DUVI

Diario da Universidade de Vigo

59 con estadía de ano completo, 218 no 1º cuadrimestre e 208 no segundo

A UVigo consolida o seu perfil internacional con 485 estudantes de intercambio de máis de 40 países

O reitor deulles este venres a benvida ás mozas e mozos que acaban de chegar á cidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 30/01/2026

Preto de medio milleiro de estudantes (485) chegados de máis de 40 países elixiron este curso a Universidade de Vigo para realizar as súas estadías de intercambio internacional. 59 elixiron pasar en Vigo o curso completo, 218 optaron por quedar na cidade olívica de setembro a xaneiro e 208 por facelo a partir de xaneiro. Esta semana, coincidindo co arranque do segundo cuadrimestre, déuselles a todas e todos a benvida: o mércores no campus de Ourense, onde quedaron 40; o xoves en Pontevedra, con 37, e hoxe venres en Vigo, destino dos 190 restantes.

O lugar de encontro foi a Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias, ata onde se desprazaron o reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, así como os directores da Área de Internacionalización, Iago Pozo, e de Plurilingüismo, Óscar Ferreiro, xunto con numerosos membros da Oficina de Relacións Internacionais. Todos lles agradeceron ter elixido a UVigo como destino, desexáronlles unha “marabillosa” estancia na cidade e animáronos a gozar moito desta etapa das súas vidas. “Estou seguro de que ides facer amigos de todas as partes do mundo, amigos que van perdurar para toda a vida e iso é algo que vos vai enriquecer enormemente”, aseguroulles o reitor, quen tamén bromeu con eles sobre o mal tempo deste días. “Está a ser un inverno duro pero iso non vai ser impedimento para que levedes para os vosos países un gran recordo desta experiencia”, recalcoulles o reitor.

Procedencias cada vez máis variadas, con Italia e Francia á cabeza

Se aos 208 que chegaron estes días lles sumamos os 59 que viñeron en setembro para quedar aquí o curso completo, as aulas da UVigo contan nestes intres con 267 estudantes internacionais de intercambio. A inmensa maioría chegaron a través do programa Erasmus+ KA 131, é dicir, o tradicional programa Erasmus co que se xestiona a mobilidade entre países membros da Unión Europea e asociados; 57 a partir de convenios bilaterais con universidades doutros países; 44 co Erasmus+ KA 171, entre institucións de países membros do programa Erasmus co resto do mundo, e 10 co programa ISEP, International Student Exchange Programs, unha rede global de máis de 300 institucións de educación superior de todo o mundo.

Esta diversidade de programas facilita que haxa estudantes de preto de medio cento de nacionalidades. Como principais países de procedencia mantéñense Italia (41), Francia (29), Polonia (23), Turquía e México (21), seguidos de preto por Alemaña (17), pero a listaxe  inclúe moitos outros países, non só europeos (República Checa, Irlanda, Bélxica, Reino Unido, Portugal...), senón tamén de América (Arxentina, Brasil, Canadá, Chile, Ecuador...); África (Cabo Verde, Exipto, Marrocos, Mozambique...) e Asia (India, Iraq, Taiwan, Kirguistán, Uzbequistán...).

A presenza internacional espállase por todas as facultades e escolas

No caso do alumnado que elixiu o campus de Vigo como destino, a Facultade de Filoloxía e Tradución segue a ser destino prioritario (60), seguida de Ciencias Económicas e Empresarias (41) e a Escola de Enxeñería Industrial (35), se ben a presenza internacional se espallou xa por todos os centros, tanto propios como adscritos: 18 na EE de Telecomunicación; 10 en CC Xurídicas e do Traballo; 7 en Comercio; 6 en CC do Mar; 3 en Bioloxía, na EE Minas e Enerxía, Enfermaría (Povisa) e Química, completando a listaxe a EU de Enfermería do Meixoeiro, centro que elixiu como lugar de estudo un alumno de Portugal.

Aniello di Maio e Davide Glouwazzo, de Nápoles, chegaron o domingo a Vigo. Os dous estudan temas relacionados con Economía e Administración e Dirección de Empresas, polo que non tiveron que desprazarse de centro para asistir á presentación. “Viñemos a España porque nos parece un país moi fermoso e eliximos a UVigo porque é unha universidade que lle dá un montón de oportunidades ao alumnado Erasmus”, explican os alumnos, intres antes de asistir á presentación, ao que engaden que “ademais a compatibilidade no calendario de exames coa nosa universidade de orixe nos favorecía moito”. Ao respecto da cidade, admiten que non pensaron que fora tan grande. “Estamos moi contentos, é un lugar moi distinto ao noso e iso gústanos, ademais hai un montón de servizos, a única pega é que non para de chover”.

Desde o país veciño, Francia, chegaron, Tranchet Caurare e Groohan Fleve, alumnas dun dobre grao de Dereito e Idiomas e que aquí terán docencia nas Facultades de Filoxía e Tradución e CC Xurídicas e do Traballo. “Estamos seguras de que esta é unha boa oportunidade para nós”, explicaron, moi contentas por ter elixido este destino, “seguro que será unha boa experiencia”.
 

Informe de mobilidade internacional na UVigo no curso 2025/2026 (ano completo e 2º cuadrimestre)