Impulsado pola Vicerreitoría de Internacionalización céntrase na linguaxe académica e institucional
A UVigo estrea TermUVigo, o portal terminolóxico multilingüe para reforzar a comunicación institucional
Dirixido a PDI, PTXAS, estudantado e persoas externas interesadas na terminoloxía académica
A Universidade de Vigo, a través da Vicerreitoría de Internacionalizacion, impulsa TermUVigo, un portal terminolóxico multilingüe (galego, español e inglés) centrado na linguaxe académica e institucional da institución académica. Un proxecto que nace coa finalidade de organizar, sistematizar e ofrecer á comunidade universitaria un repertorio fiable de termos empregados no eido universitario, favorecendo unha comunicación clara, coherente e de calidade. ”TermUVigo representa unha aposta decidida por unha comunicación institucional máis precisa, accesible e internacional, contribuíndo á normalización terminolóxica, á redución de ambigüidades e ao reforzo da identidade institucional da UVigo tanto no ámbito estatal como internacional ”, explica Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización.
O portal permite realizar buscas terminolóxicas en castelán, galego e inglés, tanto mediante procuras simples como avanzadas, incorporando diferentes opcións de filtrado, como busca por termo exacto, inicio ou final de palabra ou código específico. O recurso, que está dirixido ao persoal docente e investigador (PDI), persoal técnico, de xestión e administración (PTXAS), estudantado e tamén a persoas externas interesadas na terminoloxía académica, conta cun índice alfabético e outro temático que facilitan a navegación e a localización dos contidos.
Óscar Ferreiro Vázquez, director da área de Plurilingüismo, considera que “a harmonización terminolóxica é fundamental para proxectar unha imaxe coherente da Universidade nos diferentes contextos lingüístico” e engade que “alén de máis, funciona como ferramenta de referencia para fixar e difundir a nomenclatura oficial da institución, harmonizando os distintos usos existentes nos seus servizos, centros e unidades”.
Información detallada e contextualizada
Cada entrada ofrece información detallada e contextualizada, incluíndo equivalencias lingüísticas, definicións, notas de uso e exemplos, converténdose así nun recurso útil tanto para a redacción de documentos académicos e administrativos como para a tradución e a comunicación institucional. Ademais, o sistema incorpora un formulario de contacto e espazos de participación que permiten ás persoas usuarias realizar consultas e propoñer melloras, favorecendo a actualización continua da base de datos terminolóxica. Para Santiago Pozo Antonio, director de área de promoción da internacionalización, “a combinación de ferramentas de procura e organización temática facilita que o recurso sexa útil tanto para tarefas administrativas como académicas”.
Na primeira quenda de incorporación de contidos colaboraron tamén os estudantes Inés Alonso Veloso e José Santamarta Vázquez, que participaron nas tarefas de revisión e apoio á compilación terminolóxica. Ambos coinciden en salientar “o valor do proxecto como ferramenta práctica para mellorar a comunicación universitaria e o uso coherente da terminoloxía académica”.
