DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os responsables de ambas as dúas institucións asinaron un convenio marco

UVigo e Fundación Ángeles Terrazo inician a súa colaboración cunha mostra da ilustradora Carla Fernández

A exposición pode visitarse no edificio Redeiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Institucional
DUVI 05/06/2026

A Universidade de Vigo e a Fundación Ángeles Terrazo selaban nas últimas horas coa sinatura dun convenio o seu compromiso co desenvolvemento, defensa e difusión da cultura. Nun acto celebrado no edificio Redeiras, Manuel Reigosa e Ángeles Terrazo asinaron o convenio marco de colaboración polo que as institucións que dirixen realizarán actividades conxuntas como desenvolvemento de proxectos culturais; organización de actividades académicas como cursos, conferencias ou seminarios dentro da comunidade universitaria; apoio a artista e estudantes; e colaboración en proxectos culturais e editoriais. 

O acordo marco subscrito entre o reitor en funcións da UVigo e a presidenta da Fundación Ángeles Terrazo contempla, así mesmo, a promoción, por unha banda, da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres en todos os ámbitos da sociedade, e, por outra, a de valores culturais e a difusión da creación literaria e artística.

Unha mostra da obra de Carla Fernández

Froito da colaboración que ambas as dúas institucións oficializaron nas últimas horas, inaugurouse no edificio Redeiras da UVigo a mostra Entre cenizas y mareas, que agrupa 30 obras da ilustradora Carla Fernández. 

Acuarela, grafito ou acrílico son algunhas das técnicas empregadas por esta artista de 20 anos, que cursa Ilustración en Ourense. Fantasía, Emociones, Retratos, Reinterpretación, Ilustración Científica e Último Proxecto en Proceso (Barquito de Papel) son os seis grupos temáticos nos que se distribúe a obra de Carla Fernández, que transita a través de composicións figurativas ata atmosferas máis mitolóxicas.