Por tres décadas de historia de compromiso sostido coa promoción da igualdade
A UVigo celebra o Día Internacional das Mulleres coa entrega do premio Uviguala 2026 ao Vigo Rugby Club Feminino
Son o equipo máis lonxevo de toda Galicia e o que conta con máis mulleres xogadoras
Poucos deportes teñen raíces tan profundamente masculinas como o rugby, en gran parte, debido ás súas orixes e á súa historia, pero aínda así o rugby femenino está a medrar e a desafiar os múltiples estereotipos que o relacionan con características tradicionalmente vinculadas aos homes como a forza, a agresividade e a competitividade. Exemplo claro de que estes clixés nada teñen que ver coa realidade é o Vigo Rugby Club Feminino, un equipo que naceu na tempada 1992/1993, ao abeiro dunha recén creada Universidade de Vigo e baixo o paraugas do Vigo Rugby Club. Atrás quedan máis de tres décadas de historia nas que non deixaron de medrar e superar obstáculos ata chegar a actualidade, convertidas no equipo máis lonxevo de toda Galicia, o que conta coa escola con maior número de fichas femininas, cun primeiro equipo con 29 xogadoras, o maior número da súa historia. Por todos estes motivos, e moitos máis, a Universidade de Vigo entregoulles este xoves o Premio Uvigualla 2026, o galardón co que a institución académica viguesa recoñece cada 8M o compromiso das persoas vinculadas á institución coa igualdade de xénero.
A entrega do premio celebrouse na sala 1 do edificio Miralles, coincidindo co acto institucional de celebración do 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres, nunha gala presidida polo reitor, Manuel Reigosa, e na que as grandes protagonistas foron, nesta ocasión, Berta Álvarez González, presidenta do club, primeira muller en exercer o cargo, e Carmen María Mariño Martínez, historia viva do equipo, que falou en nome das xogadoras. Elas foron as encargadas de dar voz a todas as mulleres que, dun ou outro xeito, loitaron por manter o equipo “cando ninguén cría nelas, cando se dicía que o rugby feminino non era rugby nin era feminino”, tal como salientou Mariño na súa intervención.
Nin bruto, nin violento, o rugby tamén é igualitario
A directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez Castro, foi a encargada de ler a acta da comisión que acordou “por unanimidade” concederlle esta distinción ao Vigo Rugby Club, con mención especial á categoría feminina. En primeiro lugar polo seu compromiso sostido coa promoción da igualdade desde as primeiras etapas formativas. En segundo lugar, por promover activamente os valores esenciais do rugby: o respecto, a disciplina, a solidariedade, o compañeirismo e o esforzo colectivo, como eixe central da súa identidade deportiva. Tamén polo esforzo continuado na captación de xogadoras en todas as etapas de formación ou categorías, mediante campañas específicas, actividades de portas abertas e accións de difusión orientadas a atraer novas deportistas. “E finalmente, en cuarto lugar, polo compromiso de crear unha contorna segura, igualitaria e visibilizadora das deportistas no rugby”, subliñou Rodríguez Castro.
Palabras de agarimo e moitos agradecementos
Recolleron o premio de mans do reitor Berta Álvarez e Carmen Mariño, en nome de todo o club e, tras os agradecementos, as primeiras palabras da presidenta foron para o Rugby Senior Feminino, “polo seu traballo incansable, pola loita todos estes anos por manterse a pesar dos obstáculos que aínda ten o deporte feminino en España”. Dedicoullo, así mesmo, “a todas esas rapazas que pasaron polo campo das Lagoas, polas pioneiras que fixeron posible que hoxe exista equipo de rugby feminino en Vigo”. Lembrouse tamén de toda a familia do Vigo Rugby Club: persoal, directiva, xogadoras e xogadores, familias, socios e socias e, “por suposto, esas entidades e institucións que permiten que existamos: os nosos patrocinadores e colaboradores, privados e públicos”, así como, “a todas as novas promesas do rugby vigués, porque a nosa escola e academia de rugby, con nenas e nenos desde os 4 anos, son realmente quen nos fan cambiar e nos fan ver a realidade do que vén, unha sociedade máis igualitaria”.
Pola súa banda, Carmen Mariño, xogadora do club desde hai máis de 15 anos, lembrou os seu inicios no equipo, a onde chegara “con ilusión e sen expectativas, pois non sabía nin as regras básicas”, e onde atopou “un grupo de mulleres que me acolleu cos brazos abertos”, que lle demostraron que o rugby é “un deporte onde a inclusión e a diversidade se celebran”. 16 temporadas despois “este equipo demostra cada día os valores do rugby e que hoxe se premia e celebran aquí: integridade, paixón, solidariedade, disciplina, respecto e traballo en equipo”.
