Airis pretende mellorar a súa rendibilidade e seguridade
UVigo e Copasa desenvolven un proxecto estatal para dixitalizar e automatizar a inspección de vías de ferrocarrís de alta velocidade
Crearán un sistema óptico de detección de deficiencias e algoritmos de procesamento de datos
Un equipo da Universidade de Vigo e a empresa Copasa está a desenvolver o proxecto estatal Airis. O seu obxectivo é, aplicando as últimas tecnoloxías, dixitalizar e automatizar a inspección de vías de ferrocarrís de alta velocidade para contribuír a mellorar tanto a súa rendibilidade como a súa seguridade.
O proxecto, titulado Adaptative and intelligent railway inspection system, está financiado cun total de 568.906,62 euros pola convocatoria de colaboración público-privada 2023 da Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e fondos da Unión Europea NextGeneration. Nel participa por parte da Universidade de Vigo o grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae). Coordina a iniciativa por parte da UVigo o profesor e investigador Higinio González. O socio do proxecto, Copasa, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, é unha empresa multinacional de construción de orixe ourensá que conta cunha dilatada traxectoria no desenvolvemento de infraestruturas de todo tipo.
Sobre a relevancia de Airis, os seus promotores explican que un dos desafíos cruciais do sector ferroviario “é mellorar a rendibilidade dos ferrocarrís de alta velocidade, xa que as súas vías presentan maiores requisitos técnicos que as convencionais, o que incrementa os custos de construción, inspección e mantemento, sendo estes tres veces superiores aos da rede ferroviaria convencional”. Este feito, detallan, remata afectando ao custo para o usuario final e, polo tanto, á taxa de utilización.
Sistemas e algoritmos
Neste marco de traballo, Airis quere contribuír ao “necesario cambio no transporte ferroviario” mediante o desenvolvemento de novas solucións e métodos para reducir os custos das tarefas de inspección e mantemento mediante a aplicación de tecnoloxías como a intelixencia artificial, a dixitalización e as técnicas de mantemento preditivo. O proxecto céntrase en desenvolver tanto sistemas de inspección de vías como algoritmos de procesamento de datos “sen precedentes no mercado” e que permitan realizar estas inspeccións de maneira automática, reducindo a dependencia do factor humano e aumentando a frecuencia de recolección de datos.
Concretamente, o equipo de Airis busca desenvolver para o ano 2026 un sistema centralizado de inspección que reciba información, a través dunha rede inalámbrica 5G, de sistemas ópticos instalados en dresinas das vías férreas. “Esta ferramenta permitirá detectar diversas deficiencias de mantemento, como gretas en distintos tipos de travesas, ausencia de parafusos ou clips de fixación, cambios indesexados na xeometría do balastro ou a presenza de elementos como area en seccións de vía en placa”, afirman. O sistema de inspección será deseñado para instalarse nunha soa dresina pero podendo escalarse a un número maior, que traballarían de forma sincronizada cun sistema de alarma central. A previsión é realizar o procesamento de datos a bordo a velocidades de ata 75 km/h e comunicarse coa estación central en caso de detectar deficiencias no mantemento das vías. Entre as características de Airis, comentan os seus responsables, están que ten en conta a variabilidade dos diferentes elementos da vía, o que posibilita un mantemento predictivo eficiente.
Continuidade dun proxecto anterior
Esta iniciativa dá continuidade a outro proxecto anterior desenvolvido polo mesmo equipo da UVigo e Copasa desde finais de 2021 ata finais de 2024 chamado Railway inspection and information model (RIIM), financiado igualmente polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Agencia Estatal de Investigación) e polos fondos NextGeneration da Unión Europea. Nel desenvolveron un prototipo de sistema de inspección para mellorar o mantemento preditivo dunha vía férrea, centrándose na detección de fisuras nas travesas e no estado das suxeicións do carril e do balastro. Desde o equipo da UVigo sinalan a súa satisfacción pola continuidade desta colaboración público-privada e a oportunidade que lles dá de desenvolver unha tecnoloxía que poida ser aplicada na mellora dun servizo á cidadanía.