En cooperación coa Fundación de Investigación Biomédica Galicia Sur
A UVigo impartirá un curso de experto en Tecnoloxías Aplicadas ás Enfermidades Respiratorias
Ambas entidades asinaron este luns un convenio de colaboración
Entre as novidades que a Universidade de Vigo ofertará o vindeiro ano académico dentro do seu catálogo de titulacións propias está o Curso de Experto en Tecnoloxías Aplicadas ás Enfermidades Respiratorias. Trátase dunha formación innovadora e especializada orientada a desenvolver competencias e habilidades que permitan dar resposta de alto nivel e liderar accións de mellora en todos os aspectos relacionados coas tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas aplicadas ás enfermidades respiratorias.
Para poñer en marcha este curso de experto, que se imparte ao abeiro do Centro de Posgrao e Formación Permanente (CPFP), a Universidade de Vigo alíase coa Fundación de Investigación Biomédica Galicia Sur, entidade coa que este luns asinaron un convenio de colaboración. Xunto co reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asistiron ao acto a directora Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, Beatriz Gil de Araújo; o xefe do Servizo de Neumoloxía da Área Sanitaria de Vigo e coordinador do curso, José Alberto Fernández Villar e o xerente da Área Sanitaria, Javier Puente Prieto, así como o director do CPFP, Fernando Cerdeira.
Unha formación única en Galicia e en España
Sobre a nova titulación, os seus impulsores explican que se trata dunha formación única en Galicia e en España, xa que non existen programas que aborden cunha visión global (procedemento e equipamento), integral e práctica todas as aplicacións tecnolóxicas necesarias para o manexo seguro e eficiente de pacientes con enfermidades respiratorias. A UVigo pon en marcha esta titulación co obxectivo de que as e os profesionais que completen a formación conten coa capacitación precisa para realizar e controlar a adecuada utilización destas tecnoloxías así como os dispositivos e aparataxe necesarios para iso. O director do curso, o doutor José Alberto Fernández Villar, destaca o carácter multidisciplinar do cadro docente, no que hai profesionais de enfermaría, fisioterapia, enxeñaría, informática, pneumoloxía, radioloxía, medicina nuclear, neurofisioloxía, etc. Tamén recalca que se trata dunha formación pioneira porque se centra na especialización técnica, nas tecnoloxías relacionadas coas enfermidades respiratorias que son cada vez máis e máis novidosas, incluíndo os retos novos que achega a intelixencia artificial, os avances da robótica”.
10.000 euros para axudas ao estudo
No acto de sinatura, o reitor, Manuel Reigosa, amosouse “encantado de seguir pechando etapas neste círculo virtuoso” do cal forman parte a Universidade, o Sergas e a Fundación Biomédica Galicia Sur, “e que só pode dar cousas boas para o país”. Tamén recalcou a importancia e a necesidade de ampliar a oferta de títulos propios que imparte a UVigo, “que serven para complementar a formación ao longo de toda a vida” en todos os eidos do coñecemento e, neste caso concreto, no relacionado co eido sanitario.
Pola súa banda, tanto o xerente da Área Sanitaria como a directora Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur e o director do CPFP tamén puxeron en valor a importancia desta colaboración entre Universidade, Área Sanitaria e Fundación Biomédica, unha mostra máis da estreita cooperación que estas entidades desenvolven tanto en investigación como en docencia.
No convenio asinado este luns tamén se contempla a posta en marcha dunha convocatoria de axudas ao estudo para as persoas matriculadas que superen a formación, tanto a parte teórica como a parte práctica, que se desenvolverá nos laboratorios de función pulmonar, nas salas de endoscopia ou unas camas de monitorización respitatoria de Neumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro. A UVigo será a encargada de deseñar as bases desta convocatoria de bolsas e a Fundación Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur achegará 10.000 euros para este fin.
Para titulados e tituladas en Enfermaría, Fisioterapia ou Enxeñería Biomédica
O curso está especialmente deseñado para graduados e graduadas ou licenciados e licenciadas en Enfermaría, Fisioterapia ou Enxeñería Biomédica. A docencia, que comprende un total de 198 horas e 20 créditos, impartirase no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e nas plataformas de teledocencia da Universidade de Vigo. Conta cunha oferta de 30 prazas e o prazo de inscrición está aberto ata o 6 de setembro e a matrícula ata o 13 dese mesmo mes.
Entre as competencias específicas que adquirirán os estudantes está coñecer a anatomía do sistema respiratorio para entender e optimizar as aplicacións tecnolóxicas necesarias para a adecuada atención das enfermidades respiratorias e coñecer a fisiopatoloxía do sistema respiratorio para entender e optimizar as aplicacións tecnolóxicas necesarias para a adecuada atención das enfermidades respiratorias. Tamén aprenderán a identificar as bases tecnolóxicas dos dispositivos e instrumental que se precisan para o diagnóstico, tratamento e seguimento das enfermidades respiratorias e a identificar e describir as indicacións para a realización e a interpretación dos resultados das principais probas diagnósticas e terapias aplicadas ás enfermidades respiratorias. Ademais, poderán aplicar os coñecementos teóricos e as habilidades prácticas adquiridas na utilización das técnicas e procedementos instrumentais relacionados coas enfermidades respiratorias acordes á carteira de servizos sanitarios propia da súa formación e poderán recoñecer e describir os criterios de calidade e seguridade das tecnoloxías aplicadas ao diagnóstico e tratamento das enfermidades respiratorias en cada contexto clínico.
Paralelamente, tamén poderán coñecer as limitacións, riscos e solucións das tecnoloxías aplicadas ás enfermidades respiratorias; dispoñer das habilidades e das competencias necesarias para a busca das innovacións neste campo e liderar proxectos de mellora nos procesos tecnolóxicos aplicados ás distintas enfermidades do aparello respiratorio; coñecer o contexto e as estratexias existentes a distintos niveis para o desenvolvemento da saúde dixital aplicada ás enfermidades respiratorias, así como os sistemas de información que dan soporte á súa actividade; coñecer e aplicar a normativa e regulación local, autonómica, nacional e internacional no ámbito das tecnoloxías aplicadas ás enfermidades respiratorias; e resolver casos prácticos no campo das tecnoloxías aplicadas ás enfermidades respiratorias, o que implica a elaboración previa de material, a identificación de cuestións problemáticas, a selección, interpretación e a exposición argumentada deste ámbito da saúde respiratoria das persoas.