O convenio de creación asinárono hoxe o reitor e o vicepresidente de Enxeñaría da firma
UVigo e BorgWarner selan unha colaboración de anos coa creación dunha cátedra
As escolas de Enxeñaría Industrial e de Telecomunicación concentran as accións conxuntas
Empresa de referencia para prácticas do estudantado. Colaboradora activa na realización de actividades formativas, de divulgación e captación. Patrocinadora de premios…. A relación da empresa BorgWarner Emissions Systems Spain coa Universidade de Vigo, e nomeadamente coas escolas de Enxeñaría Industrial e Telecomunicación, é unha constante desde hai case dúas décadas, que a partir de agora se materializará a través dunha marco estable coa creación da Cátedra BorgWarner-UVigo.
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, acompañado polos directores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca P. Díaz, e Industrial, José Fariña; e o vicepresidente de Enxeñería de BorgWarner Turbos & Thermal Technologies, Carlos Castaño, acompañado polo director de Recursos Humanos de BorgWarner España, Xurxo Arias, asinaron este mediodía, nun acto celebrado no campus de Vigo, o convenio de colaboración para a creación da Cátedra BorgWarner-UVigo. O acordo ten o obxectivo de regular a colaboración estable entre a institución académica e a empresa de solucións de propulsión e xestión térmica para a industria da automoción, coa finalidade de promover, dunha banda, o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, e pola outra, fomentar entre o alumnado preuniversitario vocacións tecnolóxicas en áreas de coñecemento relacionadas coas actividades da empresa.
Manuel Reigosa agradeceu a confianza amosada durante anos pola empresa na UVigo e incidiu na importancia de “captar e pulir o talento e estar abertos á colaboración público-privada, que a UVigo leva no seu ADN, e que é bo para o territorio”. Pola súa banda, Carlos Castaño cualificou a creación de cátedra como “un fito na colaboración entre BorgWarner e a UVigo. Unha colaboración baseada na confianza”, dixo, que se traduciu ao longo dos anos en múltiples iniciativas académicas e de transferencia de coñecemento, ao tempo que destacou que “investir en educación, en investigación e en talento non é só unha cuestión de responsabilidade social. É unha aposta estratéxica a longo prazo”. Mentres, Xurxo Arias, director de Recursos Humanos de BorgWarner, detallou algunhas das colaboracións que ao longo dos anos desenvolveron coa UVigo e sinalou que coa creación desta cátedra “refórzase e consolídase o percorrido para xerar máis oportunidades profesionais”.
Áreas estratéxicas e actividades da Cátedra
Cinco son as liñas de actuación estratéxicas da Cátedra, segundo se recolle no documento asinado este venres: a creación dun programa de captación de talento coa finalidade da formación excelente de estudantado de enxeñaría nas liñas de actividade de BorgWarner, en concreto da EET e a EEI; o impulso de accións que permitan a difusión da actividade docente e investigadora do PDI das escolas; a colaboración en actividades transversais á docencia, especialmente no ámbito do Plan de Acción Titorial e o de Mentorización das escolas e accións con asociacións estudiantís; promover a posta en marcha de actividades formativas que teñan por obxecto a capacitación, especialización e actualización de competencias de membros da comunidade universitaria; e a organización de xornadas, conferencias, seminarios e foros, nos ámbitos de estudo propios da cátedra.
Estas accións estratéxicas traduciranse na realización de actividades como a colaboración co Plan de Difusión e Captación da EET e a EEI para dar visibilidade aos seus estudos e fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas; a organización de actividades formativas e competitivas para estudantado preuniversitario; valoración dos expedientes máis destacados; colaboración nos plans dos centros para a organización de conferencias e seminarios, obradoiros e competicións ou realización de traballos fin de titulación aliñados co interese da cátedra; ou promoción de eventos científicos e tecnolóxicos.
O convenio establece unha achega anual de 15.000 euros por parte de BorgWarner para a cátedra, cuxa dirección recaerá na subdirectora de Infraestrutura e Internacional da EE de Telecomunicación, Verónica Santalla, mentres que na comisión de seguimento estarán dúas persoas de cada escola, ademais das persoas representantes da empresa.
Liñas de colaboración concretas: dun máster dual a unha microcredencial
No acto de sinatura da cátedra, os directores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industrial enumeraron algunhas das liñas de actuación conxuntas desenvolvidas con BorgWarner, a quen agradeceron a súa confianza.
Para Rebeca P. Díaz a colaboración “foi un proceso natural”, ao tempo que asegurou que a cátedra será “un marco que englobará todas as actividades”. A directora da EE de Telecomunicación, lembrou que BorgWarner é unha das empresas mecenas da rede conexiónTeleco, colaborando nos procesos de calidade do centro, participando na elaboración do plan estratéxico da EET e tamén en actividades de divulgación e captación de estudantado de grao, como entidade patrocinadora das Olimpíadas de Teleco desde o seu inicio xa hai catro edicións, e patrocinando un dos premios aos tres mellores expedientes académicos de entrada no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. Así mesmo, Rebeca P. Díaz avanzou que a próxima semana sairán, por vez primeira, as prazas ofertadas da Mención Dual do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación, “e unha delas é de BorgWarner, cun perfil moi interesante para traballar nun tema punteiro na empresa e que agardamos que se poida cubrir”.
Así mesmo, tanto no caso da EET, como no da Escola de Enxeñaría Industrial, BorgWarner oferta TFGs e TFMs e tamén colabora na formación de doutorado. No eido da formación especializada, destaca a actividade do Departamento de Tecnoloxía Electrónica (que imparte docencia na EET e máis na EEI) que dende hai anos colabora coa empresa en varias titulacións propias como é o caso do curso de especialista en Electrónica para Compoñentes de Automoción (que comezou en 2018), ou o curso de especialización en Electrónica Industrial para enxeñeiros/as mecánicos/as de BorgWarner, permitindo nestes anos a formación de máis de 115 enxeñeiros/as da empresa. Outro exemplo do colaboración é a microcredencial Modelado e control de accionamentos PMSM con MATLAB-Simulink.
O director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña, referiuse na súa intervención a estas liñas de colaboración baseadas en dúas palabras, sinalou, “confianza e sintonía, tanto para a formación do alumnado da escola, como para a reciclaxe”. Fariña, que agradeceu a confianza de BorgWarner na Escola, considera que a cátedra que hoxe bota a andar “dará acubillo ao que facemos para continuar traballando”, dixo.
