DUVI

Diario da Universidade de Vigo

17 centros contan cun stand no espazo da Universidade neste salón educativo

A UVigo encóntrase co seu futuro alumnado en Edugal

Diferentes facultades e escolas desenvolven unha serie de talleres 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/10/2021

Presentado como un evento “cun público potencial de máis de 10.000 persoas”, a décima edición do Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia, Edugal, botou a andar este mércores no recinto feiral de Pontevedra reunindo máis de 50 expositores, entre os que a Universidade de Vigo ten un ano máis unha presenza destacada. No espazo destinado á institución académica, 17 facultades e escolas dos tres campus contan cun stand no que dan a coñecer os seus estudos e actividades. Así mesmo, a feira promovida pola Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe) e a Concellería de Promoción Económica e Turismo conta tamén nesta edición cunha sala destinada a actividades promovidas por diferentes centros da UVigo.

“Dar visibilidade aos estudos universitarios” entre as e os estudantes de secundaria e bacharelato que nestes tres días visitan o recinto feiral, así como “orientalos sobre as materias e especialidades que teñen que cursar” en función do grao que queiran realizar despois, son dous dos obxectivos cos que a Universidade acode un ano máis a Edugal, como salienta a directora da Área de Captación de Alumnado, Susana Rodríguez Barcia. Con esa idea, no espazo da institución académica na feira que este mediodía inauguraba o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, combínase un posto de información xeral cos stands nos que 17 facultades e escolas están representados polo seu profesorado e alumnado.

Darse a coñecer dun xeito visual

Sete destes centros protagonizan tamén os coloquios e obradoiros que promove a Universidade. “Imos intentar que sexan algo moi visual, para que vexan que a química ten moitas aplicacións e que é algo presente en moitos aspectos da nosa vida”, salienta Ángeles Peña, decana da Facultade de Química, dos talleres nos que levan a cabo unha serie de experimentos, centrados en amosar como “cuestións moi cotiás teñen unha base química”. Amosar dun xeito práctico “a utilidade das cámaras infravermellas para detectar erros en construcións ou caracterizar materiais” foi por outra banda o obxectivo da actividade que este xoves levou a cabo a EE de Minas e da Enerxía, que mañá levará a cabo un taller sobre a combustión “nos sistemas de gases en industrias e en casas” e o venres outra sobre "novos materiais, como fluídos ferromagnéticos ou materiais con memoria de forma”, explica o subdirector de Relacións Externas e Mobilidade, Santiago Pozo.

Tamén este xoves, desenvolveron actividades neste espazo as facultades de Filoloxía e Tradución e Belas Artes, que dan a coñecer tamén seus stands diferentes publicacións. No caso da facultade do campus pontevedrés, que promove un taller de risografía, este espazo foi empapelado co obxectivo de que as e os visitantes poidan incorporar os seus debuxos ou mensaxes. Ás actividades destes centros súmanse este xoves o taller sobre creación dun perfil de Instagram con HTML, da EE de Telecomunicación, e outro da Facultade de Historia, mentres que o venres terá lugar un coloquio da Facultade de Fisioterapia sobre lesións deportivas e unha charla do Servizo de Información ao Estudantado.

Información, asesoramento e aplicacións

Ademais de información e asesoramento, varias das facultades incorporan os seus espazos unha serie de exemplos dos múltiples ámbitos de aplicación dos seus estudos. Ese é o caso da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, na que os asistentes poden probar uns lentes de realidade virtual; das mostras de organismos mariños e sedimentos fosilizados que presenta Ciencias do Mar, ou das maquetas de nanosatélites que a asociación UVigo Space Lab suma ao espazo da EE de Telecomunicación. 

O monopraza da escudaría UVigo Motosport, unha cámara termográfica e un software de realidade virtual que se emprega nas prácticas do Grao en Enxeñaría Biomédica poden verse no stand da Escola de Enxeñería Industrial, un centro que estivo presente nas dez edicións de Edugal. “A idea é mostrar o que facemos, ademais darlles información e orientalos sobre os nosos diferentes graos”, salienta o seu subdirector de Alumnado, Antonio Riveiro. Con eses mesmos obxectivos, a EE Forestal suma aos folletos informativos unha serie de mostras da súa xiloteca e laboratorio de biomasa, mentres que a Facultade de Bioloxía amosa en Edugal fungos, explantos vexetais propagados con técnicas de biotecnoloxía e unha colección de insectos, xunto cun microscopio no que observar mostras de sangue ou parasitos. 

Por outra banda, Dirección e Xestión Pública conta por primeira vez cun espazo propio neste salón, dirixido “a dar a coñecer o proxecto conxunto dentro da futura facultade”, que agrupará o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional. “O que nos interesa é dar a coñecer as titulacións, fundamentalmente o grao virtual, que ten unha enorme proxección de futuro”, salienta Xosé Mahou, secretario comisario do futuro centro. Tamén coa idea de achegar información e asesoramento aos visitantes, contan cun espazo en Edugal as facultades de Ciencias Empresariais e Turismo, Educación e Traballo Social, Ciencias da Educación e do Deporte e Ciencias Xurídicas e do Traballo.