DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha regata de bateis enfrontou ao alumnado do campus pontevedrés da Escuela Naval Militar

A UVigo imponse no II Trofeo Ría de Pontevedra

A competición insírese nas actividades da Cátedra Álvarez-Ossorio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 30/04/2024

As vitorias acadadas tanto na manga masculina como na feminina polo estudantantado do campus pontevedrés converteu á Universidade de Vigo na gañadora da II Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio-Trofeo Ría de Pontevedra, disputada na tarde deste luns en augas interiores da ría de Pontevedra. Promovida pola Vicerreitoría do campus e a Escuela Naval Militar (ENM) tratábase dunha competición de bateis, que enfrontou a alumnado da UVigo e da ENM nun percorrido de dous quilómetros, con dúas ceavogas e na que a Universidade competiu cunhas tripulacións integradas por estudantes das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia e  da Escola de Enxeñaría Forestal.

Organizada coa colaboración do Gremio de Mareantes e do Club de Piragüismo Cidade de Pontevedra, esta regata inseríase á súa vez na programación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a UVigo e a ENM promoven conxuntamente. Con saída do embarcadoiro das Corvaceiras, a competición arrancou coa manga masculina, na que a tripulación integrada por estudantes do campus alzouse co primeiro triunfo parcial. O mesmo acontecía a continuación na competición feminina, na que as alumnas da UVigo impúñanse con claridade ás do centro con sede en Marín. Resolto xa que institución acadaba a vitoria no cómputo global, disputouse unha terceira manga con tripulacións mixtas, nas que competiron dous bateis integrados por un alumno e unha alumna de cada institución, completándose así unha competición que buscaba tamén ser tamén unha xornada de confraternidade entre o estudantado das dúas institucións.

O trofeo permanecerá un ano máis no campus

Celebrada por primeira vez en xuño de 2023, o Trofeo Ría de Pontevedra naceu co obxectivo de converterse nunha cita anual que medise nas augas da ría o estudantado de diferentes centros do campus e da ENM, que alberga o Centro Universitario da Defensa (CUD), adscrito á UVigo. Aquela primeira edición desenvolveuse con barcos dragón, unha modalidade de piragüismo orixinaria da China, e saldouse tamén coa vitoria do alumnado do campus pontevedrés, tanto na competición feminina como na masculina. 

Desta volta, tratouse dunha competición de remo, na que competían embarcacións integradas por catro remeiros e remeiras e un patrón, que se pechou cun acto de entrega de premios na sede do Gremio de Mareantes, no que participaron o reitor, Manuel Reigosa, e as vicerreitoras do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e o comandante director da ENM, Pedro Cardona. Neste acto, o alumnado do campus puido levantar de novo o trofeo desta regata que incorpora en cada edición unha placa co nome do gañador. De feito, como recolle o regulamento da proba, este trofeo permanece na sede da institución gañadora ata a seguinte edición, polo que corresponderalle novamente á UVigo custodialo ata a regata de 2025.