DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha programación de cursos flexible, colaborativa, continua e aberta á sociedade

A UVigo centraliza na Escola Aberta de Formación Permanente a súa oferta de títulos propios para unha “ensinanza ao longo da vida”

Na presentación o reitor avanzou que o acto de inauguración do edificio do Berbés será o 31 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/05/2021

A formación ao longo da vida, a reciclaxe de coñecementos, as habilidades transversais… Nos novos escenarios educativos e laborais a titulación universitaria non é suficiente, é preciso que as persoas traballadoras adapten os seus coñecementos ás necesidades da contorna ao longo de toda a súa vida profesional. Nese contexto as universidades teñen un papel fundamental ofertando unha formación complementaria “ao longo da vida” que, no caso da Universidade de Vigo, se vai articular a partir de agora baixo un único paraugas: a Escola Aberta de Formación Permanente. A súa creación foi aprobada polo Claustro no mes de outubro e este mércores presentouse en sociedade como unha estrutura que evite a dispersión tanto organizativa como normativa, decisoria e de xestión das ensinanzas non oficiais da Universidade de Vigo. 

Ante os medios de comunicación o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, expresou a súa “enorme satisfacción” por poder presentar esta iniciativa que é “unha fiestra aberta ao futuro”. A súa posta en marcha estaba recollida no programa electoral do actual equipo de goberno como un eixo estratéxico de apertura a toda a sociedade mediante unha oferta de títulos propios coordinada, de calidade e adaptada á demanda. Como explicaba o reitor no acto de presentación, a formación permanente “xoga cada vez un papel máis importante”, xa que nunha contorna “cambiante, con tecnoloxías cada vez máis complexas, cun mercado de traballo tamén moi cambiante, precisamos acompañar aos nosos egresados ao longo de toda a súa vida”. 

Deste xeito, a Escola Aberta de Formación Permanente xestionará toda a oferta de estudos propios da UVigo vinculados ás necesidades e demandas da sociedade, complementando os estudos oficiais, deseñando programas educativos que favorezan a empregabilidade, a reciclaxe e a promoción profesional das persoas traballadoras, xerando convenios de formación con empresas ou institucións externas e detectando e atendendo as necesidades formativas do  PDI da Universidade de Vigo. Tamén pasan a entrar nesta estrutura os programas de actualización docente, que se viñan desenvolvendo a través da Área de Formación e Innovación Educativa e o Programa Universitario de Maiores. Á fronte da escola estará a profesora María José Moure, docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que foi a encargada de presenta a EAFP en rolda de prensa xunto co reitor, Manuel Reigosa e o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. 

No transcurso do acto, e a preguntas dos medios de comunicación, o reitor avanzou que o acto de inauguración da sede institucional da UVigo no Berbés terá lugar o vindeiro luns 31 de maio.

Unha formación aberta, flexible e colaborativa

Segundo explicou María José Moure, a formación continua é clave debido aos cambios derivados da transformación dixital, da transición verde e das novas estratexias na busca de emprego. Neste contexto, a EAFP nace como “unha ligazón entre os axentes que demandan esa formación continua, tanto persoas como empresas ou asociacións, e a Universidade de Vigo”. A escola caracterízase por ofertar unha formación aberta, flexible, colaborativa e en constante contacto coa contorna. O carácter aberto débese a que está destinada tanto a persoas que non forman parte do eido universitario (estudantes sénior, empresas que queren actualizar os coñecementos do seu persoal ou traballadores que queren mellorar a súa traxectoria profesional) como ao estudantado actual que queira completar o seu currículo e ao persoal da UVigo que precise actualizar as súas competencias. 

A formación será progresiva, ofertando diferentes tipos de títulos, que poden ser de posgrado para persoas que conten cun título universitario, ou doutro tipo para persoas sen titulación superior. Así, dentro da EAFP impartiranse títulos de experto e de especialista, que serán os que teñan máis carga ECTS, e mestrados propios, que equivalen ao nivel de coñecemento dun mestrado universitario e cos mesmos requirimentos, pero sen acceso ao doutoramento. A eles sumaranse os cursos de formación e innovación educativa para o PDI, os MOOCs ou o Programa para Maiores.

Moure explicaba que outra das características desta nova escola será a flexibilidade, de xeito que cada estudante decida que quere estudar, dependendo do tempo, os intereses ou a capacidade económica. Así, por exemplo, dun mestrado propio poderase cursar unha parte para obter o título de experto; con dous títulos de experto adquírese o de especialista e, á súa vez, con dous de especialista obterase o de mestrado. Outra aposta será a formación en liña para saír da contorna xeográfica inmediata da UVigo e poder chegar a outros espazos educativos como Europa ou Latinoamérica. Para iso a EAFP contará con todas as ferramentas de teledocencia da institución que facilitan a virtualización das clases.

Aulas Abertas con formación de balde e unha oferta de cursos xa dispoñible

Outra pata da escola será a formación gratuíta e masiva a través dos cursos MOOC, que son abertos e sen restricións de admisión. Como avanzaba María José Moure, todos eles agruparanse nas Aulas Abertas, nas que xa está dispoñible, por exemplo, o MOOC Aula Internacional de Estudos Hispánicos en Teoría da Literatura e Literatura Comparada. 

Ademais desta formación de balde, na web da escola xa se poden consultar os títulos propios que se están ofrecendo, como o de Especialista en Dereito Laboral e da Seguridade Social ou Especialista Internacional en Termalismo e SPA. No que se refire á formación e innovación educativa para o PDI, na web están colgados todos os cursos, como o de Formación en redes sociais para docentes universitarios ou A comunicación escrita en contornas virtuais. Respecto aos cursos de innovación educativa, Moure avanzou que ante alta demanda deste tipo de formación, a idea é “continuar e ampliar” a oferta que se viña desenvolvendo fóra da EAFP e apostar pola formación en liña, dada a alta demanda entre docentes alleos á UVigo. 

Unha aposta polos mestrados propios

Unha das propostas estratéxicas dentro da Escola Aberta de Formación Permanente serán os mestrados propios, un tipo de titulación cada vez máis presente nas universidades, pero que a UVigo aínda non oferta. Como explicaba o reitor, “é unha visión de futuro importante”, xa que non é unha formación estrutural, senón que responde a unha “necesidade concreta” nun tempo determinado. Como consecuencia, engadía Reigosa, “organízase máis rápido que un mestrado oficial” e permanecen na oferta mentres existe esa demanda, o que permitirá que a oferta deste tipo de títulos mude conforme o fan as necesidades formativas da contorna. Na actualidade xa se está a traballar en varias propostas ao tempo que se avanza nunha normativa que permita a oferta deste tipo de formación, xa que ata agora non tiña encaixe legal na UVigo, como explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos. “Agardamos que se poida levar esta normativa de títulos propios ao próximo Claustro en xuño ou xullo”.