DUVI

Diario da Universidade de Vigo

TaleS é unha iniciativa da Fundación Mapfre e o Centro Internacional Santander Emprendimiento

A UVigo forma parte novamente dunha rede interuniversitaria de apoio ao emprendemento sénior 

Nunha edición que arranca cun concurso de ideas, aberto a persoas de 50 anos ou máis 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 30/07/2026

Da man da Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo, a Universidade de Vigo participa un ano máis no programa de apoio ao emprendemento sénior TaleS, unha iniciativa promovida polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) e o centro de investigación Ageingnomics da Fundación Mapfre, coa colaboración de doce universidades españolas. Dirixido a persoas maiores de 50 anos, a apertura de inscrición nesta nova edición vese precedida polo lanzamento do concurso de ideas Talento Sénior, dirixido a reunir “solucións innovadoras que melloren a calidade de vida das persoas maiores”, como sinalan desde a organización.

Como “unha maneira de seguir aumentando as actividades dirixidas a fomentar o talento sénior” define a profesora da Facultade de Comunicación, Montse Vázquez, coordinadora de TaleS na UVigo, este novo concurso de ideas que precede á apertura, no mes de setembro, do período de inscrición para participar neste programa formativo. Dirixido a impulsar o emprendemento sénior, os seleccionados e seleccionadas nesta iniciativa nas diferentes universidades tomarán parte nun programa formativo de carácter virtual, no que adquirirán coñecementos sobre lean startup, design thinking, validación, prototipado ou orientación ao cliente, á vez que conectarán con outros emprendedores e emprendedoras, tanto novos como sénior. 

Solucións pensadas “por e para maiores”

Coa inscrición aberta ata o 30 de setembro, o concurso Talento Sénior é unha das novidades desta quinta edición de TaleS e ten como obxectivo “impulsar ideas innovadoras, creadas por e para maiores de 50 anos”, destacan desde a organización. En concreto, esta convocatoria busca reunir propostas ideadas para mellorar o día a día das e dos maiores “en áreas como vida activa e saúde, alimentación saudable, finanzas aforro, ocio e vivenda e outras temáticas”, non sendo preciso un plan de negocio, senón ideas que se atopen nunha fase inicial. Nese senso, as e os participantes deberán explicar “o problema detectado e a súa proposta de solución” nun texto dun máximo de 350 palabras, optando deste xeito ao premio económico de 1000 euros. Por outra banda, todas as persoas participantes recibirán acceso a un programa de formación virtual, que busca dotalos de ferramentas nas áreas da creatividade, o benestar emocional e as oportunidades de negocio.

Doce universidades representadas

Presentada como “a primeira rede de emprendedores sénior interuniversitaria de España”, TaleS celebraba recentemente a reunión de lanzamento da súa quinta edición, na que amplía a doce o número de universidades participantes. Xa no mes de setembro terá lugar tanto o fallo do concurso de ideas como o lanzamento dun programa formativo que dará comezo en outubro. No mes de decembro, levarase a cabo a elección das ideas de emprendemento finalistas en cada unha das universidades participantes, e as e os seus promotores tomarán parte a continuación nun proceso de mentoría, dirixidos a guialos no desenvolvemento das propostas empresariais que presentarán no Demo Day final do programa. Neste evento, que o pasado mes de marzo tiña lugar no campus de Pontevedra, as ideas seleccionadas en cada universidade optarán ao premio ao mellor proxecto de emprendemento desta edición.