DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sostenave estará financiada con 1,8 millóns de euros pola Xunta de Galicia

UVigo, Coren e Sertogal crean unha unidade mixta de investigación para incorporar tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas

A Universidade de Vigo lidera a iniciativa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 14/04/2026

Este martes anunciouse en Ourense a creación de Sostenave, unha nova unidade mixta de investigación da Universidade de Vigo, Coren e Sertogal, financiada pola Xunta de Galicia con 1,8 millóns de euros. O seu obxectivo será incorporar tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas e optimizar procesos produtivos para contribuír á sostibilidade e calidade da avicultura de carne galega. 

O anuncio fíxose nunha visita á planta do grupo Coren en Ourense do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; polo vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez; pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; polo director de Sertogal, Sergio Rodríguez;  e polo conselleiro e controller do Grupo Coren, Alberto Requejo. 

O conselleiro destacou o avance no campo da I+G+i que supoñen as alianzas entre empresas e universidades galegas, situando a ciencia e a investigación feitas en Galicia na vangarda. Igualmente subliñou a contribución da liña de axudas a unidades mixtas de investigación para impulsar a transferencia de coñecemento desde os centros de I+D ao tecido empresarial e a mellorar a competitividade das empresas galegas, así como a desenvolver as capacidades dos organismos de investigación. 

A esta nova unidade tamén se referiu Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, no informe que hoxe presentou ao Consello de Goberno da institución académica. Dela destacou que será unha ferramenta que axudará ao desenvolvemento do Campus Auga, ao tempo que indicou “que será moi positivo para a súa avaliación”. Ademais de pór en valor a importancia da achega económica que supón esta unidade, Reigosa apuntou que “aínda máis importante é a alianza con Coren" e sinalou que "considero un orgullo que pensen na UVigo como un parceiro”, algo que, dixo, fortalecerá o campus de Ourense.

Colaboración público-privada

Sostenave conta cun orzamento total de preto de 4,4 millóns de euros e estará liderada desde a Universidade de Vigo. A través da colaboración público-privada nesta iniciativa, indican desde a Xunta de Galicia, perséguese abordar dun xeito integral os principais retos do sector, desde a nutrición e o manexo na granxa ata o procesado e a valorización de subprodutos, incorporando a economía circular, a eficiencia enerxética e as tecnoloxías dixitais avanzadas. Deste xeito, Sostenave pretende impactar directamente na competitividade e resiliencia do sector agroalimentario galego, contribuíndo á súa descarbonización, ao uso eficiente dos recursos e á oferta de alimentos máis seguros, saudables e de alto valor engadido. 

Para acadar estes obxectivos, a iniciativa conta experiencia do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e do Instituto de Física, Computación e Ciencia Aeroespacial da Universidade de Vigo. Ademais, está o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia que ten como liñas de especialización a alimentación funcional; a agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal. Sostenave contará tamén co papel tractor de Coren, que, sinalan desde a Xunta, “identifica as necesidades reais da industria, achega unha contorna de validación e garante a aplicabilidade e a transferencia dos resultados”, e cos coñecementos de Sertogal, “peme ourensá especializada en solucións de dixitalización e modelización avanzada aplicadas a procesos industriais e agroalimentarios”.

Esta visita e anuncio coinciden coa publicación no Diario Oficial de Galicia este martes da resolución da nova convocatoria para unidades mixtas de investigación dotada con 11 millóns de euros.  Esta liña enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados. A través desta convocatoria a Xunta facilitará a creación de sete novas unidades e permitirá a tres xa existentes evolucionar de fase. Este investimento público de 11 millóns de euros, apuntan desde o órgano autonómico, mobilizará máis de 27,6 millóns de capital público-privado.