DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado seleccionado realizará prácticas en concellos de menos de 5000 habitantes

A UVigo concede 18 axudas Campus Rural por valor de 43.500 euros

As estancias, de entre 2 e 4 meses, lévanse a cabo entre xullo e novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/07/2024

18 alumnas e alumnos da Universidade de Vigo realizarán este ano as súas prácticas en pequenos concellos de menos de 5000 habitantes espallados por toda a xeografía galega. Son as 18 persoas elixidas para participar no programa Campus Rural 2024, unha iniciativa promovida polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico en colaboración co Ministerio de Universidades e a CRUE, Conferencia de Rectores das Universidades Españolas, e que ten como finalidade que o alumnado universitario de calquera titulación oficial poida realizar prácticas formativas en zonas rurais con problemas de despoboamento a través de entidades como concellos, empresas, asociacións ou outros organismos localizados nestas zonas.

As alumnas son as que máis se decantan por este tipo de experiencia

Das 18 axudas concedidas a inmensa maioría (15) foron adxudicadas a estudantado da rama de Ciencias Sociais, Xurídicas e Humanidades e, si se atende á clasificación por xénero, son as alumnas as que máis se decantan por este tipo de prácticas: 12 alumnas fronte a 6 alumnos. En total destínanse a estas axudas 43.500 euros, con contías por estudante  que varían entre os 2000 e os 4000 euros, dependendo da duración das súas prácticas, que pode oscilar entre os dous e os catro meses e que debe realizarse no período comprendido entre o 1 de xullo e o 15 de novembro.

A inmensa maioría das prácticas realízanse na provincia de Ourense

Maceda, Vilar de Barrio, A Peroxa, Parada de Sil, Arnoia, Vilariño de Conso, Baño de Molgas.. son algúns dos concellos ourensáns que acollerán a estes estudantes. Esta é a provincia que máis estudantes recibirá, pero non a única.  Hai tamén participantes que elixiron como destino diferentes enclaves da provincia de Pontevedra como As Neves, Forcarei, Meis ou Pazos de Borbén, ou da Coruña (Val do Dubra, Baña…). No caso de Lugo a representación virá a través dunha alumna que realizará as súas prácticas na empresa Outonía, un proxecto pioneiro de sustentabilidade rural dirixido ao rural lugués e ourensán posto en marcha por tres educadoras sociais co obxectivo de crear proxectos e intervencións educativas en territorios rurais adaptadas ás necesidades das persoas que o conforman.

En concellos, asociacións, empresas...

A característica principal deste programa é que as estadías realízanse “residindo” nesa contorna, “coñecéndoa en profundidade e convivindo e colaborando coa súa xente, de modo que poidan vela como un lugar de oportunidades para o desenvolvemento do seu futuro profesional”, tal e como se indica na propia convocatoria das bolsas. En moitos casos, as prácticas realizaranse nos propios concellos e, noutros, en empresas, entidades ou asociacións da contorna como a escola de educación infantil de Taboexa, nas Neves; o Grupo de Desenvolvemento Rural Sil-Bibei-Navea, que ten como ámbito de actuación os concellos ourensáns de Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso; a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, dedicada á investigación e divulgación da ciencia e a astronomía, encargada de xestionar o Observatorio Astronómico de Forcarei, ou a empresa Algas Atlánticas Algamar, con sede en Pazos de Borbén, e que constitúe a 1ª empresa española especializada en recolección, secado e elaboración de algas mariñas para uso alimentario.