DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns GirlGeekCovid enmárcanse na Cátedra de Feminismos 4.0

UVigo e Deputación de Pontevedra visibilizan a excelencia académica de catro alumnas como referentes no ámbito STEM

Ana Ramírez e Iria Ollero obtiveron os primeiros premios en Ciencias e en Enxeñaría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Reitor
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 11/02/2021

Segundo o Observatorio da Igualdade da UVigo, as alumnas son maioría en todos os eidos do coñecemento, excepto no da enxeñaría e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total do estudantado matriculado. Esta infrarrepresentación pode xerar unha enorme fenda económica e salarial nun futuro no que se agarda que o 90% dos traballos vai a pertencer a estes ámbitos. É por iso que é imprescindible avanzar na fomento de vocacións científicas e técnicas entre nenas e mozas, que é o obxectivo dos Premios GirlGeekCovid, unha iniciativa posta en marcha este curso pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra no marco da Cátedra Feminismos 4.0. A entrega dos galardóns ás gañadoras tivo lugar este xoves, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, en modalidade virtual por mor da situación sanitaria. Os Premios GirlGeekCovid recoñecen a traxectoria de catro estudantes de Ciencias e Enxeñería da universidade olívica, poñéndoas como exemplo do bo facer das mozas nestas titulacións tradicionalmente masculinizadas. As premiadas nas categorías de Ciencias e Enxeñaría foron Ana Ramírez (Bioloxía) e Iria Ollero (Enxeñaría Biomédica), respectivamente, que recibiron 2000€. Pola súa banda, Laura Sánchez (Máster de Nanociencia e Nanotecnoloxía) e Marielena Márquez (Enxeñaría de Telecomunicación) lograron un accésit, dotado con 1000 euros, nesas respectivas categorías. 

O xurado valorou tanto o expediente académico (nota media do expediente ata o curso 2019/2020 igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e a 8 nas titulacións da rama de Ciencias) como a motivación das mozas, que presentaron unha carta na que amosaron, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, onde reflexionaron sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.

O 50% do talento, na cuneta

Os premios enmárcanse na Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación e a Universidade, e destinada ás alumnas da Universidade de Vigo matriculadas nalgunha das titulacións STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas, nas súas siglas en inglés), nos campus de Vigo e Pontevedra. O seu obxectivo principal é incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que estes premios “son moi necesarios porque as rapazas máis novas necesitan referentes femininos que lles expliquen a importancia de cursar estas carreiras”. E é que os datos amosan unha realidade que dista moitos de ser igualitaria, como apuntaba Silva: as mulleres científicas ocupan só o 7,6% dos libros de textos en Primaria e na ESO; só un 25% das mulleres estudan carreiras STEAM, representando o 25,5% do alumando das enxeñarías, o 12% en Informática, o 8% en Enxeñaría de Telecomunicación ou 11% en Física. “Estes datos preocúpannos, porque estamos deixando na cuneta ao 50% do talento que representamos as mulleres”. Isto, para Silva, está relacionado con que “dende que nacemos, nos din xa ao que nos temos que dedicar, cando nos regalan os primeiros xoguetes xa nos sitúan no mundo” e tamén é consecuencia da falta de referentes durante as etapas educativas, así como a invisibilización de figuras femininas que teñen achegado moito á ciencia, por exemplo as mulleres que traballan no desenvolvemento das vacinas para a covid-19, “a prioridade máis importante que ten a humanidade”.

Neste sentido, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, ademais de felicitar ás catro galardoadas, lembroulles que “aínda que volo pinten doutra cor, a igualdade real aínda está moi lonxe de chegar; no mundo STEM precisamos de moita xente co voso esforzo, capacidade e discurso”. Tamén as reivindicou como “un referente, un exemplo que atraia a estes campos a moitas máis mulleres, coa vista posta en conseguir que estas titulacións acaden o 50% ou o 51% de mulleres. Mentres non academos iso, seguiremos lonxe da igualdade, máxime pensando en que gran parte do emprego e do desenvolvemento social no futuro vai ter que ver con desenvolvemento tecnolóxico e científico”. A presidenta da Deputación engadía que as premiadas “son mulleres con moita dedicación, moito coñecemento, moito traballo e formadísimas. Espero que elas si estean nos libros de textos e sexan visibles”.

Pola súa parte, a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, explicou que “este recoñecemento ás nosas estudantes vai na liña marcada por esta Cátedra co fin último de incrementar a presenza de mulleres nas áreas STEM e evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital, que é aínda máis crucial no actual contexto da covid-19”.

Catro referentes de vocacións STEM

Ana Ramírez, estudante de Bioloxía cunha nota media de 8,68, acadou o primeiro premio no ámbito das ciencias, felicitou a todas aquelas mulleres que, incluíndo as galardoadas hoxe, “demostraron e continúan demostrando día a día que ser muller e ter éxito na ciencia é máis que posible”. Reivindicou así o papel que “nós xogamos e que nós debemos xogar nesta área de sociedade e a importancia de facer visibles todas as contribucións e todos os logros nos eidos da ciencia, da tecnoloxía e da enxeñaría”. A outra galardoada, desta volta no eido da enxeñaría, foi Iria Ollero, estudante de Enxeñaría Biomédica, cunha media de 8,9. Lembraba que aínda que na súa titulación o 50%  das estudantes son mulleres, “queda moito camiño por percorrer para que os avances dende a perspectiva de xénero que comezan a aparecer no mundo académico, se afiancen tamén no ámbito laboral”. 

Xunto con Ana Ramírez e Iria Ollero, no acto deste xoves recolleron os seus galardóns as dúas accésit. Unha delas é Laura Sánchez, estudante do Máster de Nanociencia e Nanotecnoloxía cunha nota de 7,97, que como as súas compañeiras agradeceu á súa familia o apoio recibido, ao tempo que lembrou que “o xénero non é o que condiciona a túa aspiración, senón que son a perseveranza e o esforzo”. Finalmente, Marielena Márquez, que está a piques de rematar Enxeñaría de Telecomunicación cunha nota media de 8,83, recoñecía que ata chegar á Universidade “non somos conscientes de canto traballo fai falta nestes campos para poder seguir motivando a todas as nenas que queren dedicarse a isto e non teñen referentes”. 

Todas elas recibiron os parabén tanto por parte da Universidade como da Deputación, coa esperanza de que os seu exemplo serva como inspiración e referentes para futuras xeracións de nenas científicas e tecnólogas.