DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Creando unha cátedra e renovando a adscrición á UVigo da EU de Enfermaría

UVigo e Grupo sanitario Ribera consolidan o seu compromiso coa formación dos profesionais e a atención á cidadanía

Manuel Reigosa e Alberto de Rosa asinaron este venres dous convenios 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/06/2024

Como “unha guinda que visibiliza a nosa colaboración” definiu o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, a Cátedra Ribera Povisa, cuxo convenio de creación asinou esta mañá co presidente do Grupo sanitario Ribera, Alberto de Rosa Torner. Nun acto celebrado no edificio Redeiras, Reigosa e De Rosa formalizaron o acordo para a creación e regulación da Cátedra Ribera Povisa en Innovación e Saúde, así como convenio para a renovación da adscrición á UVigo da Escola Universitaria de Enfermaría Ribera Povisa.

A Cátedra Ribera Povisa en Innovación e Saúde, que dirixirá o docente e investigador do departamento de Didácticas Especiais da UVigo Vicente Romo Pérez, permitirá crear un programa de desenvolvemento académico-profesional que, entre outras cuestións, axudará aos e ás docentes da Escola a acadar o título de doutor mediante a súa incorporación aos programas de doutoramento da UVigo. Ao tempo, desenvolveranse programas e actividades encamiñadas a potenciar o coñecemento e a utilización de novas técnicas e ferramentas coas que dotar ao alumnado e aos profesionais da Escola Universitaria de Enfermaría Ribera Povisa de recursos de vangarda. A maiores, prevese que a cátedra tamén dea acubillo a posibles proxectos de innovación e liñas de investigación do ámbito sanitario relacionados cos diferentes programas de doutoramento.

Compromiso e formación a prol dos profesionais e da cidadanía

Na súa intervención posterior á sinatura dos convenios, o presidente o Grupo sanitario Ribera sinalou en relación coa creación da cátedra a relevancia do termo “compromiso” para referirse á relación que manteñen coa UVigo, como institución académica máis próxima; coa cidade de Vigo, “logo de 50 anos de labor asistencial moi importante”, dixo Alberto de Rosa; co sector do coñecemento e cos profesionais, “que poderán mellorar a súa formación e calidade asistencial á cidadanía”, apuntou o presidente. De Rosa tamén manifestou a súa satisfacción por ir da man nun proxecto destas características cunha “unha institución de prestixio” como a UVigo.

Pola súa banda, o reitor da UVigo reiterou a firme aposta da institución por crear unha facultade de Enfermaría “que integrará as tres escolas públicas, ao tempo que se estuda como facer un maior grao de integración da Escola Ribera Povisa. Sexa cal sexa figura que utilicemos queremos ir da vosa man e aproveitar esta cátedra para fortalecer o que para nós é o futuro, que é a investigación e a formación ao máximo nivel dos nosos profesionais en temas que redundan en beneficio de toda a cidadanía, porque a traslación do coñecemento que se obtén en temas e Enfermaría é inmediata e os pacientes van obter moitas vantaxes de todo o que poidamos facer xuntos”. Reigosa mostrouse convencido do efecto multiplicador que considera vai ter a cátedra, “facendo render cara euro para que a vida dos cidadáns sexa mellor”. Para o reitor da UVigo, “esta cátedra vén poñer unha guinda” que fai máis visible a colaboración da institución académica co Grupo sanitario Ribera.

Renovación do convenio de adscrición da Escola Universitaria de Enfermaría Ribera Povisa

Esta mañá, Reigosa e De Rosa tamén asinaron o convenio para a renovación da adscrición á UVigo da Escola Universitaria de Enfermaría Ribera Povisa. O convenio de adscrición é unha renovación do asinado en xuño de 1991, debido ao cambio de titularidade de Povisa ao Grupo sanitario Ribera e a súa adaptación ás novas leis.

O novo convenio establece o procedemento de acceso do persoal da EU de Enfermaría Ribera Povisa aos diferentes programas de formación que se imparten na Universidade de Vigo, entre eles, os cursos para profesorado novel, obrigatorios para as novas figuras de profesorado axudante doutor. Inclúese tamén o apoio e colaboración para o desenvolvemento da actividade investigadora do profesorado da escola, que permitirá a integración destes docentes nos grupos de investigación da UVigo e nos proxectos de investigación colaborativos entre ambas entidades de acordo coa lexislación vixente.