DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos últimos cinco anos formáronse en materia de Axenda 2030 máis de 150 estudantes

A UVigo busca unha nova remesa de alumnas e alumnos dispostos a converterse en “axentes do cambio”

Aberto tamén o prazo para o concurso de vídeos ‘Móvete polos ODS’ e para os mellores TFG/TFM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Igualdade
  • Medio Ambiente
  • Académica
D. Besadío DUVI 26/09/2024

Na semana na que Axenda 2030 celebra o seu noveno aniversario, multiplícanse na Universidade as actividades coas se busca difundir entre a comunidade universitaria os valores de solidariedade e sostibilidade contidos nesta folla de ruta adoptada por 193 países a favor das persoas, o planeta e a prosperidade. Cursos de formación, concursos, premios… desde a Área de Equidade danse a coñecer estes días algunhas das principais actividades previstas para este novo curso. O máis inmediato é o lanzamento dunha nova convocatoria do curso Axenda 2030: Axentes do cambio, formación aberta a todo o estudantado, pola que nos últimos cinco anos pasaron xa máis de 150 estudantes, moitos do cales se converteron logo en ‘axentes do cambio’, estudantes dispostas e dispostos a difundir os valores de solidariedade e sostibilidade contidos neste documento entre toda a comunidade universitaria.

Búscanse estudantes comprometidos coa protección do medio ambiente e coa erradicación das desigualdades no mundo. Ofrécese un curso en liña, de balde e validable por un crédito ECTS. As persoas interesadas teñen de prazo para anotarse ata o vindeiro mércores, 4 de outubro. As actividades formativas desenvolverase entre o 7 de outubro e o 4 de novembro e, unha vez realizado, terase acceso a participar, como ‘axentes do cambio’, nas diferentes accións de voluntariado que se levarán a cabo a partir do mes de febreiro nos tres campus.

Premios para os vídeos con máis ‘likes’...

A maiores desta actividade o alumnado interesado nestas temáticas pode tamén participar na IV edición do concurso de vídeos Móvete polos ODS, un certame impulsado pola Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) co obxectivo de dar a coñecer os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas e sensibilizar á comunidade universitaria, e á sociedade en xeral, sobre a importancia de que todas as persoas formen parte da solución aos grandes retos mundiais sobre desigualdade,  cambio climático, perda da biodiversidade...

Búscanse vídeos de duración máxima dun minuto en formato mp4 nos que se aborde algún tema co que se pode contribuír individualmente á consecución dalgunha das 169 metas nas que se materializan estes obxectivos. Aberto á participación de todo o alumnado das tres universidades públicas galegas poden enviarse vídeos ata o 8 de outubro. Haberá premios para os vídeos máis votados en Youtube (550€ para o primeiro, 350 para o segundo e 200 para o segundo). A maiores concederase tamén un premio á innovación  dotado con 400 euros.

... e para os mellores TFG e TFM relacionados coa Axenda 2030

Para o alumnado que remata os seus estudos publicouse tamén unha nova convocatoria dos premios ao mellor Traballo Fin de Grao/Traballo Fin de Mestrado en temáticas relacionadas coa Axenda 2030, a Cooperación ao Desenvolvemento e a Responsabilidade Social Corporativa (RSC) no curso académico 2023/2024.

Neste caso repartiranse un total de 9000 euros en premios, outorgándose unha contía máxima de 500 euros por traballo premiado. Poden presentarse propostas ata o 10 de outubro.
 

Actividades tamén para os docentes

Ao marxe das iniciativas pensadas especificamente para o alumnado, a formación sobre Axenda 2030 inclúen tamén ao persoal docente e investigador. Neste senso, o Programa de Formación Permanente do Profesorado da Universidade de Vigo inclúe o título Repensar a educación para resetear o sistema, introducindo a sustentabilidade e a educación para o desenvolvemento na docencia universitaria en liña coa Axenda 2030.  

Con este curso búscase axudarlle aos docentes a repensar a educación universitaria para contribuír a un mundo máis solidario, xusto e sostible . Cun recoñecemento de 25 horas de formación de profesorado as persoas interesadas poden matricularse ata o 18 de outubro.