O ránking SportBusiness sitúa o seu mestrado primeiro de España e terceiro de Europa
A UVigo consolida o seu liderado en xestión empresarial do deporte
O profesor Ángel Barajas arranca a presidencia da Sociedad Española de Economía del Deporte
Un ano máis, o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo sitúase no ránking internacional dos mellores posgraos que fai SportBusiness, entidade de referencia para a industria do deporte, e faino mellorando a súa posición. A titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense sitúase primeira entre os títulos impartidos en España, terceira de Europa e 24 do mundo. Tamén no eido da xestión do deporte, un dos promotores deste mestrado e profesor da UVigo, Ángel Barajas, arranca agora o seu mandato como presidente da Sociedad Española de Economía del Deporte.
No mapa internacional
SportBusiness é unha asociación da industria do deporte, principalmente profesionais, que conta con diferentes ránkings, un deles dedicado á formación de posgrao. O seu SportBusiness Postgraduate Rankings preséntase como “o ránking máis completo e detallado” dos mellores posgraos de xestión deportiva, tendo como obxectivo proporcionar a alumnado e profesionais “o sistema de clasificación máis confiable e respectado” no seu eido. Para acadalo, a entidade valora aspectos de cada mestrado como a internacionalización de alumnado e profesorado, a calidade docente ou a empregabilidade.
O coordinador do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, Patricio Sánchez, salienta a súa satisfacción polos resultados acadado neste ránking 2025 “nunha contorna cada vez máis competitiva, onde prestixiosas universidades americanas están puxando con forza”. Os postos acadados, subliña, supoñen “sen dúbida un gran trunfo colectivo”, apuntando que non só se conseguiu a permanencia neste ránking senón tamén mellorar a posición nel, estando a carón de universidades internacionais de referencia no ámbito da xestión deportiva. Este posicionamento internacional, indica, permite “poder seguir visualizando a nosa Universidade xunto con outras referentes no sector” e supón “toda unha alegría e toda unha responsabilidade”. Alén do primeiro posto estatal, terceiro europeo e 24 xeral, o profesor destaca o primeiro posto a escala global acadado na categoría de Career Advancement, de avance profesional.
Este mestrado é único programa oficial de posgrao sobre esta temática en Galicia, pensado para proporcionar ao seu alumnado a formación académica e práctica necesaria para a profesionalización na xestión do deporte. O título, subliña Patricio Sánchez, chega este curso académico á súa 15 edición cubrindo de novo todas as súas prazas (26) na primeira convocatoria e destacando a boa acollida internacional, contando con alumnado matriculado procedente dun amplo abano de países.
No mapa estatal
Tamén no eido da xestión do deporte, o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Ángel Barajas foi elixido este verán presidente da Sociedad Española de Economía del Deporte, arrancando agora o seu mandato tras o parón estival. Profesor de Economía Financeira e Contabilidade, está especializado no ámbito das finanzas deportivas e o capital intelectual, tendo publicado numerosos artigos onde analiza a sostibilidade económica de clubs de fútbol, a gobernanza no deporte e a influencia das normas de control financeiro. O obxectivo da sociedade que pasa a presidir, e que organiza anualmente o Congreso Iberoamericano de Economía del Deporte, é fomentar a actividade académica e investigadora desde a perspectiva da análise económica e a xestión das entidades e empresas deportivas, tanto de natureza pública como privada. No mandato que desenvolverá ata 2028, os retos propostos polo equipo directivo que encabeza, e composto por especialistas doutras seis universidades estatais, son consolidar a actividade desta sociedade, promovendo entre outros aspectos a transferencia de coñecemento no seu ámbito de actuación, e fomentar a investigación en deportes emerxentes e minoritarios, a igualdade de oportunidades e a sostibilidade.
