Na segunda edición dun título propio que se imparte na Facultade de Ciencias
A UVigo forma unha nova xeira de especialistas en Auga, Termalismo e Saúde
No marco do proxecto de especialización Campus Auga
A segunda edición do curso de Experto en Auga, Termalismo e Saúde da Universidade de Vigo xa está en marcha. 14 persoas comezaron a súa formación neste título propio que se imparte na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e que busca ofrecer “unha formación integral sobre os beneficios terapéuticos e cosméticos da auga mineral-medicinal e termal”.
A iniciativa é un título propio da UVigo ofertado a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente e realízase ao abeiro do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Dirixido polas profesoras e investigadoras Mª Inmaculada Franco e María José Pérez, estrutúrase en módulos que abranguen dende os aspectos xeolóxicos e microbiolóxicos da auga ata a súa aplicación no tratamento de diversas patoloxías.
O curso desenvólvese de xeito semipresencial ata finais de xuño de 2027, constando de 24 créditos ECTS e mesturando docencia presencial e virtual e prácticas en empresa. Hai 14 persoas inscritas, mantendo a cifra da súa anterior edición e tamén a diversidade de perfís profesionais do alumnado participante, ao asistir persoas procedentes de disciplinas que van desde o ámbito sanitario á docencia. “O termalismo constitúe hoxe un espazo de encontro interdisciplinar, de coñecemento compartido e de traballo en común”, destacan desde a organización.
Da hidroxeoloxía ás patoloxías
A formación arrancou introducindo ao alumnado nos conceptos de hidroxeoloxía, calidade e control microbiolóxico e químico da auga e na lexislación vixente, promovendo a innovación no uso das augas termais. Deste xeito, o alumnado, guiado polos profesores da Facultade Ciencias Pedro Araujo e José Ángel Cid, analizaron sobre o terreo os procesos de formación dos xacementos termais ourensáns, os métodos empregados para o seu estudo e caracterización, así como o seu potencial enerxético e os beneficios que estes recursos achegan á sociedade. Esta primeira actividade permitiu pór en valor o xacemento termal de Ourense, considerado un dos máis importantes de España. O seguinte módulo centrarase xa na dermocosmética, detallando o uso da auga termal na formulación de produtos para o coidado da pel e o terceiro abordará a identificación de patoloxías tratables con terapias termais, como problemas reumáticos, dermatolóxicos, respiratorios e crónicos, así como técnicas de aplicación da auga.
O curso conta tamén con prácticas de laboratorio, visitas técnicas e estadías en empresas, “contribuíndo á formación de profesionais especializados nun sector estratéxico para o desenvolvemento económico, científico e sanitario de Galicia”. Ademais, o alumnado ten a oportunidade de complementar a súa formación académica coa asistencia a actividades científicas e profesionais destacadas, “coñecendo de primeira man as últimas tendencias en hidroxeoloxía, balneoterapia, turismo de saúde, innovación e sostibilidade”, como foron estes días o II Congreso Internacional da Xestión da Balneoterapia (celebrado no campus de Ourense) e Termatalia (en Expourense). Este achegamento, sinalan desde a organización do curso, supón para o alumnado “unha excelente oportunidade para entrar en contacto directo cos principais actores dun sector en constante crecemento”.
