DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre os días 22 e 24 de abril na FFT con máis de 250 participantes

A UVigo, epicentro dos estudos interdisciplinares LGTBIA+ e queer coa celebración do congreso internacional Maricorners 2026

Coa inclusión do galego como lingua vehicular do simposio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HR
  • Igualdade
  • Investigación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/04/2026

A Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo converterase entre o 22 e o 24 de abril en punto de referencia dos estudos interdisciplinares LGTBIA+ e queer co gallo da celebración do congreso internacional Maricorners 2026. Organizado por docentes e investigadoras e investigadores da FFT e a Asociación MariCorners, o congreso reunirá máis de 250 participantes, 180 deles de xeito presencial, que por vez primeira se darán cita en Vigo, logo da celebración do simposio en Madrid e Valladolid.

“Cando se abriu a convocatoria para acoller o congreso, non o dubidamos. Formamos rapidamente un equipo para preparar unha proposta e fixemos unha primeira solicitude: non sería o V congreso internacional de estudios interdisciplinares LGTBIA+ y queer en español, o galego estaría presente en igualdade de condicións”, explica Carla Míguez Bóveda, investigadora predoutoral do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo e integrante do comité organizador, en relación coa iniciativa de organizar o congreso, no que o galego se inclúe como lingua vehicular.

Durante tres días o congreso desenvolverá un dobre programa académico e social con tres claros obxectivos. “Dunha banda crear un espazo, tanto físico, como disciplinar para debater temas LGTBIA e queer; divulgar ciencia LGTBIA e queer a través de diversos medios; e difundir investigacións e proxectos para enriquecer o debate científico e social sobre temas queer, fomentando conexións entre persoal investigador e combatendo o illamento académico”, detalla María del Carmen Méndez Santos, docente e investigadora do Departamento de Lingua Española.

Un congreso completo e intenso para a comunidade universitaria e publico xeral

Con preto de 40 paneis, que inclúen máis de 130 comunicacións, plenarias, presentacións de pósteres e obradoiros, o congreso ofrece un programa académico, a máis dun social con proxección de curtas, presentacións editoriais e bingo musical drag king, “moi completo e intenso”, explica Alberto Álvarez Lugrís, docente e investigador do Departamento de Tradución e Lingüística.

As comunicacións que se presentarán no congreso destacan, segundo a organización, por abranguer múltiples ámbitos do coñecemento, aínda que se poden encadrar nunha serie de temáticas claras. “a activista e académica,  dentro da que destacan as relacionadas coa socioloxía, a antropoloxía, a literatura e a lingüística ou a educación”, detalla a investigadora predoutoral Ártemis López. Entre as e os poñentes que van participar en Maricorners 2026, as e os organizadores destacan a Carolina Meloni e Mara Pieri que ofrecerán plenarias “nas que os estudos LGTBIA+ intersecan coa raza e coa diversidade funcional”. 

A maiores do alumnado interesado nos Estudos Queer, persoal docente e investigador e persoas expertas no ámbito de especialización LGTBIA+, a organización do congreso considera que este pode espertar o interese de calquera persoa que forma parte da comunidade universitaria e do público xeral, “mais consideramos que sería moi positivo para estudantes de TFG, TFM e doutoramento, que poden inserir a perspectiva LGTBIA+ nos seus traballos e investigacións”.

A UVigo, referente co tempo en estudos queer e LGTBIA 

Nunha institución como a UVigo, que a investigadora e docente do Departamento de Lingua Española Susana Rodríguez Barcia considera referente en canto a políticas feministas, “ten sentido que, cos cambios sociais dos últimos anos, se converta tamén co tempo en referente dos Estudos Queer e LGTBIA+”. Así mesmo, co creación dunha Unidade de Diversidade, cren desde a organización, que a súa celebración supón unha aposta pola visibilización dos Estudos LGTBIA+ na UVigo.

Uns estudos que, Carla Míguez, sinala que “co auxe da extrema dereita é máis importante que nunca visibilizar e apoiar. Malia celebrarse na FFT, no congreso non só se tratan asuntos de lingua: hai comunicacións sobre socioloxía, educación, historia, dereito, arquivos, ciencias da información… A celebración de Maricorners na UVigo, esperamos, pode fomentar a investigación en relación cos Estudos Queer en todos os ámbitos do coñecemento”.