DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 17 ao 21 de xuño a través de Campus Remoto

A UVigo dará a coñecer os seus graos nunha semana de portas abertas virtual

Etiquetas
  • Estudantes
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 14/06/2024

Do 17 ao 21 de xuño a Universidade de Vigo celebrará unha Semana de Portas Abertas Virtual que ten como finalidade resolver as dúbidas concretas sobre os graos que conforman a oferta académica da institución para o vindeiro curso. Para iso, profesorado das diferentes titulacións responderá as cuestións propostas polo estudantado para definir o seu futuro académico. O obxectivo é que o alumando potencial da institución poida coñecer máis de preto a oferta académica e que deste xeito lle sexa máis fácil tomar a decisión de elixir unha titulación na que poder desenvolver as túas capacidades e habilidades. 

A xornada dividiranse por bloques temáticos, de xeito que o luns será a quenda das titulacións relacionadas coa educación, o martes co ámbito xurídico-social, o mércores artes e humanidades, o xoves os graos de enxeñaría e o venres os de ciencias e ciencias da saúde. 

Deste xeito, as presentacións arrancarán o luns 17 ás 10.00 horas cos graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra e ás 11.00 horas será a Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense a que dea a coñecer as súas titulacións.

O martes 18 será a quenda dos centros do ámbito xurídico social coa presentación ás 09.00 horas de Relacións Internacionais de Ourense; ás 10.00 h, da Facultade de Dereito de Ourense; ás 11.00 h da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo de Vigo; ás 12.00 h a de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense; ás 13.00 a Comercio; ás 15.00 h a de Ciencias Económicas e Empresariais; ás 16.00 h Dirección e Xestión Pública de Pontevedra e pechará a xornada a presentación da Facultade de Comunicación, tamén de Pontevedra.

O día 19 será para as artes e humanidades, coa presentación de Historia, de Ourense, ás 10.00 h; a de Deseño ás 11.00 h e Belas Artes ás 12.00 h, ambas en Pontevedra, e Filoloxía e Tradución ás 13.00 horas. 

Xa o xoves 20 a xornada será para dar a coñecer as titulacións do eido da enxeñaría. Abrirá as presentación a Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense ás 09.00 h, seguida da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo ás 10.00 h e da Escola de Enxeñaría de Recursos Mineiros e Enerxéticos de Vigo ás 11.00 horas. Posteriormente, ás 12.00 horas, será a quenda da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, que dará paso ás 13.00 horas á Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Esta xornada pecharase coa presentación dos graos da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense ás 15.00 horas e da Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo ás 16.00 horas. 

O derradeiro día será para presentar as titulacións relacionadas coas ciencias e as ciencias da saúde. Ás 10.00 horas abrirá a xornada a Facultade de Ciencias do Mar de Vigo; ás 11.00 horas será a quenda de Química e ás 12.00 a de Bioloxía, ambas do campus de Vigo. Ás 13.00 horas informará sobre os graos a Facultade de Ciencias de Ourense e, xa pola tarde, ás 15.00 horas será o momento da Facultade de Fisioterapia de Pontevedra, da Escola de Enfermaría de Ourense ás 16.00 horas e ás Escola de Enfermaría do Meixoeiro ás 17.00. 

Para participar nesta Semana de Portas Abertas Virtual só é preciso premer nas ligazóns que se inclúen na programación e poñer o nome no apartado de alumnado.