DUVI

Diario da Universidade de Vigo

5154 mozas e mozos iniciaron este martes os exames nos tres campus

A UVigo concentra máis do 40% dos exames da ABAU en Galicia

As probas arrancaron co exame de Historia de España, con temas como a Transición ou a Restauración

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 07/06/2022

5154 mozas e mozos iniciaron este martes os exames da ABAU 2022 (Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade) nas catro comisións da Universidade de Vigo, situadas en facultades e escolas dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, así como na localidade ourensá de A Rúa. O campus vigués, con 2712 estudantes rexistrados, é o que maior número de alumnos e alumnas de Bacharelato acolle ata o vindeiro xoves; seguido de Pontevedra con 1228, Ourense con 1110 e A Rúa con 104. “Na UVigo examinamos desde hoxe algo máis do 40% de estudantes de Galicia”, explica Luis Muñoz, delegado da Universidade de Vigo na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) , que confirma, respecto do curso pasado, unha lixeira baixada no número de estudantes rexistrados para a realización de dos exames (5437). No global de Galicia o número de estudantes rexistrados que hoxe inician os seus exames, nunha decena de comisións, elévase a 12.845. 

L0go da presentación, que se iniciou ás 9.00 horas, as probas comezaron ás 10.00 co exame de Historia de España, no que tiveron que elixir entre opcións como a Transición e a figura de Adolfo Suárez ou a crise da Restauración, e continuaron a mediodía con Lingua Castelá e Literatura, para seguir pola tarde coas probas de Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Fundamentos da Arte e rematar con Economía da empresa e Deseño. “Os modelos de exame son os mesmos que os da pandemia e seguirá sendo así o próximo ano. Seguramente mudarán para o 2024 , cando se examine o alumnado que comeza o novo bacharelato en setembro deste ano”, confirma Luis Muñoz, que lembra que as probas estanse a realizar nas mesmas condicións que se utilizaron nas universidades para os exames de grao, “polo tanto elimináronse case todas as restricións dos anos 2020 e 2021”.

Nos tres campus da UVigo o número de facultades e escolas nos que se están a celebrar as probas ascende a 18 (9 en Vigo, 4 en Ourense e 3 en Pontevedra), aos que se engaden o IES Cosme López Rodríguez de A Rúa e o Colexio Santiago Apostol- ONCE de Pontevedra, onde se está a examinar o alumnado con discapacidade ou necesidades especiais. “Elimináronse dúas comisións, unha en Ourense (edificio do Campus da Auga) e outra en Pontevedra (pavillón polideportivo), mentres en Vigo mantense o mesmo número de comisións, aínda que con diferente distribución que o ano pasado”, confirma o delegado da UVigo na CIUG, que explica que a razón de utilizar todos os centros da Universidade de Vigo busca “tratar de repartir as molestias que poida causar a ABAU aos responsables académicos por coincidir co período de exames de grao”.

2712 estudantes examínanse no campus vigués

O campus de Vigo é, tras o da Coruña, a segunda comisión delegada de Galicia onde máis estudantes se examinan. Os 2721 alumnos e alumnas rexistrados para realizar as probas da ABAU están distribuídos por nove facultades e escolas do campus vigués, nas súas dúas sedes. “Este ano pérdese a comisión do pavillón universitario, pero hai dúas comisións en Torrecedeira, en vez da única que houbo o ano pasado. Deste xeito examinamos na cidade a máis de 550 estudantes de centros públicos de Vigo para que non suban ao campus”, detalla Muñoz.

Estreáronse con Historia, “para min a materia máis complicada”, explicaba Ana Charlotte Bartölke, alumna do IES Xelmirez, nada máis rematar o exame na Facultade de Filoloxía e Tradución. “Chegas con moitas dúbidas, con curiosidade por saber como é, un pouco nerviosa, pero, pasada esta primeira, proba teño que dicir que ben”. Elixiu o comentario sobre a crise da Restauración, “pareceume máis doado que o da Transición”, explica a alumna, quen agarda poder matricularse no Grao en Psicoloxía na UNED. Menos contenta saíu do exame Loredana González, do IES Ricardo Mella, a quen lle saíu ben a parte teórica, “na que elixín como tema a Guerra de Secesión, pero o comentario non tanto, xa que os dous temas eran do século XX, que eu apenas estudara”. No seu caso aínda non ten nada claro que titulación vai elixir, “gústame Ciencias da Educación, pero tamén Administración e Dirección de Empresas ou, incluso, Dereito”. Agardará, polo tanto, a coñecer a nota final para decidir a titulación. “O importante agora é que pasou o exame de Historia e que xa estou moito menos nerviosa que a primeira hora da mañá”, sorrí, tras admitir que tivo que tomar unha tila antes de saír da casa.

