DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Durante a cerimonia entregáronse 161 galardóns que recoñecen “o talento e o esforzo”

A UVigo celebra San Tomé premiando “a excelencia a todos os niveis”

O reitor defendeu a excepcionalidade da UVigo, que "está ao dispor de toda a sociedade"

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Premios
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 28/01/2025

A Universidade de Vigo é unha institución pública na que se valora o esforzo, o compromiso e o talento, unha universidade que está ao dispor de toda a sociedade para, entre todos e todas, ser quen de acadar un mundo máis xusto, máis igualitario e máis desenvolvido. Esta é a principal mensaxe que lanzou o reitor, Manuel Reigosa, na celebración de San Tomé de Aquino, cerimonia que tivo lugar este martes no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e na que se entregaron máis de 160 distincións académicas, tanto para os egresados e egresadas que acaban de finalizar o seus estudos, ben sexa de grao ou de doutoramento, como para os que inician este curso o seu camiño na UVigo.

“Hoxe celebramos a excelencia a todos os niveis. A excelencia dos que agora arrancan as súas titulacións na Universidade, cheos de ilusión, e dos que finalizan os seus graos e doutoramentos, bo exemplo de todo o traballo que se fai nas facultades e escolas”, subliñou Reigosa, quen lle deu os parabéns a todas a todos e as grazas por ter elixido a institución académica viguesa como lugar “no que facer agromar”  o seu talento. Se alguén pode cambiar o mundo son, a xuízo do reitor, “estas persoas que hoxe reciben as súas insignias e medallas”.

Entregáronse en total 161 premios: 23 premios extraordinarios de doutoramento (13 homes e 10 mulleres) de todos os eidos de coñecemento; 55 extraordinarios de grao (33 mozas e 22 mozos); 75 premios á excelencia académica aos estudantes cos mellores expedientes de novo ingreso neste curso 2024/2025 -60 de grao e 15 de máster- e 8 Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao, mestrado e teses. Acompañáronos nesta data numerosos familiares, así como un destacado número de membros da comunidade universitaria, moitos deles “togadas e togados” que puxeron a “nota de color” ao acto, como comentou o reitor, e numerosas autoridades do ámbito económico, político e cultural.

Unha universidade “excepcional”

Na súa intervención ante as persoas asistentes ao acto de celebración institucional de San Tomé, o reitor, Manuel Reigosa repasou algúns dos indicadores máis salientables da UVigo, en especial no ámbito da investigación, ao tempo que incidiu nas razóns que fan da institución académica viguesa “unha universidade excepcional”: a preocupación pola docencia, a investigación e a importancia da transferencia. “A universidade é unha especie de faro que intenta recoller e expandir o coñecemento de xeito excelente”, dixo o reitor, que deu os parabéns ás e os premiados, aos que animou a facer unha Galicia próspera, para o que, destacou a importancia do talento e o esforzo, ao que se engade a necesidade de ter unha visión de como se vai desenvolver o futuro. Reigosa defendeu a excepcionalidade da UVigo, entre as universidades creadas na década de 1990, baseada en facer da formación do alumnado a súa primeira preocupación, “a nosa misión fundamental é formar”, dixo; ao que engadiu a investigación, cun recoñecemento baseado no mérito e na capacidade; e na preocupación pola transferencia.  

Tras confirmar, segundo se recolle en clasificación como o U-Ranking 2024,  a posición da institución académica viguesa por riba da media das universidades españolas en materias como investigación e innovación, “é algo por debaixo en docencia, porque aquí os títulos non se regalan”, Reigosa debullou os resultados acadados pola UVigo nalgúns ránkings concretos, que inciden no financiamento, como o de Shanghai, no que no ano pasado se situou no tramo 801-900, mentres que no de materias, acadou o posto 34 en Ciencia e Tecnoloxía do Alimentos; 51-75 Oceanografía ou 201-300 en Ciencias da Agricultura. Pola súa banda, no QS a institución ascendeu en 2024 ao tramo 901-950 e situouse entre as mellores do mundo en Agricultura, Enxeñería Eléctrica, Bioloxía e Química; mentres que no ránking THE 2025, sitúase en puntuación global no tramo 801-1000, e por materias 501-600 en Artes e Humanidades e no 601-800 en Negocios e Economía e Ciencias da Computación. 

