DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderán enviarse vídeos, dun máximo de tres minutos, ata o 4 de decembro

A UVigo celebra o Día da Ciencia en Galego co lanzamento do concurso de monólogos Gargallada Científica

Tamén se está a traballar nunha nova edición do dicionario de termos científicos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HR
  • Investigación
  • Premios
  • Institucional
DUVI 04/11/2025

Coincidindo coa celebración do Día da Ciencia en Galego, o 4 de novembro, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo pon en marcha a primeira edición do concurso de monólogos científicos en galego Gargallada Científica, un certame que anima o persoal científico a empregar o humor para comunicar a ciencia. Trátase da actividade inaugural dun catálogo de propostas que tamén inclúe unha gala final o 11 de decembro e o lanzamento da segunda edición da publicación Escolma de Termos Científicos.  

Gargalladas Científicas, dirixido a todo o persoal investigador da Universidade de Vigo, está aberto dende hoxe ata o vindeiro 4 de decembro. Durante este período, as persoas interesadas poderán enviar un vídeo de máximo tres minutos coa súa interpretación persoal dun monólogo científico en galego, que deberá ser orixinal e inédito e basearse nun tema científico ou tecnolóxico. 

Un reto a empregar “a retranca, a sorna e a ironía”

Dende a UCC+i animan o persoal investigador a que empregue “a retranca, a sorna e a ironía” para transmitir o coñecemento científico de xeito próximo, accesible e ameno, sen renunciar ao rigor. “O galego ofrece moitos recursos humorísticos e, a través deles, queremos que as nosas científicas e científicos acheguen o seu traballo á sociedade, amosando a faciana máis próxima e humana da investigación universitaria”, destacan. 

Outra das metas que persegue esta iniciativa é promover as habilidades comunicativas do persoal investigador, e facelo empregando como lingua vehicular o galego. “Utilizar o noso idioma na comunicación científica reforza o prestixio do galego como lingua de saber e achega matices culturais que enriquecen o discurso científico”, explican dende a UCC+i. 

Como detallan as bases do concurso, outorgarase un único premio, que consistirá nun kit audiovisual valorado en 600 euros. O xurado, formado por un mínimo de tres persoas vencelladas aos ámbitos da investigación, o humor e a comunicación, valorará o contido, a creatividade e a calidade técnica das propostas. O fallo será comunicado o día 5 de decembro a través das canles oficiais da UCC+i. 

Como colofón do concurso, o día 11 de decembro, entre as 18.00 e as 20.00 h, celebrarase unha sesión de ‘solo’ de ciencia no Vitruvia Café de Vigo, que servirá como evento final. Neste evento final participará a persoa gañadora do concurso, que interpretará o seu monólogo ao vivo, xunto con outras divulgadoras e divulgadores en galego.

Segunda edición da Escolma de Termos Científicos

Ademais deste certame, dende a UCC+i están a coordinar a segunda edición da Escolma de Termos Científicos, un minidicionario de vocabulario científico-técnico en galego realizado en colaboración coa Área de Normalización Lingüística que segue a estela do primeiro volume. O glosario persegue o triplo obxectivo de normalizar o uso do idioma cooficial de Galicia no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador realizado na UVigo en galego e apoiar o traballo científico nesta lingua. 

Nesta ocasión, a publicación Escolma de termos científicos, abordará termos de tres áreas temáticas: bioloxía mariña, xestión pública e informática, para o que se conta coa colaboración dos docentes Estefanía Paredes, Xosé Mahou e Alma María Gómez, ademais de numerosas persoas colaboradoras e coautoras. 

Dende a UCC+i salientan que con esta segunda edición se persegue “conseguir unha publicación estable, que permita recoller e conservar termos científicos enxebres, procedentes de distintas áreas de coñecemento e vinculados co territorio propio”.

As accións vencelladas a esta efeméride forman parte do plan especial 5º Aniversario Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.