DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizados por investigadoras e investigadores novos de distintas áreas

UVigo e Deputación de Pontevedra impulsan a posta en marcha de cinco proxectos para a mellora ambiental da provincia

Inclúense aspectos como descontaminación de augas ou IA para mellorar a eficiencia enerxética

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 14/10/2025

O programa de axudas impulsado pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra permite este ano a  posta en marcha de cinco proxectos de investigación dirixidos  á mellora medioambiental da provincia. Financiados con 39.000 euros pola institución provincial, ao abeiro dun convenio asinado coa institución académica viguesa, os cinco proxectos están impulsados por investigadoras e investigadores novos de distintas áreas: dous deles vinculados ao Centro de Investigación Mariña, CIM; dous ao Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx; e outra á Área de Dereito Financeiro e Tributario. As temáticas son variadas, pero todas teñen un eixe común: a mellora do medio ambiente da provincia.

Novos tratamentos para a descontaminación de augas

O proxecto que acadou unha maior puntuación está destinado á busca de tratamentos avanzados para a descontaminación de augas. Liderado por Verónica Poza Nogueiras, investigadora do grupo  Bioenxeñaría e Procesos Sostibles, Biosuv, adscrito ao  Cintecx, propón o desenvolvemento de tecnoloxías sostibles baseadas en tratamentos de absorción e procesos de oxidación avanzada para a eliminación eficiente de residuos farmacéuticos en augas. Ademais, formula tamén o emprego de técnicas electroanalíticas para a monitoraxe dos tratamentos de forma rápida e sinxela. A maiores, proponse a avaliación dos tratamentos mediante un enfoque de análise de ciclo de vida que permita informar sobre o impacto ambiental dos mesmos.

Control de contaminantes 

Tamén coa auga como eixe central, o proxeco Aquasense, liderado pola investigadora do CIM Vanesa Romero, do grupo de Química Analítica e Ambiental, propón o desenvolvemento de metodoloxías analíticas sostibles e portátiles empregando substratos de celulosa para a detección de contaminantes en augas naturais. Abórdase, neste caso, a miniaturización como alternativa ás técnicas convencionais, reducindo custos, residuos e complexidade. A investigación aliña a química verde cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS 6 e 12), promovendo o acceso á vixilancia ambiental mediante tecnoloxías accesibles, eficientes e adaptables a contextos con recursos limitados.

Fiscalidade medioambiental no ámbito local

Desde a Área de Dereito Financeiro e Tributario, a investigadora Mónica García Freiría lidera un proxecto dirixido a analizar o papel da fiscalidade medioambiental no ámbito local, avaliando a súa capacidade para promover prácticas sostibles e afrontar os actuais desafíos ecolóxicos.

A través dun estudo do marco normativo vixente, da eficacia dos instrumentos fiscais municipais (impostos, taxas, bonificacións tributarias, etc) e das barreiras que limitan a súa aplicación, búscase comprender como os gobernos locais poden empregar a fiscalidade como unha ferramenta estratéxica para a protección do medio ambiente, facendo uso dos fins extrafiscais dos tributos.

Análise do rendemento da EDAR de Moaña

No caso de Víctor Hernando Morales, investigador do Grupo de Ecoloxía Animal do CIM, o seu proxecto avalía a presenza e tipoloxía de macro e microplásticos na Estación Depuradora de Augas Residuais, EDAR, de Moaña durante dous períodos contrastados, de alta e baixa presión turística, analizando as distintas etapas do tratamento e a súa eficiencia de eliminación.

Así mesmo, explorarase a capacidade de bioremediación dos residuos de desbaste mediante vermicompostaxe con residuos orgánicos locais (bagazo de viñedo). Paralelamente, desenvolverase unha acción educativa sobre contaminación por plásticos, con actividades en centros escolares e transferencia a axentes locais.

IA para un consumo eléctrico e de auga máis  eficiente

O quinto proxecto beneficiado coas axudas UVigo-Deputación de  Pontevedra, denomínase EnerxIA e está liderado polo investigador do Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Cintecx Moisés Cordeiro. Neste traballo Cordeiro propón unha solución baseada en Intelixencia Artificial para mellorar a eficiencia enerxética nas vivendas mediante a análise dos datos procedentes de medidores de electricidade e de auga. A iniciativa ten como obxectivo principal anticipar patróns de consumo, identificar ineficiencias e contribuír activamente á redución de consumo e de emisións de CO2 nos edificios, sen necesidade de remodelacións. 

A partir de datos procedentes de contadores individualizados por vivenda en fogares da provincia, aplicaranse modelos de aprendizaxe profunda (DL) que permitan predicir o seu comportamento enerxético. A solución poderá facilitar tanto a toma de decisións en tempo real (alertas, reaxustes de comportamento) como a elaboración de recomendacións de consumo sostible.