DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa consecución de 17 proxectos de investigación: 12 Horizonte Europa e 5 doutras convocatorias

A UVigo bate récords na captación de fondos europeos e acada, en apenas 6 meses, os 4,8 millóns de euros

Manuel Reigosa e Belén Rubio anuncian a creación da vicexerencia de Investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Reitor
  • Investigación
D. Besadío DUVI 21/07/2022

Un ano de récord. Así se referiron o reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, ao primeiro semestre de 2022, seis meses nos que a Universidade de Vigo logrou alcanzar a cifra de 4,8 millóns de euros en captación de fondos europeos para a posta en marcha de 17 proxectos de investigación. Doce destes proxectos foron aprobados dentro do programa marco Horizonte Europa, principal sistema de financiamento da Unión Europea en materia de investigación e innovación para o período 2021-2027, e outros cinco levaranse a cabo con recursos procedentes doutras convocatorias internacionais. A previsión para finais de ano e alcanzar a cifra de 8 millóns de euros, arredor de dous millóns de euros por encima das cifras conseguidas en 2021 – cando se acadaran 16 proxectos financiados con 5,8 millóns de eurosw-, un exercicio que xa se consideraba excelente en termos de captación de fondos.

“Hai ben poucos días tiñamos boas novas respecto da posición da Universidade de Vigo en diferentes clasificacións o que, unido a estes datos que hoxe presentamos, vén a salientar o excelente traballo que está a realizar desde o punto de vista da investigación todo o noso persoal”, salientou o reitor nunha rolda de prensa que se levou a cabo no edificio Redeiras e na que tamén  se anunciou a creación da Vicexerencia  de Investigación, da que se fixo cargo Anxo Moreira, ata agora técnico de I+D da Oficina de Proxectos Internacionais. “Esta vicexerencia servirá de ponte entre o persoal investigador e a xerencia”, explicou a vicerreitora Belén Rubio, que insistiu na importancia de “descargar ao persoal investigador de toda a carga burocrática e administrativa, que cada vez é maior, para que poida centrarse nas súas investigacións”.

“Temos unha enorme satisfacción polos resultados acadados, son datos que demostran a calidade do noso sistema investigador e tamén de todo o apoio loxístico que dá a Oficina de Proxectos Internacionais”, recalcou o reitor, destacando a importancia duns fondos “que son moi competitivos”, e que, unha vez acadados, permiten tamén facer redes e xogar un papel “importantísimo” para o desenvolvemento futuro. “Queremos que a sociedade coñeza estes datos e se poida sentir orgullosa da súa Universidade”, salientou Reigosa.

3,8 millóns de euros do Programa Horizonte Europa

Pendentes aínda da convocatoria Interreg, “que sairá probablemento no segundo semestre do ano”, tal e como explicou Anxo Moreira, os 12 proxectos aprobados dentro da convocatoria Horizonte Europa supoñen para a Universidade de Vigo unha inxección económica de 3,8 millóns de euros. Coa excepción dunha axuda contrato Marie S. Curie, “un dos programas estrela da Unión Europea para captar talento”, as demais axudas concedidas son para a  posta en marcha de proxectos colaborativos que se levarán  a cabo entre diferentes institucións europeas, exercendo a Universidade de Vigo como entidade coordinadora en catro destes proxectos. “Non só aumentamos en fondos, senón tamén na calidade deses fondos ao liderar varios destes consorcios”, recalcou o novo vicexerente, que foi o encargado de ir explicando os detalles dos fondos acadados.

Dos 12 proxectos aprobados catro pertencen ao ámbito tecnolóxico, outros catro ao científico, dous ao xurídico social e outros dous son multidisciplinares (un que relaciona as ciencias sociais, as humanidades e tecnoloxía, e outro que relaciona o ámbito científico co das ciencias sociais).  En canto á distribución por campus, sete pertencen ao campus de Vigo, tres ao de Ourense (dous deles multicampus) e outros dous ao de Pontevedra. “Todo isto demostra que non só colaboramos entre ámbitos, senón tamén entre campus”, explicou Moreira, facendo así fincapé na idea de que “os tres campus son capaces de unirse para competir e conseguir eses fondos europeos”.

Entre os diferentes aspectos que se destacaron durante a rolda de prensa subliñouse o feito de que dous dos proxectos concedidos forman parte das denominadas Misións Europa, unha das principais novidades que presenta Horizonte Europa fronte ao anterior programa marco, H2020. Estas “misións” propostas pola Comisión Europea retan ás institucións de ensino superior a resolver diferentes retos sociais (loita contra o cancro, adaptación ao cambio climático, creación de cidades máis verdes...). No caso das propostas da Universidade de Vigo unha das propostas aprobadas forma parte da denominada Misión Océanos, relativa á limpeza e recuperación dos océanos, mares, costas e ríos, e a outra á Misión Solos, dirixida á obtención de solos sans para que os alimentos, as persoas, a natureza e o clima tamén estean saudables.

1 millón de euros doutras convocatorias internacionais

Ademais dos 12 proxectos Horizonte Europa, a Universidade de Vigo acadou tamén preto dun millón de euros doutros cinco proxectos de diferentes convocatorias internacionais. Nesta liña, un dos proxectos concedidos será financiado polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía, outro pola Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, outro polo Fondo Social Europeo, outro polo Programa Europa Dixital da Comisión Europea, e un quinto proxecto contará con financiamento da Fundación Comunitaria de Silicon Valley .

Un despegue que chega tras a creación da OPI en 2019

Con respecto á evolución histórica do número de proxectos europeos H2020 e HE acadados polo persoal investigador da UVigo, a creación da Oficina de Proxectos Internacionais no ano 2019 marcou, tal e como se salientou na rolda de prensa, un antes e un despois. Neste senso amosáronse sendo gráficos coa evolución do número de proxectos e número de fondos conseguidos ano a ano, unha cifra crecente que, a xuízo de Moreira, debería ir incrementándose ano a ano, ao igual que aconteceu co anterior programa marco, ata chegar a 2027.

“Despois de tres anos de funcionamento da OPI estes datos demostran que esta estrutura funciona, que está forte e san”, subliñou a vicerreitora, que explicou o principal papel desta oficina é acompañar ás investigadoras e investigadores en todo este proceso, desde dar a coñecer as diferentes convocatorias ata axudarlles en todos os trámites das solicitudes. “Somos unha universidade de excelencia con alma, é dicir, o noso obxectivo é acompañar ao noso persoal investigador, darlles cariño e axudarlles a conseguir eses proxectos”, salientou a vicerreitora.

Ranking Shangai e Lei da Ciencia

Ante as preguntas dos medios de comunicación ao respecto da posibilidade de que a Universidade de Vigo volva situarse entre as 500 mellores universidades do mundo no Ranking de Shangai, o reitor determinou que conseguilo é un obxectivo para esta lexislatura, pero “sería aventurado” pretender conseguilo neste primeiro ano de mandato. “Volver a situarnos na franxa entre as 500 e as 600 mellores xa é para nós todo un éxito”, recalcou o reitor, insistindo na idea de que “superar esa barreira non é doado, pero estamos na carreira”.

Con respecto á nova Lei de Ciencia salientouse que, unha vez estea aprobada, farase todo o necesario para adaptarse do mellor xeito posible. “Nós xa aproveitamos a reforma laboral para mellorar moito a situación das nosas investigadoras e investigadores”, salientou Reigosa, quen explicou que xa se sacaron convocatorias co novo procedemento de selección de persoal, “aberto, transparente e baseado en méritos”, tal e como se esixe dende Europa.