Ocupa o posto 811 entre un total de 21.462 institucións avaliadas no ránking CWUR
A UVigo consolídase entre o 3,8% das mellores universidades do mundo
Na clasificación referida á investigación acada o posto 772
A Universidade de Vigo mellora a súa posición no ránking CWUR, Center for World University Rankings, e sitúase no top 3,8% das mellores universidades do mundo con 71.8 puntos sobre 100. Esta posición consolida a evolución continua da institución olívica, que pasou de estar no top 4% en 2023 ao 3.9% en 2024 e agora o 3,8%.
Esta porcentaxe implica que a UVigo ocupa o posto 811 entre as 21.462 institucións académicas de todo o mundo avaliadas para formar parte da lista Global 2000 publicada este luns por CWUR. Trátase da clasificación académica de universidades máis completa do mundo para cuxa elaboración se empregan indicadores obxectivos para os catro piares fundamentais que sustentan a metodoloxía do ránking (educación, empregabilidade, profesorado e investigación), sen depender de enquisas nin de datos presentados polas propias universidades. Neste sentido, dende CWUR salientan que na elaboración da clasificación dáselle igual importancia aos indicadores relacionados cos estudantes e co profesorado. En total, na edición de 2025 empréganse 74 millóns de puntos de datos baseados en resultados das 21.462 universidades.
No posto 309 na clasificación europea
Se atendemos á clasificación europea, a UVigo ocupa o posto 309 entre as institucións de educación superior do continente (315 na pasada edición) e o 27 a nivel nacional, manténdose respecto do 2024. O ránking tamén inclúe unha clasificación específica centrada no eido da investigación, na cal a UVigo mellora a súa posición global, acadando o posto 772, un chanzo máis arriba ca na edición 2024 desta listaxe.
Estados Unidos, á cabeza da excelencia académica mundial
Un ano máis, as universiaddes privadas estadounidenses consolídanse como as mellores institucións académicas do mundo. O ránking está encabezado pola Universidade de Harvard, cunha puntuación de 100 sobre 100, seguida polo MTI, con 96.8, e a Universidade de Stanford, con 95.2. Deste xeito, o podio queda copado por institucións privadas estadounidenses. A seguir están as universidades públicas británicas de Cambridge e Oxford, cunha puntuación de 94.1 e 93.3 respectivamente, que son as únicas non estadounidenses que aparecen la listaxe ata o posto 13, que está ocupado pola Universidade de Tokio, con 89.9 puntos. Esta primeira parte da clasificación non rexistra cambios respecto da edición de 2024. A primeira institución europea na listaxe é a Université PSL de París, no posto 19 con 88.5 puntos, mentres que a primeira española é a Autonoma de Barcelona, no 126, con 81 puntos.
Sete indicadores de catro áreas para elaborar a lista Global 2000
Para a elaboración desta clasificación, CWUR emprega sete indicadores baseados en resultados agrupados en catro áreas, para avaliar as universidades do mundo: educación, empregabilidade, profesorado e investigación.
No que se refire á educación, avalíase o éxito académico das persoas egresadas en relación co tamaño da universidade (25%). Para valorar o ítem de empregabilidade tense en conta o éxito profesional das e dos exalumnos, tamén en relación co tamaño da institución (25%). No que atinxe a profesorado, tense en conta o número de docentes que recibiron altas distincións académicas (10%), mentres que para avaliar a investigación aténdese a varios aspectos, como o número total de artigos de investigación (10%); o número de artigos de investigación publicados en revistas de primeiro nivel (10%); a influencia, medida polo número de artigos de investigación publicados en revistas de grande influencia (10%) e, finalmente, o número de artigos con alta citación (10%).