A través do proxecto europeo EcoTours, no que participaron socios de seis países
A UVigo axuda a 16 empresas españolas a mellorar e certificar as súas prácticas de ecoturismo
Maioritariamente galegas, todas obtiveron algunha nova certificación no ámbito da sustentabilidade
Durante a pandemia as micro e pequenas empresas do ecosistema turístico víronse afectadas por unha presión sen precedentes. Co obxectivo de axudarlles a superar esta situación, desde a Unión Europea puxéronse en marcha diferentes iniciativas, entre elas o proxecto Ecotours, unha iniciativa dirixida a implicar aos axentes clave e ás comunidades locais de Europa en estratexias e accións colaborativas para crear un sistema de apoio ás PEME turísticas e contribuír así a aumentar á rexeneración económica dos destinos rurais en Europa a través do turismo circular. A Universidade de Vigo representou a España neste consorcio e, neste camiño, iniciado en xaneiro de 2023, axudou a 16 firmas, maioritariamente galegas, a mellorar e certificar as súas prácticas de ecoturismo.
Así se explicou na xornada de peche local do proxecto, unha xuntanza celebrada este xoves no edificio Redeiras, á que asistiron arredor de 30 persoas, incluíndo representantes das empresas participantes, colaboradores, institucións con competencias en turismo, así como o equipo responsable do proxecto na UVigo, liderado pola profesora da Facultade de Comercio, Pilar Muñoz, e a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que foron as encargadas de darlles a benvida.
Financiado con 1,3 millóns de euros, no marco do programa Mercado Único, Recuperación Covid-19 mediante o crecemento sostible do turismo e o apoio á PEME, o proxecto Ecotours contribuíu de xeito claro “a aumentar a capacidade das PEME turísticas da UE para promover estratexias e prácticas sostibles sobre turismo circular”, subliñou Pilar Muñoz na súa intervención, quen explicou que en total participaron neste proxecto 96 empresas procedentes de Italia, Grecia, Francia, Chipre, Hungría e España.
16 empresas espalladas por toda Galicia, País Vasco e Almería
Entre os resultados máis ‘palpables’ do proxecto, Muñoz explicou que15 das empresas que participaron desde España no proxecto conseguiron algunha certificación no ámbito da sustentabilidade turística: 4, na medición da Pegada de Carbono; 3, S de Sostenibilidade; tres, GoodTravelGuide; 2, Fundación Starlight; TourCert, Ecostars, Biosphere...
Destas 16 empresas, a inmensa maioría son galegas, pero hai tamén unha vasca, unha almeriense e unha portuguesa que participou desde o seu negocio en Galicia: Bam.bu Bicycles, firma dedicada á creación de bicicletas de bambú, elaboradas con materiais ecolóxicos e biodegradables e pensadas para completar rutas turísticas.
O perfil é moi variado, desde o Camping de Ons, ata Galiwonders, a axencia especializada en peregrinos internacionais; Bluscus, especialistas en turismo mariñeiro; Hotel Mogay, un símbolo do sector en Chantada; Milhulloa, cooperativa pioneira no cultivo de herbas medicinais; Salmoira, proxecto que recupera para o turismo a historia gastronómica do litoral galego; Arenaria Coordinacion, especialistas en divulgación mariña; Piragüilla, ocio e aventura; Genuine Spain (Vitoria-Gasteiz), a empresa dedicada a descubrir o mundo baixo o paraugas da sostenibilidade; VoltaMontana, especializada en rutas de cultura e natureza...
Casi todas asistiron este xoves á xuntanza. Desde Galiwonders, falaron da importancia da colaboración para a proposta de experiencias turísticas; desde Bambú, do cambio de modelo de negocio, da produción de bicicletas de bambú á prestación de servizos turísticos; de Milhuolla, do deseño de experiencias de turismo sostible baseadas nos recursos naturais da contorna; de Hotel Mogay, da aplicación da Intelixencia Artificial no sector turístico; de Destination Experiences, da certificación Biosphere para o aliñamento cos ODS e Axenda 2030; de Sailway, das certificacións da Fundación Starlight e as experiencias de astroturismo e de Volta Montana da S de Sostenibilidade como folla de ruta para a mellora da empresa.
Catálogo de experiencias coas 96 empresas europeas participantes
Xunto ás certificacións no ámbito da sustentabilidade, “un dos resultados máis valiosos do proxecto son as relacións que se estableceron entre as diferentes empresas participantes”, apuntou a coordinadora. Froito de toda esta colaboración, estase a deseñar o catálogo Mar e Montaña, unha viaxe cos cinco sentidos no que se incorporan experiencias das 96 empresas beneficiarias do proxecto en cada un dos territorios dos socios -varias procedentes de Galicia-, e dalgúns colaboradores cos que hai asinado convenio.
A maiores, deseñouse tamén un manual de boas prácticas de turismo sustentable coa recompilación de experiencias turísticas consideradas como referencias no sector e un repositorio de recursos de formación en torno ao turismo sustentable.
Desde que se puxo en marcha, hai xa 30 meses, combináronse as xuntanzas de traballo coas visitas ás diferentes rexións involucradas no proxecto. A Universidade de Vigo acompañou ás empresas nestas visitas, apoiounas na selección dos provedores, na execución e na xustificación dos servizos de consultaría, formación, acompañamento e certificación, xestionou a recompilación da información para o catálogo de boas prácticas, o repositorio de recursos formativos ou as experiencias turísticas sustentables das 16 empresas españolas.
Evento final en Bruxelas o 28 de maio
O evento de peche do proxecto terá lugar o 28 de maio en Bruxelas e, xunto á Universidade de Vigo, asistirá á xuntanza en representación das empresas participantes españolas Galiwonders, axencia de viaxes especializada no Camiño de Santiago.
