DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

UVigo, COB e Deputación poñen en valor o compromiso do deporte coa inclusión social

Nun acto celebrado no campus destacouse a liña de acción social do Club Ourense Baloncesto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Diversidade
  • Deportes
DUVI Ourense 03/12/2025

Este mércores, 3 de decembro, é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e sumándose ás reivindicacións dunha sociedade máis inclusiva, o campus de Ourense acolleu un acto no que se presentaron os proxectos da Área Social para a tempada 2025/26 do Club Ourense Baloncesto (COB) e se recoñeceu a implicación neles de diferentes entidades da cidade, entre elas a UVigo. 

O acto contou coas intervencións de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Quique Álvarez, asesor de Deportes da Deputación de Ourense, e por parte do COB Moncho López, adestrador do primeiro equipo; Isabel Lemos, segunda adestradora; e Millán Brea, responsable de Acción Social do club, adestrador do primeiro equipo feminino e tamén profesor na Universidade de Vigo. Entre o público estaban Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, e Raquel Rey, directora da Unidade de Diversidade, ambas da UVigo, e membros de diferentes entidades que participan nos proxectos sociais do COB, como Cruz Vermella, Fundación San Rosendo, Centro de Educación Especial Miño, Centro de Educación Especial O Pino, Fundación Meniños e Asociación de Persoas Xordas de Ourense. 

Na súa intervención o vicerreitor recalcou o compromiso da institución académica coa diversidade, subliñando que o “noso campus ten o lema de que ninguén se quede atrás” e que “somos un campus inclusivo, diverso, equitativo”. Ademais destacou o traballo conxunto das entidades presentes neste reto, sinalando que “a suma de todos nós fai efectos multiplicativos, non sumativos”. Do mesmo xeito, Quique Álvarez  puxo en valor este compromiso conxunto afirmando que “cando as cousas se fan de corazón saen ben”.  

Escolas deportivas e outras accións

Pola súa banda, os representantes do COB salientaron que este club ten “un compromiso grande coa sociedade, unha responsabilidade e unha ilusión compartida” que se materializa na súa acción social. Neste senso, Millán Brea apuntou que a acción social do Club Ourense Baloncesto medra cada ano grazas á colaboración das institucións e entidades presentes e agradeceu a súa implicación. Esta acción social apuntou, abrangue desde a realización de escolas abertas de baloncesto, escolas abertas de baloncesto para persoas con diversidade funcional e actividades en centros penitenciarios e centros de menores ata ter por primeira vez un equipo feminino e dar pasos na inclusión como a retransmisión para persoas cegas e tamén xordas dos partidos profesionais. 

Entre estas accións, a Universidade de Vigo colabora nas escolas abertas e escolas abertas para persoas con diversidade, que teñen lugar a fin de semana en instalacións do pavillón de deportes do campus de Ourense. Carla Soldevilla, xogadora do COB é a súa monitora e explicou como “os sábado, de 10 a 12, temos as escolas abertas, onde veñen asociacións, persoas con síndrome down, autismo, etc ou nenos sen recursos que o que queren é xogar ao baloncesto e que nestas escolas teñen a oportunidade de aprender pouco a pouco, cada un ao seu ritmo”.