Será a proposta de Secretaría Xeral á Comisión Electoral, segundo avanzou o reitor
A UVigo elixirá nova reitora ou reitor e Claustro na semana do 4 ao 8 de maio
O Consello de Goberno aprobou hoxe a convocatoria de eleccións de representantes do Claustro
Un día da primeira semana completa do mes de maio, a comprendida entre os días 4 e 8, será o da celebración das eleccións á Reitoría da UVigo, así como o da elección dos representantes do Claustro Universitario. Así o confirmaba o reitor, Manuel Reigosa, aos membros do Consello de Goberno, que este xoves deu luz verde á convocatoria de eleccións de representantes do Claustro, coa que se pon en marcha a maquinaria electoral. “Non é máis que disparar o procedemento”, dixo o reitor ao solicitar a aprobación deste punto da orde do día do Consello de Goberno, onde tamén avanzou que a proposta de calendario electoral que Secretaría Xeral trasladará á Comisión Electoral contemplará e que contemplará a celebración, se fixese falta, dunha segunda volta das eleccións á Reitoría, tamén no mes maio.
Este foi un dos asuntos aprobados na sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada este xoves que tamén deu luz verde á proposta de premios extraordinarios de doutoramento do curso 2024/2025, así como ao Plan de Subvencións e á convocatoria de mobilidade para as prazas do Contrato-Programa.
No informe do reitor, co que comezou a sesión, e posteriormente na quenda de intervencións, Manuel Reigosa confirmou que invitará ás persoas candidatas á Reitoría a que propoñan candidatos á Valedoría da UVigo, despois que a actual valedora, Esther Pillado, presentase a súa renuncia, unha vez rematados os seis anos do seu mandato, co obxectivo de acadar unha proposta de consenso, que o reitor trasladaría ao Claustro para a súa votación. "O mellor é chegar a un acordo de consenso entre as tres persoas candidatas para elixir nos vindeiros días un persoa valedora da UVigo", sinalou o reitor, e mentres, o teña que ver con actividades de mediación na Universidade de Vigo o levará a cabo a persoa mediadora nomeada no seu momento, que entra no ámbito da Secretaría Xeral, que é a vicesecretaria xeral técnica da UVigo.
Noutra orde cousas, Reigosa confirmou que se segue avanzando na preparación do texto básico para a creación dun centro adscrito co RC Celta e EUSES-Vigo, no que se impartirán diferentes titulacións universitarias oficiais, así como outros títulos propios, complementarios aos que xa se ofrecen na UVigo e entre os que non estarán, ademais de Fisioterapia e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Ciberseguridade. En canto aos estatutos, o reitor confirmou que a falta dun acordo sobre porcentaxes de postos nos órganos de goberno dos cinco sectores e algunhas transaccións, “rematarase en febreiro para envialo á Área de Normalización Lingüística e Asesoría Xurídica antes de levalo ao Claustro”. Doutra banda, Reigosa avanzou a celebración de reunións coa Xunta para avanzar no proceso de desascrición das escolas de Enfermaría, así como para negociar melloras na proposta para acadar a acreditación do Campus CREA.
Inicio do procedemento electoral
Un día entre o 4 e o 8 de maio os membros da comunidade universitaria con dereito a voto elixirán a súa próxima reitora ou reitor, así como os integrantes do Claustro Universitario. A confirmación realizouna este xoves o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Goberno que aprobou a convocatoria de eleccións de representantes do Claustro, o primeiro paso dun “proceso raro”, dixo o reitor, que confirmou que tras este trámite a Secretaría Xeral levará á Comisión Electoral un calendario para a elección de reitora ou reitor a primeira semana completa de maio, igual que nas convocatorias de 2018 e 2022, e tamén o período, por se fixese falta, para unha segunda rolda de votacións que será tamén no mes de maio. “Hoxe se pide á Comisión Electoral que artelle o calendario que será publicado en tempo en forma”, explicou reitor, que a preguntas do candidato por ConSenso á Reitoría, Jacobo Porteiro, confirmou a operatividade do Claustro ata a celebración das eleccións.
