DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada que terá lugar o martes 9 no campus de Ourense

A UVigo convida á comunidade universitaria a reflexionar sobre a diversidade e os dereitos humanos

As persoas participantes elaborarán colaborativamento un manifesto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Diversidade
  • Institucional
DUVI Ourense 05/12/2025

A Vicerreitoría do campus de Ourense e a Unidade de Diversidade da Universidade de Vigo organizan o vindeiro martes, día 9 de novembro, a xornada Dereitos, educación e participación. Unha universidade para todas as persoas. A través de conferencias, relatos de vida, debate e un obradoiro participativo, con esta actividade quérese convidar ao conxunto da comunidade universitaria a reflexionar sobre os dereitos humanos como práctica cotiá, rematando a sesión coa elaboración do Manifesto Universitario da UVigo polo Día Internacional dos Dereitos Humanos 2025. 

Con este acto, a institución académica únese á conmemoración do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional (3 de decembro) e o Día Internacional dos Dereitos Humanos (10 de decembro), tendo este último como lema O esencial de cada día. 

Os obxectivos da xornada, indican desde a súa organización, son dar visibilidade ás experiencias reais, achegar á comunidade universitaria relatos en primeira persoa sobre diversidade funcional, inclusión e desafíos educativos nas diferentes etapas. Tamén quere fomentar a reflexión crítica (promovendo un espazo de análise sobre os dereitos humanos e as prácticas necesarias para garantir a participación plena na vida académica) e recoñecer a diversidade das traxectorias educativas (comprender os procesos de transición desde etapas obrigatorias e posobrigatorias ata a universidade, identificando barreiras e oportunidades). Ademais, a xornada busca impulsar a participación activa: involucrar estudantes, persoal docente e investigador e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos nun proceso colectivo de elaboración dun manifesto que represente o compromiso da UVigo coa inclusión e os dereitos. Deste xeito, apuntan desde a xornada, búscase “crear comunidade, fortalecer vínculos entre profesionais da ensinanza e social, estudantado e persoas con experiencias diversas, enfatizando o valor do esencial na nosa sociedade diversa: coidar, escoitar, respectar e garantir accesibilidade para todas as persoas”.

Un proceso colaborativo 

A xornada, enfocándose ao proceso colaborativo de elaboración do citado manifesto, arrancará cun coloquio-obradoiro sobre o deporte como elemento de participación e inclusión social, a cargo do educador social Felisindo Estévez. Seguiralle unha mesa de experiencias e diálogo, moderada por Iria Loisa Justo e na que participarán as docentes Adán Rey (Educación Primaria e Lingua Estranxeira); Graciela Caride (Educación Primaria e Pedagoxía Terapéutica); Marcos Barreira (Pedagoxía Terapéutica e vicecoordinador na Rede Educativa de Apoio LGTBIQ+ de Galicia) e Raquel Iglesias (Educación Primaria, coordinadora na asociación AGAMPI e estudante de doutoramento na UVigo) e o estudante de Bacharelato Marcial Feijoo. 

Este mesa de experiencias e diálogo centrará o seu contido nas historias de vida e traxectorias educativas de persoas con diversidade, profesionais da ensinanza obrigatoria e postobrigatoria, compartindo como viven e viviron o paso polo sistema educativo e cales foron os principais apoios, barreiras e aprendizaxes no camiño cara a universidade”, sinalan desde a actividade. O diálogo incluirá tamén “achegas de profesionais do ámbito educativo e social sobre os retos actuais para garantir unha educación superior verdadeiramente accesible e participativa”.

Por último, haberá un obradoiro no que se creará o citado Manifesto Universitario da UVigo polo Día Internacional dos Dereitos Humanos 2025. As persoas participantes na xornada traballarán xuntas para elaborar este manifesto universitario en clave de dereitos humanos, que recollerá compromisos de accesibilidade e participación; demandas da comunidade universitaria para avanzar en inclusión real; mensaxes de recoñecemento ás experiencias compartidas e unha visión común sobre como vivir os dereitos humanos no día a día, en consonancia co lema deste ano 2025.