DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os días 1 e 2 de xuño con representantes de institucións académicas e do ministro de Universidades

UVigo e CRUE organizan en Vigo as xornadas estatais sobre ciencia aberta e acceso aos resultados da investigación

O obxectivo é promover esta práctica para fomentar a transparencia, a colaboración e a innovación

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
M. Del Río DUVI 26/04/2023

Os días 1 e 2 de xuño representantes de universidades de todo o Estado, dos ministerios de Universidades e de Ciencia e Innovación e da Comisión Europea daranse cita en Vigo nas I Xornadas sobre Open Science, que organizan a UVigo e CRUE Universidade Españolas. 

Esta iniciativa está ligada á aposta da institución académica pola ciencia en aberto que se plasma no Plan Estratéxico 2021-2026 e se concreta na Política institucional de acceso aberto á produción científica. Coa organización deste evento a UVigo dá un paso máis e implícase nun simposio estatal no que, ao longo de dous días, diferentes especialistas achegarán os seus coñecementos e experiencia sobre un movemento, o da ciencia aberta, que ten como finalidade promover o acceso libre e gratuíto aos resultados da investigación científica e aos datos xerados por ela, para fomentar a transparencia, a colaboración e a innovación. 

As xornadas inclúen charlas, mesas redondas e obradoiros prácticos nos que se abordarán diversos temas relacionados coa Open Science, como a xestión de datos, a publicación en acceso aberto e a avaliación da investigación, entre outros.

Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo e membro do comité organizador, explica que a páxina das xornadas xa está dispoñible e que as persoas interesadas en asistir poderán participar tanto en modalidade presencial para asistir ás diferentes sesións que terán lugar na sede do Consorcio Zona Franca de Vigo, na rúa Oporto, como en modalidade en liña. “Esta é unha oportunidade única para coñecer as últimas tendencias e estratexias a nivel nacional e europeo no contexto de Open Science e ampliar a rede de contactos no ámbito académico e profesional”. Agora que a tanto a modificación da Lei da Ciencia de setembro do 2022, como a nova e recentemente publicada LOSU “obrígannos a depositar unha copia da versión final aceptada para publicación, así como os datos asociados á mesma en repositorios institucionais ou temáticos de acceso aberto, de forma simultánea á data de publicación”, destaca a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, “temos unha obriga non só a nivel individual, senón tamén a nivel nacional para impulsar as políticas de Ciencia Aberta, aspecto que xa temos contemplado no Plan Estratéxico da UVigo, e polo tanto animamos a toda a comunidade universitaria a asistir á xornada”.

Programa das xornadas

As xornadas arrancarán o día 1 ás 16.00 horas cun acto de apertura no que se agarda a presenza do ministro de Universidades, Joan Subirats, ademais do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e da presidenta da Comisión Ciencia Abierta de CRUE e reitora da Universidade de Alacante, Amparo Navarro, e de representantes dos ministerios, da Xunta de Galicia e a Alcaldía. Tras as intervencións terá lugar unha mesa redonda sobre as estratexias nacionais de ciencia aberta coa participación de Raquel Yotti, secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación; José Manuel Pingarrón, secretario xeral do Ministerio de Universidades e Pilar Paneque Salgado, directora da Aneca. 

Despois dunha pausa comezará unha segunda mesa de debate, desta volta sobre a ciencia aberta en Europa, na que participarán Ignacio Blanquer Espert, catedrático da Universidad Politécnica de Valencia e membro do EOSC, European Open Science Cloud; Javier López Albacete, policy officer at the European Commission; Pastora Martínez Semper, vicerreitora de Globalización e Cooperación da Universitat Oberta de Catalunya e representante de Crue no grupo de Open Science de la EUA e Pilar Rico, xefa da Unidad de Acceso Abierto, Repositorios y Revistas en FECYT.

A xornada do venres comezará cunha mesa redonda sobre o Marco europeo de avaliación da investigación con Javier López Albacete, policy officer at the European Commission; Eva Méndez, vicerreitora adxunta de Política Científica da Universidad Carlos III de Madrid; Rafael Carrasco, director científico ERC Council e Jaume Valls Pasola, director AQU Catalunya. De seguido celebrarase un taller de ciencia aberta coas achegas de Carlos Hermenegildo, vicerreitor de Investigación da Universitat de Valencia; Lluis Anglada, director de Área Ciencia Abierta do CSUC; Eloy Rodrígues, director de Servicios de Documentación da Universidade do Minho e Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo. 

A xornada completarase coa presentación do proxecto Platica (Plataforma Transversal de Impulso a la Ciencia Abierta) de man de Andrés Prado Domínguez, director de área TIC da Universidade de Castilla La Mancha. As xornadas rematarán coa lectura das conclusións, o repaso dos traballos realizados e por realizar pola Comisión de Ciencias Aberta de CRUE, a revisión e actualización dos seus compromisos e un acto de clausura.

O prazo de inscrición está aberto ata o vindeiro 2 de maio, tanto para a modalidade presencial, que custa 200 euros, como para a virtual, cun prezo de 50 euros.