en embaixadores”. Reigosa puxo en valor os programas de mobilidade, en especial o Erasmus, que é "esencial para construír unha Europa e unha sociedade solidaria e aberta, sobre todo tendo en conta a preocupante realidade na que vivimos”, facendo especial referencia á situación de Palestina e de Ucraína.
A vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, sumouse tamén ás palabras do reitor e recalcou que o programa Erasmus “é moi importante non só para adquirir coñecementos, senón que é tamén unha experiencia para compartir os valores europeos e iso é algo moi importante neste momento da historia”. Ademais, Del Pozo convidounos a participar en todas as actividades formativas, culturais, naturais e lúdicas que se van organizar durante todo o curso e desexoulles unha experiencia exitosa. “Agardo que aprendades moito e estou segura de que así será porque a UVigo é unha universidade realmente boa, que aínda que é nova está bastante arriba nos ránkings internacionais tanto en investigación como en docencia”.
213 estudantes internacionalizan o campus de Vigo
Do total de estudantes que estes días chegan á Universidade de Vigo, 213 estudarán no campus de Vigo. Boa parte deles (60) farano na Facultade de Filoloxía e Tradución, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais (53) e na Escola de Enxeñaría Industrial (45). Coma no global da UVigo, os países de procedencia maioritarios son Italia (52), Polonia (41), Alemaña (34) e Francia (24).
Para moitos deles, ademais da oferta académica da institución, a súa localización é clave á hora de elixila como destino e o mar foi un factor esencial. É o caso de Catalina, de Santiago de Chile, que durante os vindeiros meses se incorpora á Escola de Enxeñería Industrial. “Chamábame moito a atención a cultura galega, quería coñecer as tradicións desta parte de España e tamén quería vivir a experiencia de estar preto do mar, porque en Santiago vivimos nun val rodeado de montañas”. Polo de agora, a cidade estalle “gustando moito”, opinión coa que coinciden un grupo de estudantes italianos, entre eles Ángela e Matilde, que van estudar diferentes titulacións, como Ciencias Económicas e Empresariais e Tradución e Interpretación. Procedente de Nápoles, un dos estudantes italianos explica que escolleu Vigo porque lle parecía unha cidade amigable, “polo mar” e por “certas similitudes” co seu país de orixe “polo clima e polo carácter da xente”. Outros destacan a oferta formativa de calidade no eido da Tradución e a Interpretación e das linguas. É o caso de Sophía, de Alemaña, que estuda Filoloxía Alemá e Francesa que ten como destino a Facultade de Filoloxía e Tradución. Non tivo tempo apenas de ver nada da cidade, pero agarda poder comezar a descubrila estes días e nos próximos meses poder seguir ampliando os seus coñecementos en idiomas para converterse no futuro en docente.
Nestes días tamén están a chegar á UVigo estudantes des mestrados, como é o caso dos peruanos Tania Quicaño e Omar Martínez, que cursarán o Máster en Oceanografía e que xa coñecían dunha anterior visita á cidade. “As persoas son moi amables e logo de estar na UVigo para solicitar información sobre os mestrados anhelaba vir aquí e logreino”, explica Tania, que é enxeñeira acuícola pesqueira pola Universidad de Villarreal e veterinaria, titulacións que quere complementar con oceanografía. Omar decidiu cursar o máster na UVigo “porque aquí hai moi bos profesionais, cos que xa tratei polo meu traballo nunha entidade do estado” e tamén “ampliar os meus coñecementos e aplicalos no meu ámbito laboral”.
57 estudantes de 16 países escollen Pontevedra
Procedentes de 16 países, 49 estudantes internacionais permanecerán nas facultades e escolas do campus de Pontevedra no primeiro cuadrimestre, mentres que outros oito farano durante todo o curso. En conxunto, Pontevedra arranca este curso con 57 estudantes internacionais de intercambio, a cifra máis elevada nun inicio de curso desde antes da pandemia. Un ano máis, a Facultade de Comunicación volve ser o centro con máis alumnado estranxeiro, cun total de 21, sendo México o país que máis estudantado achega ao campus, un total de doce. En segundo lugar, atópase Francia, desde onde chegan estudantes como Matilde Fonte Carmo, alumna do Instituto de Ciencias Políticas de Fointainebleau, quen se formará ao longo deste curso na Facultade de Dirección e Xestión Pública. O “diversificado” dos estudos que se imparten neste centro e o seu interese por coñecer España e mellorar o seu castelán foron dúas das razóns que achegaron a Pontevedra esta estudante de orixe portuguesa, que quere centrar a súa traxectoria profesional nas relacións internacionais. “Vir estudar fóra do meu país é bo para a miña carreira”, recoñece, ao tempo que destaca o seu interese “por coñecer persoas e culturas” como outro dos factores desta “nova experiencia” que vivirá na UVigo.
53 estudantes de 15 nacionalidades en Ourense
No campus de Ourense, a cifra total de estudantado estranxeiro ascende a 53 persoas: 47 neste primeiro cuadrimestre e 6 todo o curso académico. Proceden de quince países, destacando Turquía (orixe de 11 estudantes) e Italia (10). Os centros máis internacionalizados son nesta ocasión as facultades de Relacións Internacionais (que recibe 13 rapazas e rapaces), Ciencias Empresariais e Turismo (11) e Educación e Traballo Social (10). Entre o alumnado estranxeiro que se achegou ao acto de benvida celebrado no campus de Ourense estivo Maricielo Aponte. Procedente de Lima, en Perú, incorpórase ás aulas da Facultade de Dereito pois, apunta, “gústanme moito o que son as leis, poder axudar ao cidadán, desenvolverme e tamén crear conexións ao redor do mundo”. Ela elixiu esta cidade para estudar contando con referencias de coñecidos e a súa primeira impresión é positiva tanto do campus como da súa comunidade universitaria. “De momento gústame moito, vexo moitas zonas verdes, con vistas ao bosque... quédame un pouco lonxe pero é moi lindo”, comenta a alumna.
