DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da Cátedra PonteActiva, financiada con 120.000 euros pola administración local

A UVigo e o Concello de Pontevedra alíanse para construír unha cidade máis activa, saudable e inclusiva 

O seu obxectivo é facilitar o acceso ao exercicio físico do conxunto da cidadanía

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
  • Reitora
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Pontevedra 04/11/2026

A Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra selaron este mércores a súa alianza para contribuír a construír unha cidade máis activa, saudable e inclusiva, a través da Cátedra PonteActiva, á que a administración local destinará 120.000 euros ao longo de catro anos. A reitora, Carmen García Mateo, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron nesta xornada o convenio de colaboración para apoiar a creación e desenvolvemento das actividades desta cátedra institucional entre 2026 e 2029. O seu obxectivo, como sinalou o seu director, o catedrático José María Cancela, é “situar a actividade física, o exercicio e o deporte como ferramentas fundamentais para mellorar a saúde, a calidade de vida e o benestar da cidadanía de Pontevedra”.

Con ese propósito, un dos seus eixes será facilitar o acceso do conxunto da cidadanía “a programas de actividade física e exercicio adaptado ás necesidades dos diferentes colectivos”, pondo énfase naquelas persoas “que presentan máis dificultades para incorporar hábitos de vida activos”, segundo salientou na súa presentación o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e integrante do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega). Nese senso, entre os principais obxectivos dunha iniciativa á que o Concello destinará unha partida anual de 30.000 euros atópanse a promoción de programas de exercicio físico dirixidos a persoas sedentarias ou con patoloxías, o fomento do envellecemento activo ou a mellora da calidade de vida e da actividade física da poboación infantil e xuvenil.

Deste xeito, PonteActiva nace cunha “responsabilidade clara”, engadiu Cancela, a de “conseguir que o coñecemento científico e a investigación universitaria se transformen en accións concretas que repercutan positivamente na vida das persoas”, aliñando os recursos docentes e investigadores da UVigo coas políticas municipais en materia de saúde e benestar.

O obxectivo común de mellorar a calidade de vida da cidadanía

“Unha universidade pública ten a responsabilidade de xerar coñecemento, pero tamén de conseguir que ese coñecemento sexa útil para a sociedade”, salientou García Mateo na presentación desta cátedra, na que participaron tamén a vicerreitora do campus, Marián Fernández; o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García; o director do Cidega, Carlos Lago, a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Pedro Iglesias. A reitora da UVigo puxo énfase na súa intervención na importancia dunha iniciativa que permite a transferir á sociedade o coñecemento xerado nun campus que conta cunha “sólida traxectoria” no eido das ciencias do deporte, “con equipos investigadores de referencia” e o propio Cidega. Nese senso, PonteActiva permite poñer ese coñecemento “ao servizo dun obxectivo compartido co Concello: promover a actividade física, a saúde e o benestar da cidadanía”, contribuíndo tanto a que o traballo que se desenvolve na UVigo teña “un impacto positivo nas persoas” como a facer que “a Universidade forme parte da cidade”.

Pola súa banda, Fernández Lores definiu a sinatura deste acordo como “un feito histórico”, posto que o obxectivo desta cátedra é “conseguir a maior calidade de vida posible na nosa cidade”, así como no conxunto de Galicia. Con esa idea, esta proposta contará coa implicación, explicou, da Universidade, do Concello e do Clúster, ao tempo que se traballa tamén para incorporar a esta iniciativa ao Servizo Galego de Saúde. A idea, explicou Fernández Lores, é promover que o persoal clínico poida prescribir aos e ás cidadás a práctica de actividade física, para que logo, “entre todos, sexamos capaces de definir que tipo de actividade é máis axeitada para cada persoa”. Nese senso, salientou o alcalde, o “reto” é tratar de estender a práctica de exercicio “ao 100% da poboación”, polo que “teremos que actuar sobre persoas sedentarias, sobre xente nova e, especialmente, sobre as persoas con máis necesidade de actividade física”. 

Impulso dun laboratorio “pioneiro en España”

Como explicou Cancela, as actividades da Cátedra PonteActiva estrutúrase arredor dunhas “liñas estratéxicas” que abranguen a investigación aplicada, a intervención comunitaria, a formación e a divulgación científica, así como o impulso de proxectos de I+D+i. O seu plan estratéxico contempla así mesmo unha programación de actividades ao longo destes catro anos, que se inician neste 2026 coa posta en marcha “dun proxecto piloto vinculado ao exercicio físico para a saúde”, á que se sumará a organización dunhas xornadas científicas sobre actividade física, xénero e espazo público.

Xa para o vindeiro ano, proxéctase ampliar esta iniciativa “a novos colectivos”, incorporando o traballo con persoas con discapacidade, así como a formación de profesionais. Para 2028, apuntou Cancela, está previsto avanzar na creación dun “laboratorio de innovación en exercicio físico comunitario, pioneiro en España”, a través do fortalecemento “das alianzas con empresas e entidades deportivas”, así como promover o emprendemento neste ámbito. Finalmente, 2029 será “un ano de reflexión e análise”, no que establecer as bases para a continuidade dun proxecto que busca ter “unha repercusión real no municipio”, de tal xeito que “os resultados da investigación se traduzan en programas útiles e que o exercicio físico para a saúde chegue ao conxunto da poboación”.

Colaboración para o futuro do campus

Na súa intervención, a reitora enmarcou a posta en marcha desta cátedra na colaboración que a Universidade mantén co Concello “para avanzar xuntos en cuestións estratéxicas para o futuro do campus”. Neste punto, García Mateo lembrou a recente constitución dun grupo de traballo para abordar as necesidades de crecemento do campus, que permitirá “facelo máis peonil”. Ao mesmo tempo, recoñeceu que a institución académica atópase traballando co Concello en distintas vías, orientadas tanto a “ver todas as posibilidades” para dotar o campus dunha residencia como de dar resposta ás “necesidades” en materia de infraestruturas docentes. Neste punto, a reitora anunciou que a institución académica atópase traballando “cara a unha ampliación” da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que buscará “completar o proxecto orixinal cun terceiro módulo”.