DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Permite personalizar as conversacións, así como a proactividade no diálogo 

A UVigo estrea o primeiro asistente virtual con comprensión e procesamento de linguaxe natural en galego 

Dirixido principalmente ao alumnado, aínda que tamén dá servizo a PDI e PAS 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • TIC
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 31/01/2020

A Universidade de Vigo acaba de converterse na primeira institución pública en dispor dunha aplicación de atención a usuarios baseada en intelixencia artificial e comprensión e procesamento de linguaxe natural en galego. Desenvolvido pola empresa Asistentes Virtuales, a aplicación de atención ás e aos usuarios permite acceder á información dos sitios web e outras fontes da Universidade de Vigo de xeito fácil e “amigable” con aprendizaxe cero. “Non se trata dun simple ‘buscador’, senón dunha ferramenta de comprensión que realiza desambiguacións semánticas, analiza gramaticalmente as sentenzas e considera focos e contextos de conversa, gramática implícita, información da contorna e datos recibidos ou coñecidos do usuario. Todo isto permite personalizar as conversas e ser proactivo no diálogo”, explica Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. 

A vicerreitoría que dirixe Valderrama, xunto á de Planificación e Sostibilidade, colaboraron na posta en marcha do asistente virtual, que ten como usuario potencial principal o alumnado, aínda que tamén vai dirixido ao persoal docente e investigador (PDI) e ao de administración e servizos (PAS). “Ademais de potenciar a actitude pioneira da UVigo creando a primeira aplicación de atención a usuarios baseada en intelixencia artificial e comprensión e procesamento de linguaxe natural en galego, tamén é unha ferramenta para coñecer as inquedanzas dos colectivos usuarios, para a unificación das respostas a certas consultas por parte da Universidade de Vigo e para a detección de carencias no contido nos sitios web, ou a identificación de páxinas, que polo motivo que sexa, necesiten correccións ou melloras por non conseguir actualmente resolver as dúbidas dos seus visitantes”, detalla José Luis Míguez Tabares, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade. 

Unha fonte de información case sen límites

Aínda que na fase inicial se pretenden cubrir as preguntas asociadas aos procesos de matricula e datos de contacto do directorio da Universidade, así como preguntas típicas máis frecuentes da institución (localizacións e como acceder, procesos de titulacións e expedientes, facultades, graos, departamentos, calendario de días hábiles, transporte,  calendario académico, etc…), e preguntas xerais (cambios de divisas, personaxes célebres ou cotizacións bursátiles), “a posibilidade de proporcionar información aos usuarios por parte do asistente virtual, case non ten límites”, asegura Mónica Valderrama. 

En canto á elección da mascota da Universidade como imaxe do asistente virtual considerouse a máis axeitada “porque permite adoptar unha postura inclusiva en cuestións de sexo, xa que Oli non ten un sexo definido e permite unha consideración igualitaria non dependente do seu sexo, ademais de que Oli representa a enerxía da UVigo e é un ser positivo e amigable”, explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais. 

Preguntas ditadas e próxima incorporación dun micrófono en navegadores Chrome

Polo de agora, ás preguntas dirixidas ao asistente virtual, ademais de por escrito, poden ditarse a través de dispositivos que teñan a posibilidade deste tipo de input, por exemplo os teclados de dispositivos móbiles baseados en Android ou iOS. “Proximamente se incorporará un micrófono nos navegadores Chrome, de xeito que con ese navegador tamén será posible preguntar usando a voz, independentemente do dispositivo”, explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade.