DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dos programas de atracción e retención de talento da Xunta de Galicia

A UVigo 'capta' sete novos investigadores distinguidos

Catro proceden doutros organismos de España e do estranxeiro e tres xa forman parte da institución

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/11/2020

Aínda que con retraso por mor da pandemia, a Xunta de Galicia fixo pública esta semana a resolución de investigadores seleccionados no programa de atracción e retención de talento. Ao seu abeiro, a Universidade de Vigo poderá incorporar sete expertas e expertos distinguidos referentes en eidos científicos que a institución buscar potenciar.

A convocatoria, que se lanzou este ano por primeira vez con estas características, é para a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, unha iniciativa que se debería manter no futuro, “xa que sitúa o sistema de investigación galego entre un dos máis atractivos para desenvolver a carreira profesional dos investigadores novos”.

O programa oferta dez prazas na modalidade de atracción de talento e cinco para retención para as tres universidades, con contratos por un período de catro anos. A UVigo, con catro e tres investigadores seleccionados respectivamente, conseguiu unha taxa de éxito do 40% nunha modalidade e do 60% noutra, o que Belén Rubio valora “moi positivamente”. A vicerreitora explica que estes resultados son froito do “traballo levado a cabo na selección dos candidatos que presentou a UVigo” a esta convocatoria, xa que cada centro de investigación e agrupación estratéxica “tivo a responsabilidade de captar os mellores candidatos para os contratos de atracción e claramente o conseguiron”. Así, os novos investigadores “veñen a reforzar a estrutura de estes centros que xa son excelentes”. Mentres, os resultados na modalidade de retención, engade, “reflexan a aposta da UVigo pola excelencia tamén nos seus programas de retención, onde nos últimos anos deuse continuidade a aqueles investigadores e investigadoras de posdoutoramento cos mellores currículos”.

Catro novos investigadores na modalidade de atracción de talento

A modalidade de atracción pretende traer a Galicia científicos "de recoñecido prestixio" para que se incorporen ao sistema universitario galego por un período de catro anos. O importe da axuda é de 91.000 euros que se reparten entre os 50.000 euros de soldo e outros 40.000 euros para a liña de investigación. Para acceder a un destes postos, as e os investigadores deberon acreditar un mínimo de catro anos de experiencia de posdoutoramento, dos cales dous deben ser de estadía no estranxeiro. Os candidatos, sinala a vicerreitora, foron previamente seleccionados pola Universidade en función das necesidades existentes e o interese por reforzar ámbitos vinculados ao CIM, Cinbio e atlanTTIc e a agrupación estratéxica Ecobas. “Temos grandes expectativas nestes perfís dos novos profesionais que se incorporarán á UVigo e que veñen a cubrir aspectos que queremos potenciar dende a Universidade”.

Os investigadores que se incorporarán en próximas datas á Vigo nesta modalidade son catro. Por unha banda, José Luis Izquierdo, actualmente no Departamento de Química en Ciencias Farmacéuticas da Universidad Complutense de Madrid onde traballa no eido das aplicacións da imaxe biomédica. Outro dos seleccionados é Mario Pansera, investigador italiano, actualmente na Universitat Autónoma de Barcelona, onde desenvolve unha investigación que ten como obxectivo analizar como sería unha sociedade capaz de prosperar sen necesidade dun crecemento económico continuo. Pansera tamén foi seleccionado no programa de bolsas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), que ten como obxectivo que novas e novos investigadores destacados poidan crear os seus propios equipos de traballo e desenvolver liñas de investigación pioneiras. O terceiro experto que chegará á UVigo é Juan Ramón Troncoso, formado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade viguesa, que actualmente desenvolve a súa carreira profesional na École Polytechnique Fédérale de Lausanne. Regresará a Vigo para seguir traballando en criptografía aplicada, procesamento da sinal e seguridade multimedia. Finalmente, na modalidade de atracción tamén está Iván Franco, procedente da Universidade de Helsinki, onde desenvolve proxectos sobre ecoloxía das praias areosas, a influencia dos grandes procesos oceanográficos, o funcionamento do ecosistema, a perda de biodiversidade e especies invasoras e as variables de cambio climático e as súas interaccións e modificacións do funcionamento do ecosistema. Franco ten publicado traballos con investigadores da Universidade de Vigo como Mariano Lastra ou Celia Olabarría, xa que aquí estudou Ciencias do Mar, así como os estudos de mestrado e doutoramento.

Tres especialistas que continuarán na UVigo, na modalidade de retención de talento

A modalidade de retención ten como finalidade "promocionar" o persoal que na actualidade está xa vinculado ás universidades galegas nos campus de especialización ou en áreas de coñecemento estratéxicas.  Para iso, a Xunta de Galicia achega 71.000 euros, divididos en 50.000 euros de salario e 20.000 euros para a investigación, para cada un dos seleccionados, durante un período máximo de catro anos. Os requisitos esixen catro anos de experiencia de posdoutoramento e estar acreditado como profesor contratado doutor pola Aneca ou a Acsug. Explica a vicerreitora que “son a nosa aposta dende o principio, formáronse na casa e realizaron estadías en centros internacionais de prestixio, onde se especializaron e construíron relacións con outros investigadores”. Precisamente pola súa traxectoria, engade, “a UVigo non pode perder esta experiencia e especialización, pretendemos non desperdiciar o que xa investimos para evitar que finalmente acabemos exportando ao estranxeiro investigadores con grande experiencia”.

No marco da modalidade de retención de talento, quedarase na UVigo Francisco Javier Pena, investigador do Departamento de Química Analítica e Alimentaria, onde estuda aspectos como miniaturización e preparación de mostra; microextracción; química analítica verde; espectrometría atómica e molecular e detección non instrumental. Sandra Martínez é outra das investigadoras que a UVigo retén. Especialista en ecoloxía mariña e oceanografía biolóxica, traballa actualmente no Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal. Finalmente, Iria Fernández tamén continuará desenvolvendo o seu traballo no Laboratorio de Filoxenómica, centrándose na xenómica mariña.