Nun curso enmarcado no proxecto de especialización do campus de Ourense
A UVigo comeza a formar especialistas en Auga, Termalismo e Saúde
A actividade desenvolverase ata xuño de 2026
Entre as novidades académicas deste curso 2025/2026 no campus de Ourense está a posta en marcha na Facultade de Ciencias dun curso de Experto/a en Auga, Termalismo e Saúde. A súa programación acaba de arrancar con 15 persoas inscritas e o obxectivo de ofrecerlles “unha formación integral sobre os beneficios terapéuticos e cosméticos da auga mineral-medicinal e termal”.
A iniciativa é un título propio da UVigo ofertado a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente e realízase ao abeiro do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Dirixido polas profesoras e investigadoras Mª Inmaculada Franco e María José Pérez, estrutúrase en módulos que abranguen dende os aspectos xeolóxicos e microbiolóxicos da auga ata a súa aplicación no tratamento de diversas patoloxías. O curso desenvolverase ata finais de xuño de 2026, constando de 20 créditos ECTS, con 136 horas de docencia presencial e virtual e 60 horas de prácticas en empresa.
Da teoría á práctica
A pasada semana arrancou a súa programación co primeiro módulo, enfocado a ofrecer ao alumnado conceptos da hidroxeoloxía, a calidade e control microbiolóxico e químico da auga e a lexislación vixente, promovendo a innovación no uso das augas termais. Os profesores da Facultade de Ciencias Pedro Araujo e José Ángel Cid foron os encargados de introducir aos asistentes na hidroxeoloxía non só desde un punto de vista teórico senón tamén práctico, cunha visita guiada por Ourense.
Ao longo das sesións do curso, as persoas inscritas coñecerán e comprenderán o papel da auga na dinámica terrestre, a súa protección e valoración como recurso; analizarán a importancia da calidade microbiolóxica e química das augas e coñecerán as normativas aplicables a este recurso. O alumnado tamén se achegará aos fundamentos da pel e aos factores que poden afectar a saúde cutánea e as indicacións das augas para as distintas patoloxías en función das súas características físico-químicas e as diferentes técnicas de aplicación. “Esta formación prepara a profesionais para traballar no ámbito da saúde e do benestar, potenciando o uso terapéutico e cosmético das augas termais”, sinalan desde a súa organización.