A Comisión Electoral aprobará en próximas datas o calendario electoral que se inicia coa publicación dos censos provisionais e posteriormente os definitivos e continuará co prazo de presentación de candidaturas e a súa proclamación; presentación de equipos e liñas programáticas; campaña electoral; xornada de reflexión; votación; proclamación de resultados e votación en segunda volta, se procedese, cos seus respectivos prazos de proclamación.
O 4 de maio de 2022 foi a data de celebración das pasadas eleccións á Reitoría, nas que Manuel Reigosa revalidaba o seu cargo, nun proceso no foi o único candidato. Cara ás eleccións do vindeiro mes de maio, tres son a día de hoxe as candidaturas confirmadas, as das catedráticas Belén Rubio e Carmen García Mateo e a do catedrático Jacobo Porteiro, que aspiran, por vez primeira a un mandato de seis anos.
Maioría feminina nos Premios extraordinarios de doutoramento
Outro dos puntos abordados nesta sesión foi a aprobación dos Premios extraordinarios de doutoramento correspondentes ao curso 2024/2025, nos que as mulleres representan unha clara maioría. Dos 19 galardóns outorgados, 13 distinguen a traxectoria de alumnas e outros seis de alumnos. Atendendo aos ámbitos de coñecemento, tres dos premios son para estudantes de programas de doutoramento do eido das artes e humanidades (Martín Vázquez Fernández, Sara Tabuyo Santaclara e Andrea Davila Rubio); sete corresponden ao eido científico (Milena Álvarez Viñas, Luis Gimeno Sotelo, Uxía Calviño Barreiro, María del Carmen Costas Ferreira, Jessica Calo Rodríguez, Uxía Gómez Bouzo e Immacolata Maietta); catro do ámbito da enxeñaría (Antía Fernández Sanromán, Martín Damián Medina Sánchez, Juan José López Escobar e Alex Alonso Díaz) e outros cinco ao xurídico-social (Paula Martínez Molares, Iria González Romero, Nazaret Blanco Pardo, Alexo Breogán Rioboó Lois e Leire Pérez Pérez).
As e os premiados recibirán as súas distincións no acto institucional de celebración de San Tomé, patrón da Universidade, que se celebrará o vindeiro 28 deste mes de xaneiro. Neste evento tamén se fará entrega doutros recoñecementos académicos, como os premios extraordinarios de grao ou os premios á excelencia académica aos mellores expedientes de novo ingreso.
Nesta sesión de Consello de Goberno tamén se aprobou unha pequena modificación do calendario académico para este curso 2025/2026 pola cal o 6 de abril, luns de Pascua, pasa a ser día non lectivo. O motivo deste cambio, solicitado “por algúns centros e pola representación sindical”, é manter unha organización académica coherente e aliñada co calendario establecido pola Xunta de Galicia “favorecendo así a conciliación”, indicaba o reitor. Deste xeito, o período non lectivo coincidente coa Semana Santa estenderase entre o luns, día 30 de marzo ata o luns, 6 de abril de 2026 (ambos os dous incluídos).
Mobilidade entre campus e cargos unipersoais de goberno
Na sesión celebrada hoxe tamén se aprobaba a convocatoria de mobilidade entre campus do persoal docente e investigador con vinculación permanente ou consolidable (Contrato Programa). Tal e como explicou na sesión Adela Sánchez, vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, este acordo establece que, con carácter previo á creación dunha nova praza de axudante doutor vinculada ao Contrato Programa nun determinado campus, o persoal docente e investigador con vinculación permanente ou consolidable pertencente á correspondente área de coñecemento poderá solicitar o cambio de adscrición ao campus no que se prevé a creación da devandita praza. A vicerreitora destacou que esta iniciativa, que é a primeira vez que se fai, xorde tendo en conta que “están saíndo moitas prazas de axudante doutor” e que dará á xente “a posibilidade de moverse entre campus de xeito máis doado”, seguindo o modelo de mobilidade para profesorado titular.
