O proxecto estatal RIIM enfila a súa recta final
UVigo e Copasa ultiman o seu deseño dun sistema tecnolóxico de inspección e mantemento de vías férreas
A ferramenta permitirá mellorar a capacidade de detección automática de patoloxías como gretas
A Universidade de Vigo e Copasa, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, desenvolven desde finais de 2021 e ata finais de 2024 o proxecto Railway Inspection and Information Model (RIIM). Nel, traballan na mellora das operacións de inspección e mantemento da superestrutura de vías férreas empregando sistemas ópticos de última xeración e algoritmos para o tratamento automático de información xeoespacial. Na recta final do proxecto, a ferramenta deseñada está a superar os seus últimos ensaios.
O socios do proxecto celebraron este luns no campus de Ourense unha xornada de avaliación do estado da tecnoloxía desenvolvida e de planificación da fase final. RIIM conta con financiamento das Liñas Estratéxicas do Ministerio de Ciencia e Innovación (Axencia Estatal de Investigación) e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia NextGeneration Unión Europea. Nel participan por parte da Universidade de Vigo o grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e membro do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais. O socio do proxecto, Copasa, é unha empresa multinacional de construción de orixe ourensá que conta cunha dilatada traxectoria no desenvolvemento de infraestruturas de todo tipo.
Automatizar unha tarefa manual
O obxectivo xeral de RIIM é contribuír á mellora das operacións de inspección e mantemento da superestrutura de vías férreas, concretamente as relacionadas coa detección de fisuras nas travesas, a detección do estado das suxeicións do carril e do estado do balastro. A súa finalidade é obter un prototipo de sistema de inspección que contribúa a mellorar o mantemento preditivo dunha vía férrea mediante algoritmos avanzados para o tratamento de información procedente de sensores ópticos. Entre as liñas de traballo do proxecto estiveron estes anos a definición dos requisitos dun sistema de inspección óptica abordo de dresinas ferroviarias para a inspección dos elementos da vía (como as travesas, os pernos de fixación do carril e o balastro) e o deseño dun sistema de inspección óptico, mecánico, eléctrico e lóxico que poida ser montado nun sistema tipo dresina para inspeccionar os citados elementos da vía.
A iniciativa tamén abrangueu o deseño, desenvolvemento e validación de varios conxuntos de algoritmos. Un grupo deles está destinado a detectar as fisuras das travesas, clasificalas, determinar a súa localización xeoespacial e parametrizar a súa evolución e necesidades de mantemento. Un segundo grupo ten como función detectar a existencia ou non dos pernos de suxeición do carril ás travesas, localizados xeoespacialmente, parametrizando a evolución do seu comportamento e as necesidades de mantemento. Por último, un terceiro grupo de algoritmos ten como obxectivo “detectar o estado do balastro na superestrutura dunha vía e comparar automaticamente o seu estado respecto a unha situación anterior, predicindo ademais o seu comportamento futuro e as necesidades de mantemento”.
Nestes anos de traballo, resume Higinio González, investigador da UVigo que lidera RIIM, “no proxecto temos desenvolvido tecnoloxías optrónicas de inspección de vías de ferrocarril usando sistemas Lidar e visión por computadora combinados con algoritmos de procesado de datos xeoespaciais”. Á vista das probas realizadas ata o momento, engade, a ferramenta deseñada consegue mellorar a capacidade de detección das citadas patoloxías en infraestruturas ferroviarias. O carácter innovador da proposta feita no proxecto, radica, tal e como apunta o seu responsable, na “detección que se fai cos sensores e no procesamento dos datos obtidos, que permiten optimizar as tarefas de mantemento”. Así, lembra o investigador da UVigo, moitas destas tarefas fanse actualmente de xeito manual, por operadores que, baseándose na súa experiencia, van determinando o mantemento das vías. O sistema proposto en RIIM, “parametriza esa adquisición de información” e permite así incrementar a seguridade e optimizar recursos humanos e materiais dedicados a este mantemento.
“Estamos moi satisfeitos desta colaboración con Copasa e de ter a oportunidade de desenvolver unha tecnoloxía que agardamos que algún día acabe chegando ao mercado e sendo utilizada pola compañía”, comenta por último Higinio González. Tras pasar o sistema deseñado diversas probas en instalacións do campus, os vindeiros meses será sometido a proba nunha zona de mantemento ferroviario.