DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o anunciaron Carmen García Mateo e Luis Menor tras unha xuntanza no pazo provincial

UVigo e Deputación de Ourense reforzan a súa alianza estratéxica para impulsar o campus como motor de desenvolvemento da provincia

Ampliarán as liñas de colaboración para seguir mellorando as instalacións deportivas e a mobilidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitora
  • Institucional
DUVI Ourense 15/09/2026

A Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense reforzan a súa alianza estratéxica e dan un novo impulso á súa colaboración para fortalecer o seu traballo conxunto a favor do progreso da provincia. Así o anunciaron os responsables das dúas entidades, Carmen García Mateo, reitora da UVigo, e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, tras manter este martes no pazo provincial a súa primeira xuntanza despois da toma de posesión da responsable académica. Tras o encontro, destacaron a eficacia da súa cooperación para impulsar o campus de Ourense como motor de desenvolvemento da contorna e adiantaron que ampliarán as liñas de colaboración existentes para seguir mellorando as instalacións deportivas universitarias e a mobilidade. 

Convenios e novas liñas de actuación

Durante o encontro, no que tamén estivo a vicerreitora do campus de Ourense, Montserrat Cruz, reafirmouse o compromiso de continuar desenvolvendo os convenios de cooperación existentes entre ambas entidades, a través dos cales a Deputación achega 300.000 euros á institución académica para levar a cabo actuacións en materia de fomento cultural, educativo, deportivo e de promoción turística. Luis Menor anunciou que, ademais de consolidar os convenios actuais, incrementarase esta colaboración para mellorar as instalacións deportivas do campus, así como para traballar a prol da mobilidade solicitando ao Concello a mellora da conexión da intermodal co campus e avanzar coa Xunta na implantación do transporte metropolitano para adecuar as frecuencias ás necesidades do alumnado.

A xuntanza, explicou a reitora da UVigo, forma parte da rolda de visitas institucionais que está a realizar despois da súa toma de posesión, agradecendo a boa acollida por parte da Deputación de Ourense. A responsable académica afirmou que “é importantísimo para a Universidade contar co apoio da Deputación” e sinalou que no encontro celebrado este martes “tratouse de analizar as colaboracións en marcha, que son moitas, moi importantes e estables no tempo”. Carmen García Mateo detallou que na xuntanza igualmente “analizamos novas posibilidades de incrementar aínda máis esa colaboración, coa idea que levamos desde o inicio desta nova etapa na Universidade de potenciar e relanzar a vida nos campus”. Para iso, sinalou, “temos que tratar de seguir mellorando as nosas instalacións deportivas e docentes e tamén estar moi atentos á mobilidade e ao transporte”. Estas melloras, dixo, “para nós son prioritarias e agradecemos moitísimo a predisposición e a actitude do presidente da Deputación neste tema”, apuntando como a cordialidade e as canles de traballo co órgano provincial “están abertas desde hai moito tempo e seguirán así”. 

Un eixe vertebrador clave para a provincia

Tendo como obxectivo prioritario afianzar o campus de Ourense como un eixe vertebrador clave para a provincia, o presidente provincial e a reitora subliñaron a importancia de captar e reter o talento novo, garantindo que os mozos e mozas poidan formarse con excelencia en Ourense e desenvolver posteriormente a súa carreira profesional no territorio. Ademais, ambos recoñeceron ao Campus Auga como unha das grandes fortalezas e singularidades de Ourense, coincidindo no estratéxico de aproveitar esta especialización para situar a provincia na vangarda da investigación e da innovación arredor da auga e o termalismo. Así mesmo, na xuntanza valoráronse moi positivamente os datos de matricula do presente curso académico 2026/2027, no que o campus de Ourense rexistra cifras récord de ocupación que superan nalgúns graos o 100% da súa capacidade ao contar “con titulacións exclusivas”, dixo Menor.