DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta cifra consolida e reforza a tendencia ascendente da institución no acceso a este tipo de axudas

A UVigo capta máis de 300.000 euros da FECYT para impulsar dez proxectos de cultura científica

Estréanse tres propostas relacionadas cos microbios, a desinformación e a alimentación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
  • Transferencia
DUVI 09/07/2026

A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) concede á Universidade de Vigo un financiamento total de 311.650 euros para o desenvolvemento de dez proxectos de cultura científica que se executarán no período 2026-2027. Esta cifra, correspondente á convocatoria de axudas de 2025, consolida e reforza a tendencia ascendente da institución olívica no acceso a este tipo de axudas, superando os resultados das edicións anteriores. Dos dez proxectos subvencionados, tres son iniciativas novas, mentres que outras sete xa foran seleccionadas en convocatorias previas, polo que continuarán con novas edicións achegando a ciencia e a innovación á cidadanía.

Novas propostas divulgativas

Entre as propostas divulgativas de nova incorporación destacan varias iniciativas orientadas a fomentar o diálogo entre a ensinanza universitaria e preuniversitaria, como OlaMicro: desmontando prexuízos sobre os microbios, unha iniciativa que propón mellorar a percepción social dos microorganismos entre alumnado de Educación Primaria, especialmente en contextos vulnerables da provincia de Ourense, mediante actividades experimentais, xogos e propostas creativas que permiten achegar a microbioloxía dun xeito accesible e lúdico.

Tamén se incorpora Saberes con Poderes, unha proposta centrada na loita contra a desinformación científica desde as ciencias sociais, que emprega formatos innovadores como videopodcast, webseries documentais, exposicións itinerantes e unha plataforma dixital interactiva, cun enfoque especial na mocidade como público prioritario.

Por último, o proxecto Aprendo a ler o que como, dirixido ao alumnado de Educación Primaria e ás familias da provincia de Ourense, ten como obxectivo mellorar a educación alimentaria e promover hábitos saudables a través de talleres prácticos, materiais audiovisuais e actividades familiares que conectan o ámbito escolar co fogar.

Sete iniciativas que se consolidan 

Entre os proxectos que repiten, a Universidade de Vigo volve acadar financiamento para iniciativas consolidadas de grande impacto social e educativo, entre as que destaca o festival científico CinVigo, organizado polo CINBIO, que cada primavera converte Vigo nun espazo de divulgación aberto á cidadanía no que centos de estudantes presentan os seus proxectos científicos. 

Outro clásico é o programa Ciencia de ida e volta, impulsado pola Unidade de Cultura Científica (UCC+i), que acadou a súa sexta edición como o paraugas baixo o que se desenvolve ao longo do ano académico unha ampla programación de actividades de divulgación nos tres campus da Universidade. 

Do mesmo xeito, volve acadar financiamento a iniciativa Te lo cuentan las matemáticas, orientada a estimular as vocacións neste eido entre o alumnado de Educación Primaria e primeiros cursos da ESO a través de propostas educativas innovadoras e participativas. Tamén foi seleccionado o proxecto Paleo en el barrio, unha proposta de ciencia de proximidade liderada polo CSIC en colaboración coa Universidade de Vigo, que nesta nova edición segue a afondar na difusión do patrimonio paleontolóxico. 

No ámbito da divulgación creativa, haberá unha segunda edición da iniciativa Mar emerxente: ciencia mariña e arte pictórica, que propón un diálogo entre arte e ciencia mariña mediante a colaboración entre artistas e persoal investigador. 

Finalmente, na categoría de ciencia cidadá obteñen financiamento o proxecto Postgrowth SA: Rural, que dá continuidade ao traballo desenvolvido nas anteriores edicións Postgrowth SA: Pontevedra e Postgrowth SA: Vigo, e o proxecto Ecocosta, liderado polo CSIC con participación da Universidade de Vigo.