DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un total de 22 centros dos tres campus contan cun espazo nesta feira educativa

A UVigo desprega en Edugal a súa maior representación de facultades e escolas

O evento recibirá a visita de máis de 180 centros educativos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Institucional
DUVI Pontevedra 08/10/2025

Máis de 180 centros educativos de Galicia visitan entre este mércores e venres o XIV Salón de Educación e Formación de Galicia, Edugal, que se desenvolve no recinto feiral do Pazo da Cultura e no que a Universidade de Vigo busca achegar ao estudantado a amplitude da súa oferta formativa. Faino ademais coa maior representación de facultades e escolas coa que a institución académica acudiu ata a data a este evento. Xunto a un espazo de información xeral da Universidade, un total de 22 centros dos tres campus contan neste 2025 cun stand propio no evento promovido pola asociación da pequena e mediana empresa Aempe e o Concello de Pontevedra, co patrocinio, entre outras institucións, do Consello Social da Universidade de Vigo.

De feito, a representación da UVigo comprende máis dun terzo dos 64 stands de institucións educativas, organizacións e entidades empresariais reunidas nun evento no que os promotores prevén superar ao longo destas tres xornadas os 10.000 asistentes rexistrados en anteriores edicións. Xunto coas primeiras visitas, Edugal celebrou este mércores o seu acto inaugural, presidido polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, ao que asistiron a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, Natalia Caparrini, e a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón.

“Pensamos que en lugar de vir só cun stand institucional, era mellor que cada centro estivese representado e puidese dar información das peculiaridades concretas de cada grao”, salientou Caparrini desta participación da UVigo nunha feira “con moita tradición en Pontevedra”. Deste xeito, a institución conta por unha banda cun espazo institucional, que permite obter información de diferentes cuestións máis aló das propias titulacións, mentres que nos diferentes espazos as e os asistentes poden tanto coñecer as características dos graos como ir máis aló da “parte puramente académica”, afondando tamén nas súas saídas profesionais ou participando en diferentes “experiencias manipulativas”, destacou Caparrini. Nesa mesma liña incidiu tamén Lantarón, quen salientaba o valor destas “demostracións prácticas dos traballos realizados nas distintas facultades e escolas”, como un xeito de que o alumnado “poida experimentar de primeira man o valor da nosa formación”. A vicerreitora do campus valorou tamén que a elevada representación da UVigo no salón contribúe a “reforzar a súa presenza institucional e académica”, un evento que “permítenos situar a Universidade de Vigo como referencia en educación superior accesible, inclusiva e orientada á investigación e á transferencia do coñecemento”.

Información e experimentación

Ao longo destas tres xornadas, as e os visitantes de Edugal poden coñecer de primeira man a oferta formativa de 22 facultades e escolas, da man tanto do seu persoal docente como do estudantado de diferentes centros. Ademais de asesorar ás e aos visitantes, varios destes postos permiten tamén achegarse dun xeito práctico as saídas profesionais vinculadas ás diferentes titulacións e ao labor investigador que se desenvolve nos diferentes centros a través de experiencias e de mostras de traballos e materiais. Ese é o caso do espazo da Escola de Enxeñaría Industrial, presente en todas as edicións de Edugal, á que achega desde uns lentes de realidade virtual empregados na formación práctica de Enxeñaría Biomédica ata unha maqueta dun sistema de distribución e no que tamén é posible coñecer o monopraza da escudaría estudantil UVigo Motorsport, así como o labor de CES-UVigo. Os traballos desenvolvidos por esta asociación estudantil para a construción dun barco solar están tamén presentes no posto da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde mozos e mozas podían probar o videoxogo da competición na que participan. 

No posto de Fisioterapia, uns lentes de realidade virtual permitían achegarse ao uso desta tecnoloxía nas rehabilitacións físico-cognitivas, mentres que estes dispositivos permitían coñecer as características de diferentes materiais no espazo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Os lentes de realidade virtual eran tamén protagonistas no espazo da Escola de Enxeñaría Informática, mentres que os experimentos érano nos das facultades de Química e Ciencias, onde era posible observar como extraer compostos como antioxidantes de subprodutos da industria alimentaria. Do mesmo xeito, Edugal permite tamén coñecer diferentes materiais empregados para a recolección de sedimentos, organismos ou auga a diferentes profundidades, no stand de Ciencias do Mar; así como a mostra de artrópodos, insectos ou cultivos de Bioloxía, que permite tamén unha célula a través dun microscopio. A EE Forestal, pola súa banda, achega a este evento unha mostra de biocombustibles sólidos e de pezas de madeira, mentres que Educación e Traballo Social presenta diferentes recursos educativos e a Escola Universitaria de Enfermaría permite tanto medir a tensión como coñecer como realizar unha vendaxe. 

Este achegamento ao día a día das diferentes titulacións conta así mesmo coa participación activa de estudantes de diferentes centros, como Ciencias da Educación e do Deporte, Dirección e Xestión Pública ou Belas Artes, que presenta no seu stand un conxunto de frases de diferentes artistas. Xunto a estes, a representación da UVigo en Edugal complétase coas facultades de Filoloxía e Tradución, Historia, Ciencias Empresariais e Turismo, Dereito, Comercio, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo.