Nas modalidades Emprende, Avanza e Consolida
A UVigo busca ideas empresariais emprendedoras para os Premios Incuvi
O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 17 deste mes
Co obxectivo de fomentar a innovación, a competitividade e o emprendemento entre o estudantado, a Universidade de Vigo, a través da Área de Emprego e Emprendemento, lanza unha nova edición do programa Incuvi nas súas modalidades Emprende, Avanza e Consolida. Esta convocatoria busca apoiar as ideas de negocio que xurdan entre o estudantado e persoas recentemente tituladas pola Universidade de Vigo co fin de mellorar as habilidades e competencias emprendedoras entre a comunidade universitaria.
As tres modalidades permiten acompañar as ideas emprendedoras ao longo de todo o proceso de posta en marcha e lanzamento do proxecto. O prazo de presentación de candidaturas, nos tres casos, está aberto ata o vindeiro luns 17 de febreiro.
Na edición 2024 destas convocatorias, a Área de Emprego e Emprendemento, seleccionou 14 propostas de negocio impulsadas por alumnas e alumnos dos tres campus, tanto de grao, como de mestrado e doutoramento. Delas, dez correspondéronse coa modalidade Incuvi Emprende, para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; tres Incuvi Avanza, para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración, e unha axuda Incuvi Consolida, pensada para aquelas iniciativas que, tras recibir as axudas anteriores, poidan, definitivamente, validar a súa idea de negocio e chegar ao mercado.
Axuda Emprende
A modalidade Emprende consiste na formación e titorización do equipo emprendedor durante un período de preincubación dun máximo de 6 meses. O programa formativo, orientado a que as persoas participantes poidan adquirir habilidades e competencias emprendedoras, comprende catro fases: formación sobre competencias e construción dun modelo de negocio; titorización personalizada; desenvolvemento do proxecto e, finalmente, presentación do proxecto nun demo-day no mes de setembro.
Axuda Avanza
Para os proxectos que xa pasasen pola modalidade Emprende, a UVigo lanza a convocatoria Avanza que ofrece tanto formación, como mentorización e unha achega económica. Os equipos emprendedores recibirán formación desde a resolución de concesión ata setembro, dirixida á preparación da prototipación e á planificación do márketing cunha dedicación de 20 horas. Ademais, terán unha mentorización personalizada, presencial ou telemática, cunha dedicación de 12 horas por proxecto que se desenvolverá entre os meses de marzo e xullo de 2025. Outra parte do programa centrarase no desenvolvemento da idea de negocio, que se realizará con traballo non presencial e unha dedicación estimada de 12 horas de traballo autónomo. A derradeira fase será a de presentación do proxecto ante representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras do programa nun demo-day previsto para mediados do mes de setembro, coincidindo ca Pont-Up Store de Pontevedra.
Ademais, a axuda Incuvi Avanza comprende unha achega económica máxima de 1000 € por proxecto para facer fronte a custos de prototipación ou demo dun produto ou servizo que forme parte da iniciativa emprendedora.
Axuda Consolida
Para complementar as axudas Incuvi Emprende e Avanza, a UVigo convoca unha axuda para proxectos emprendedores previamente beneficiarios do programa Avanza que desexen continuar coa maduración e desenvolvemento do proxecto emprendedor. Esta modalidade comprende 10 horas asesoramento e mentorizacion e unha achega económica máxima de 1000 € para facer fronte a custos derivados da consolidación do proxecto emprendedor. Esta contía debe destinarse a subvencionar gastos de adquisición ou reparación de equipamento e material necesarios para o avance do proxecto; gastos de asesoría ou xestoría; primas de seguros, excepto da Seguridade Social; publicidade e difusión das actividades levadas a cabo como parte do proxecto ou gastos de desprazamento.