DUVI

Diario da Universidade de Vigo

21 estudantes dos tres campus representaron á institución no torneo celebrado na Coruña

A UVigo colleita 23 medallas no Campionato Galego Universitario de Natación

Rematando no segundo posto na clasificación xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 25/02/2026

Nove medallas de ouro, outras nove de prata e cinco bronces. Este é o balance que deixa a participación de 21 estudantes dos tres campus da UVigo no Campionato Galego Universitario de Natación, disputado este martes na Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte da Universidade da Coruña (UDC). Con 206 puntos, a institución viguesa rematou no segundo lugar na clasificación global do torneo, encabezada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), con 226. 

Desde á Área de Benestar, Saúde e Deporte destacan a “numerosa participación” do alumnado da UVigo nesta edición do campionato, ao que contribuíu ter contado co asesoramento técnico da Federación Galega de Natación. Isto permitiu que a institución concorrese cun equipo integrado por 21 nadadores e nadadoras, entre os que se atopaban ademais os dous primeiros deportistas con diversidade funcional en tomar parte nesta competición.

Doce estudantes subiron ao podio

Nove estudantes do campus de Vigo, sete do de Pontevedra e cinco do campus de Ourense participaron nun campionato no que subiron ao podio doce estudantes da UVigo. Entre eles, o alumno da Facultade de Fisioterapia Sergi Navarro e a estudante da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra Sofía Mourenza, que acadaron ambos catro medallas de ouro. Dúas delas lográronas nas probas de 4x50 estilo libre e 4x50 estilos, nos que os equipos da UVigo encabezaron a clasificación. No primeiro dos casos, Navarro e Mourenza compartiron equipo con Iker Pérez e Sofía Carballo e no segundo con Sofía Carballo e Gael Álvarez. 

Sofía Mourenza logrou ademais a medalla de ouro nas modalidades de 50 metros braza e 100 metros braza, na que a prata foi para Sofía Carballo, alumna da Escola de Enxeñería Industrial, que gañou ademais o ouro no 100 metros estilos feminino. Nas probas masculinas, Sergi Navarro logrou a vitoria tanto nos 50 como nos 100 metros costas. No primeiro dos casos estivo acompañado no podio por Gael Álvarez, que acadou a prata, mentres que na segunda a UVigo copou os tres postos do podio, ao que tamén subiron Gael Álvarez e Yoel González. 

Por outra banda, o estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iker Pérez logrou a vitoria na carreira de 50 metros libre masculino, na que a prata foi para Rubén Santín, mentres que o alumno da Escola Superior de Enxeñaría Informática Paulo Gunche alzouse co outro en 100 metros estilos. 

A estes éxitos súmanse as medallas de prata acadadas por Niara Eijo nos 50 e nos 100 metros costas feminino e por Miguel Ángel Gómez nos 50 e 100 metros braza masculino. No 100 metros libre feminino Ángela Mellid rematou tamén en segundo lugar, ao que sumou un bronce no 200 metros libre. Tamén Iker Pérez, no 50 metros bolboreta, e Manuel Francisco Ruibal, no 100 metros bolboreta, remataron no terceiro chanzo do podio e a estas medallas súmase o bronce logrado por Gunche, Gómez, Eijo e Mellid na proba do 4x50 estilos mixta.