Tres sedes e 1228 estudantes no campus pontevedrés

 

Procedentes de 28 centros de ensino de 14 concellos da contorna de Pontevedra e do Salnés, 1228 estudantes enfróntanse a estas probas no campus pontevedrés, unha cifra practicamente idéntica á de 2021, cando foron un total de 1223. Tras a supresión da comisión delegada creada o pasado curso no Pavillón Universitario, os exames desenvólvense novamente en tres centros do campus. Entre elas, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que acolle a comisión con maior número de alumnos e alumnas de toda a Universidade de Vigo, un total de 573, e a única na que se empregan mesas e cadeiras adicionais ás dispostas na aula, as instaladas no pavillón do centro. Por outra banda, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolle 414 alumnos e alumnas, mentres que outros 275 examínanse na Escola de Enxeñaría Forestal. A estas sedes súmase á súa vez o Centro de Recursos Educativo da ONCE, onde realizan estas probas, coas adaptacións necesarias, seis estudantes con discapacidade. 

Procedentes do IES de Poio, Lúa Otero e Carla Iglesias son dúas das máis de 400 alumnas e alumnos que se enfrontan a estas probas en Ciencias Sociais e da Comunicación, ata onde esta mañá acudían, recoñecen, “moi nerviosas”, para logo saír xa “bastante máis tranquilas” tras o exame de Historia de España. “Penso que é certo que fai falta unha proba para o acceso á universidade, pero tamén suponnos moita presión durante dúas semanas, nas que temos que estudar o que preparamos nun curso enteiro e non podes ter un mal día”, sinala Otero destas probas, nas que agarda conseguir a nota suficiente para cursar o vindeiro ano o Grao en Tradución e Interpretación no campus de Vigo. No caso de Iglesias, o seu destino en setembro podería ser a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o centro no que lle gustaría cursar o Grao en Educación Primaria, aínda que recoñece “que non teño aínda claro que vou facer, nin sequera se vou facer un grao ou un ciclo superior”. 

1110 estudantes no campus de Ourense

Na provincia de Ourense, ao igual que xa aconteceu o pasado ano, a distribución xeográfica das comisións delegadas é a mesma que na etapa anterior á pandemia e os exames realízanse no campus e no IES Cosme López Rodríguez de A Rúa. Concretamente, nas instalacións universitarias da UVigo en Ourense examínanse 1110 estudantes (cifra inferior á do pasado curso, que foi de 1152) e na Rúa 104 (cifra tamén inferior á de 2020/2021, que foi de 112) ascendendo a cifra total de matriculadas e matriculados nas ABAU na provincia a 1214 (fronte a 1264 na anterior edición). No campus de Ourense, as alumnas e alumnos están a realizar as probas no edificio Politécnico, no Xurídico-Empresarial, no Edificio de Ferro e na Biblioteca Rosalía de Castro. Nesta ocasión, ao contrario do acontecido en 2021, non foi preciso habilitar o edificio do Campus Auga para os exames.

Entre o alumnado que este martes se examinou no Edificio de Ferro estaban Noa Ulloa e Daniela Salgado, do IES Manuel Chamoso Lamas de O Carballiño. “O primeiro exame foi Historia, que é sempre bastante dura porque é unha materia entretida pero que ten moita teoría”, comentaba Noa Ulloa nun descanso. Aínda que non entrou o contido que ela agardaba e o exame afirma que lle saíu “regular”, ao igual que á súa compañeira, amosaba a súa confianza en que “malo será” que non supere esta proba. “Os nervios e o estrés sempre xogan en contra nosa pero unha vez estás diante do exame sácalo adiante dun xeito ou doutro”, engadía Daniela Salgado. Superados os primeiros momentos de incerteza, as dúas estudantes apuntaban o seu desexo de rematar canto antes as ABAU xa que, sinalaban, estas dúas últimas semanas de preparación intensa e todo o curso académico traballando para este momento “fíxose longo”.  Noa Ulloa agarda acadar a nota para poder estudar Odontoloxía ou algunha carreira de Ciencias como Bioloxía ou Farmacia e Daniela Salgado aposta por facer Administración e Dirección de Empresas no propio campus de Ourense.