Igualmente aprobouse por asentimento a emenda de carácter transitorio á normativa de dedicación e recoñecementos docentes da Universidade de Vigo, aprobada no Consello de Goberno do 24 de novembro de 2025. Nela recóllese que en tanto non se aprobe nos Estatutos da Universidade de Vigo unha listaxe de cargos unipersoais de goberno, consideraranse afectados pola exención das 120 h os cargos unipersoais de goberno recollidos na LOSU, que son: reitora ou reitor, vicerreitoras ou vicerreitores, secretaria ou secretario xeral, xerente, así como, no seu caso, decanas ou decanos de facultades, e directoras ou directores de escolas e departamentos. Segundo explicou o reitor, a emenda, froito dun recurso e previo informe de asesoría xurídica, “arranxa temporalmente este problema”, agradecendo Manuel Reigosa aos representantes sindicais do PDI que formaron parte da mesa de negociación desta normativa o traballo feito. Entre as intervención neste punto, o profesor Miguel Cuevas, membro da citada mesa, destacou que “é moi importante que se aborde xa esta cuestión” e se faga a listaxe correspondente nos Estatutos.
Auditoría do Plan Antifraude e Plan de Subvencións
A xerenta, Yolanda Lesmes, expuxo na sesión de hoxe o resultado da auditoría do Plan Antifraude, que previamente presentara ante o Consello Social e á Comisión de Planificación do Consello de Goberno o pasado decembro, e que este ano se centrou nos aspectos relativos aos Fondos do Mecanismo para la Recuperación y la Resiliencia (MRR). “A autoavaliación revela un nivel sobresaínte de cumprimento do 92,74%, que reflicte o compromiso da Uvigo coa integridade e a transparencia”, sinalou a xerenta que explicou que “non hai sospeitas, nin evidencias de que na xestión dos fondos se incurrise en fraude, polo que non se adoptaron medidas”. Aínda así, Lesmes destacou como tarefa pendente o nomeamento dunha persoa responsable do cumprimento do Plan, “unha tarefa difícil porque son moitos os equipos de traballo que participan neste proceso”.
Na sesión de hoxe tamén se aprobou unha actualización do vixente Plan de Subvencións, que establece que o período de vixencia do actual comprende os exercicios 2024, 2025 e 2026, suprimíndose algunha convocatoria; incluíndose outras (por exemplo por novos convenios) e modificando algún aspecto de convocatorias que xa estaban no plan no que respecta a contías ou fontes de financiamento. A actualización está motivada pola vixencia de convenios, novos financiamentos que acada a institución e reaxuste de importes en función da eficacia da convocatoria no curso anterior.
Outros puntos da orde do día
O Consello de Goberno tamén aprobou por asentimento a modificación do regulamento de réxime interno do centro de investigación atlanTTic, que contempla a incorporación ao seu Comité Científico do director ou directora saínte por un período de tres anos e a creación dun Consello Consultivo Empresarial, así como á actualización desta normativa á LOSU. Ademais, aprobouse unha modificación do regulamento de organización e funcionamento da Unidade de Diversidade, para corrixir, explicou o reitor, o erro de que a representante do Consello Social na comisión desta unidade tivese voz pero non voto.
Tamén por asentimento, aprobouse elevar ao Consello Social e a proposta de aceptación da doazón da empresa Keysight Technologies duns equipos para dotar un laboratorio de electrónica analóxica na Escola de Enxeñería Industrial. Segundo informou o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, Félix Quinteiro, trátase duns equipos conformados por osciloscopios, xeradores de sinais, multímetros dixitais e fontes de alimentación, “valorados nuns 45.000 euros”.
Ademais, procedeuse, sen necesidade de votacións, á elección de representantes do PTXAS e do estudantado na comisión de seguimento do Plan Estratéxico.