Máis de dous millóns de euros acadados en proxectos de transferencia e 26 proxectos internacionais acadados en 2024, son outras cifras que o reitor destacou na súa intervención, na que tamén puxo en valor a dos 103 investigadores e investigadoras visitantes de máis dunha vintena de países que ao longo do pasado ano recalaron na UVigo. “Somos atractivos para a xente doutras universidades”, asegurou Reigosa, que ademais de destacar a relación coas institución lusas e chinesas, tamén incidiu no liderado acado pola UVigo no SUG nos últimos anos en cuestións como a evolución da porcentaxe de colaboración internacional, así como a positiva evolución rexistrada no período 2014-2023 na evolución anual da porcentaxe de documentos en revistas Q1; de publicacións entre o top 10% máis citado e de publicacións en acceso aberto para as universidades do SUG.

Logo de lembrar a participación da UVigo no consorcio europeo de universidades Athena, Reigosa falou da carreira investigadora, destacando que máis de 50 persoas se beneficiaron da convocatoria de retención de talento da UVigo e animou ás e aos premiados a emprender este camiño, así como a manterse en contacto coa institución unha vez a abandonen a través da Comunidade Alumni que suma a día de hoxe máis de 2800 persoas. “A UVigo é unha universidade magnífica que quere se mellor, que valora o esforzo e o compromiso e está ao servizo de toda a sociedade”, rematou Manuel Reigosa. 
 

Premios que dan folgos para novas investigacións

Entre as 161 galardoadas e galardoados atópase Antía González, unha das 23 persoas recoñecidas cos Premios Extraordinarios de Doutoramento. “A verdade é que a da tese é unha etapa dura, na que se suman moitos esforzos e moitos momentos duros. Entón, que dalgunha forma recoñézanche ese esforzo dá forzas para continuar investigando e seguir facendo o que che gusta”, destaca do premio que obtivo pola tese que levou a cabo no doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, baixo a dirección de Miguel Ángel Prieto, do grupo Investigacións Agrarias e Agroalimentarias (AA1). De feito González Pereira continúa afondando na liña de traballo da súa tese, centrada nas flores de camelia xapónica, cunha axuda posdoutoral da Xunta de Galicia. Nela, estudou a composición de oito variedades desta flor co obxectivo de tratar de atoparlles posibles aplicacións, constatando “que tiñan un gran potencial antioxidante, que nun futuro pode servir para aplicacións alimentarias”, así como o “gran potencial antitumoral” dunha das variedades analizadas. Afondar nestas liñas de traballo e analizar novas posibles aplicacións, tanto das flores de camelia xapónica como das súas follas, centran agora o traballo dunha investigadora que ve neste premio “un plus” de cara a continuar a súa carreira. 

A investigación é así mesmo unha das opcións de futuro sinalada polo egresado da Escola de Enxeñería Industrial Juan Bastero, un dos 55 titulados e tituladas recoñecidos cos premios extraordinarios de grao. Graduado en Enxeñaría en Organización Industrial, Bastero Sellán traballa actualmente no Grupo de Enxeñería de Organización, onde está poder constatar, recoñece, “como todos os coñecementos que fun adquirindo ao longo da carreira teñen aplicación no mundo real, a través de proxectos con empresas”. De aí que reciba este premio extraordinario como “un orgullo, porque ao final é un recoñecemento ao esforzo de todos estes anos”, pero tamén como “un valor a futuro, que sempre podes incluír no teu currículo”, de cara a un futuro profesional respecto do que recoñece o seu interese tanto pola investigación como pola aplicación da súa formación no traballo coas empresas. Nun primeiro termo, este premiado prevé completar o mestrado en Dirección e Innovación da Cadea de Subministración que se atopa cursando para iniciar o doutoramento e continuar avanzando na súa investigación sobre “un modelo para optimizar” a última fase loxística do proceso de entrega de pedidos a domicilio, que teña en conta as dimensións ambiental, económica e social da sostibilidade.