DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coas outras dúas universidades de Galicia e o norte de Portugal

A UVigo e o CEER impulsan un proxecto para facilitar a mobilidade de persoas con diversidade funcional na eurorrexión

Foi seleccionado no programa B-solutions, coordinado pola Comisión Europea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
DUVI 03/11/2020

A UVigo xunto co Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-norte de Portugal (CEER) e as universidades da eurorrexión impulsan un proxecto transfronterizo para facilitar a mobilidade universitaria de estudantes con diversidade funcional. A iniciativa acaba de ser seleccionada no marco do programa B-solutions, impulsado pola Comisión Europea a través da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE). 

O proxecto enmárcase dentro do eixo da cooperación institucional e nel participan xunto coa Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, dirixida por María Isabel Doval, a Universidade da Coruña, a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, a Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto Politécnico do Porto. Estas institucións de educación superior colaborarán co CEER e a Comisión Europea para analizar a situación de persoas con  diversidade funcional nas mobilidades eurorrexionais coa finalidade de facilitar este proceso.

Eliminación de barreiras e avaliación 360º da mobilidade de estudantes con diversidade funcional 

O obxectivo deste proxecto é a eliminación de barreiras e obstáculos administrativos existentes no sistema universitario da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal e, concretamente, céntrase nas barreiras á mobilidade universitaria de persoas con diversidade funcional. Grazas á axuda da Comisión Europea, analizaranse os principais impedimentos para o fomento da inclusión e a mobilidade planeando potenciais vías e mecanismos de solución, uns resultados que se agardan poidan estar dispoñibles no mes de febreiro. 

A partir de aí, buscarase o xeito de continuar con esta iniciativa para mellorar as políticas de inclusión e mobilidade nas universidades da eurorrexión. Isto permitirá que tanto o alumnado como o persoal docente e investigador e o de administración e servizos teñan máis facilidades para realizar estancias e desprazamentos a institucións do outro lado da fronteira. Trátase de aumentar así as posibilidades de cooperación en múltiples áreas do coñecemento potenciando as sinerxías e garantindo os dereitos das persoas con diversidade funcional. 

O programa B-Solutions

O programa B-Solutions, no que se enmarca o proxecto galego-portugués, está xestionado pola ARFE a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) co apoio da Comisión Europea. Esta convocatoria está especialmente orientada a entidades transfronteirizas así como ás institucións que potencialmente as integran e ten como obxectivo a eliminación de barreiras e obstáculos administrativos en diferentes eixos de cooperación transfronteiriza.