DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 9 de decembro no Teatro Afundación a cargo da Orquesta Clásica de Vigo

A UVigo dá a benvida ao Nadal co seu tradicional concerto 

Con entrada de balde ata completar a capacidade da sala 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI 26/11/2025

Cun programa integrado por obras de Séjourné e Haydn, interpretado pola Orquesta Clásica de Vigo, a Universidade de Vigo celebrará o vindeiro 9 de decembro o seu tradicional concerto de Nadal. O Teatro Afundación acollerá a partir das 20.30, con entrada de balde ata completar a capacidade da sala, un concerto dunha hora de duración no que o percusionista Álvaro Jurado será o solista e no que a orquestra estará dirixida por Manuel Martínez Álvarez-Nava.

A orquestra decana de Galicia

O Concerto para marimba e cordas, de E. Séjourné e a Sinfonía núm. 75 en Re maior, Hob. I:88, de F. J. Haydn son as dúas obras que interpretará a Orquesta Clásica de Vigo. A formación musical decana de Galicia aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos e nos 40 anos de historia da entidade, as obras interpretadas superan as cincocentas, realizando, nos últimos anos, propostas de danza, cinema en directo, bandas sonoras, propostas actuais e obras consagradas. Polos seus atrís pasaron ao longo da súa historia máis de 800 instrumentistas de toda Galicia, con máis de 160 solistas. 

Un solista e un director de prestixio

O concerto de Nadal da UVigo contará coa interpretación como solista do percusionista Álvaro Jurado, quen combina interpretación, investigación e docencia cunha visión aberta e creativa da música. Nos seus concertos, o son dialoga coa imaxe e coa palabra creando experiencias que transcenden o puramente musical. Formado no Conservatorio Superior de Vigo, ampliou os seus estudos no Centro Superior Katarina Gurska, na Universidade Internacional de Valencia e na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Actuou como solista xunto á Real Filharmonía de Galicia, colaborou con agrupacións como a Orquesta Nacional de España, a Orquesta Ciudad de Granada ou a Orquesta de Córdoba en España, mentres que no ámbito internacional actuou en Luxemburgo, Portugal, Francia e Países Baixos, ademais de participar en proxectos de música contemporánea co grupo Neopercusión en festivais como Música en Segura. Galardoado co concurso Acordes de Caja Madrid, co Premio Honorífico David Russell o co Premio á Excelencia Musical da Xunta de Galicia, publicou o disco Memento Vivere. Actualmente é profesor no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, coordinador artístico do Festival Internacional de Percusión de Almería (FIPAL) e director asociado da empresa cultural Dos Acordes.

A Orquesta Clásica de Vigo actuará o 9 de decembro baixo a dirección do seu director titular, o oventense Manuel Martínez Álvarez-Nava. Discípulo de Alfonso Ordieres Rivero, estudou violín e viola no Conservatorio Superior de Asturias e ampliou os seus estudos de viola con Enrique Santiago. Estuda dirección de orquestra con Jacques Bodmer, discípulo do lendario Hermann Scherchen e foi profesor violista da Orquesta Sinfónica de Asturias Angel-Muñiz Toca. Fundador, solista e concertino da Orquesta Universitaria de Oviedo, da que tamén foi director adxunto, foi catedrático de Violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo e recentemente director convidado en cidades como L’Aquila, Viana do Castelo, Trento ou Hamburgo. Manuel Martínez Álvarez-Nava é o director titular da Orquesta Clásica de Vigo desde a súa creación en 1984.