Xeracións en simbiose, lema do 8M na UVigo
A celebración do 8M na Universidade de Vigo lévase a cabo este ano, tal e como explicou a responsable da Unidade de Igualdade, baixo o lema, Xeracións en simbiose: unidas polos nosos dereitos, “un convite a mirar o feminismo cunha lente distinta: a da cooperación como motor de cambio”. Coa referencia da bióloga Lynn Margulis, primeira doutora honoris causa da UVigo, que explicou a evolución como un proceso no que os organismos non só compiten, senón que sobre todo se fortalecen ao vivir en simbiose, “queremos reivindicar a potencia política e vital que xorde cando distintas xeracións de mulleres se encontran, dialogan e crean xuntas. É nesa simbiose, onde se consolidan os avances, se comparten saberes e se abren camiños para seguir defendendo e ampliando os nosos dereitos”, subliñou a responsable da unidade, quen tamén lembrou o diálogo que propón Begoña Caamaño, xornalista e escritora feminista, nacida en Vigo e recoñecida coas Letras Galegas 2026, na súa obra de Circe ou o pracer do azul, “onde nos amosa que o encontro entre mulleres é sempre unha experiencia transformadora”.
Reigosa agarda que en 2027 entregue o premio “a 1ª reitora da UVigo”
Encargouse de pechar o acto o reitor, Manuel Reigosa, quen non evitou amosar en público o seu desexo de que “o vindeiro ano entregue por primeira vez este premio unha muller, a primeira reitora da Universidade de Vigo”. Así mesmo, amosouse convencido de que a Universidade debe ser faro “que alumee o camiño para toda a sociedade” e, nesa liña, que todas as actividades de igualdade que se están a levar a cabo a nivel universitario “sexan exemplo non só de portas para dentro, senón tamén de portas para fóra”, para o que agradeceu a apoio constante do Consello Social e o seu presidente, Ernesto Predosa, presente no acto, ao igual ca un destacado número de responsables das diferentes escolas e facultades. Tras amosar o seu agarimo ao Vigo Rugby Club, Reigosa aproveitou tamén este acto para anunciar que nos vindeiros meses se levarán a cabo, coa colaboración do Concello, “melloras importantes” do campo de rugby do campus de Lagoas Marcosende.
Coloquios, cine, obradoiros... para conmemorar o 8M nos campus
África González, Ana Gago, María Mayán e Diana Valverde, líderes respectivamente dos grupos de Inmunloxía, Innovación en Agroalimentación e Saúde, Comunicación Celular en Cancro e Enfermidades asociadas á idade e de Enfermidades raras, protagonizaron este mediodía a xornada Ciencia en Feminino. Catro traxectorias, mil desafíos, organizada polo CINBIO co gallo do 8M. As catro investigadoras compartiron, durante unha sesión interactiva, as súas experiencias e falaron das súas motivacións para desenvolver unha carreira científica e as barreiras que tiveron que enfrontar .
As celebracións do 8M comezaran o pasado luns na Facultade de Filoloxía e Tradución cunha conversa titulada Traducir, escribir e editar hoxe, na que participaron Elvira Asensi e Cynthia Menéndez, e que foi moderada pola docente e enlace de Igualdade na FFT, Susana Rodríguez Barcia. O peche musical correu a cargo de Carmela Warhol. Pola súa banda, o Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero celebrou o mércores e volverá organizar mañá venres, no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e na Facultade de Dereito, unhas xornadas que forman parte do ciclo de cinema Cine e Xustiza. Dirixidas pola catedrática Inés C. Iglesias Canle, inclúen a proxección do documental Amanda Knox, seguida dun coloquio protagonizado por Víctor Moreno Catena, catedrático emérito de Dereito Procesual da Universidad Carlos III de Madrid e Rocío Zafra Espinosa de los Monteros, profesora de Dereito Procesual da Universidad Carlos III de Madrid
A conmemoración do Día Internacional da Muller continuará mañá na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que co apoio da Cátedra Indra-UVigo en enxeñaría e tecnoloxía, organiza a Xornada Elas Fan TIC, na que participarán 45 rapazas e rapaces dos colexios de Vigo. Co obxectivo de darlle visibilidade ás carreiras tecnolóxicas e de enxeñaría para que o estudantado máis novo as poida valorar como unha opción de futuro, celebrarase un obradoiro de robótica con CuteBot e outro de Códigos relacionados coa telecomunicación dirixido por alumnas da EET. Mentres, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollerá este venres a celebración dun encontro destinado a visibilizar o talento feminino no sector tecnolóxico e a compartir experiencias reais da industria e a academia. Organizado co Google Developer Group (GDG) de Ourense no marco da súa iniciativa #CorOu, a actividade está destinada ao alumnado interesado no mundo dixital ou en coñecer de primeira man como é unha carreira nas TIC.
E a semana que vén continuarán os actos de celebración do 8M coa inauguración na Escola de Enxeñaría Industrial da exposición itinerante, organizada polo Cintecx e Aimen, Mulleres investigadoras Cintecx-Aimen, na que se amosa a traxectoria e experiencia de vinte e sete científicas e tecnólogas como referentes para inspirar ás novas xeracións, promovendo unha ciencia libre de estereotipos no ámbito tecnolóxico e industrial. Logo do seu paso pola EEI, a mostra recalará na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, centro que tamén ao abeiro das celebracións do 8M entregará o 17 de marzo os premios de fotografía Mulle.RME 2026. Pola súa banda, as facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebrarán o luns o coloquio Liderado con mirada de muller con María López, concelleira de Promoción Económica de Allariz; Marta Míguez, ex-atleta olímpica; e Noelia Rodríguez, presidenta de Xóvenes Empresarios de Ourense.
